Galicia e Portugal alíanse para mellorar o diagnóstico por imaxe en medicina nuclear

A rede Gallaecia-PET desenvolverá a tomografía por emisión de positróns, que permite o diagnóstico precoz a través de radiación controlada

As técnicas por imaxe médicas son determinantes á hora de diagnosticar enfermidades e calquera anomalía que ocorra no organismo. Por iso, seis entidades galegas e cinco portuguesas asinaron un acordo de cooperación transfronteirizo entre ambas comunidades, dentro da rede Gallaecia-PET, para desenvolver a tomografía por emisión de positróns ou PET, un tipo de imaxe de medicina nuclear. 

O grupo de Imaxe Molecular do IDIS, instituto no que participa a USC, liderado pola doutora Virginia Pubul, xefa de Medicina Nuclear do CHUS, e o doutor Pablo Aguiar, profesor de Radioloxía e Medicina Nuclear da USC, é un dos socios principais desta rede Gallaecia-PET en Galicia. “O IDIS é un socio central nesta rede, pois está previsto que valide boa parte desta tecnoloxía PET, que se vai desenvolver no Hospital Clínico de Santiago”, en palabras do investigador Aguiar.

Publicidade

Esta rede é un acordo de cooperación entre entidades portuguesas e galegas participantes na proposta de rede de colaboración público privada Gallaecia-PET que espera recibir financiamento de fondos de desenvolvemento Interreg POCTEP. A cooperación entre socios transfronteirizos permite expoñer grandes desafíos tecnolóxicos. “A rede Gallaecia-PET permitirá coordinar e aumentar significativamente as diferentes capacidades existentes en ambas rexións en tecnoloxía de imaxe médica PET, desde a investigación preclínica e desenvolvemento de radiofármacos ata o seu uso clínico”, sinalan. 

Entre as entidades atópanse empresas e centros de investigación da eurorrexión: o Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela; a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago FIDIS; a Universidade de Vigo (UVigo); Galaria Empresa Pública de Servizos Sanitarios SA da Consellería de Sanidade; ATI Sistemas SA, a Universidade de Aveiro (UA), o Instituto de Ciencias Nucleares Aplicadas á Saúde (ICNAS-Pharma), o Instituto Politécnico de Coímbra (IPC), o Laboratorio de Instrumentación e Física Experimental de Partículas (LIP), Qubiotech Health Intelligence SA, e Radiation Imaging Technologies Lda. (RI-CHE).

Publicidade

PET e diagnóstico temperán

O PET permite diagnosticar moitas doenzas e inflamacións do organismo a través de radiación controlada. Este sistema emprega pequenas cantidades de materiais radioactivos ou radiofármacos que se inxectan no paciente; cunha cámara especial e un computador, avalíanse as funcións dos órganos e tecidos. 

Esta técnica de exploración é importante no diagnóstico temperán de enfermidades e a valoración das mesmas. Mediante a identificación de cambios a nivel celular, o PET pode detectar as manifestacións temperás de enfermidades antes que outros exames por imaxes, e mesmo controlar a evolución dunha enfermidade, como pode ser o cancro,  enfermidades vasculares ou doenzas inflamatorias, entre moitas outras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua