Científicos de Vigo deseñan un sensor para detectar precozmente o alzhéimer

O sistema, que funcionaría de xeito semellante a un test de antíxenos, sería unha alternativa aos métodos actuais de diagnóstico, máis custosos e invasivos

Máis de 70.000 persoas en Galicia teñen alzhéimer ou algún outro tipo de demencia. Unha enfermidade que desgasta e obriga ao esquecemento. Non ten cura e os seus síntomas empeoran progresivamente co tempo. Afecta ao 12,5% dos maiores de 65 anos e a máis do 30% dos que superan os 85, segundo a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL). “Os actuais métodos de diagnóstico son dolorosos, custosos e teñen os seus riscos. Non funcionan e non son fiables”, apunta Miguel Correa-Duarte, director do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo). Tamén é un dos asinantes dun artigo, publicado en colaboración con científicos portugueses, no que deseñan un sistema alternativo para a detección precoz do alzhéimer.

“Os actuais métodos de diagnóstico son dolorosos, custosos e teñen os seus riscos”

“É un sensor electroquímico que vai contra unha proteína, a Tau 181, posto que xa hai traballos que a sinalan como un posible biomarcador da enfermidade. O sistema que nós propoñemos é fácil e rápido de medir porque só precisarías unha gota do plasma sanguíneo”, explica o director do CINBIO. Tal e como está pensado este método podería empregarse nos puntos de asistencia médica sen que fose preciso acudir a un laboratorio especializado. “Funcionaría de maneira semellante a un test de antíxenos“, aclara Correa-Duarte. Engade que este novo sensor para detectar o alzhéimer tamén sería moi semellante aos sensores de glicosa porque funcionaría co mesmo electrodo. “A gran vantaxe é que son moi sinxelos porque non teñen partes mecánicas. Metes unha gota e les o resultado“, insiste o investigador.

Publicidade

Proba de concepto

Máis polo miúdo, os científicos da UVigo desenvolveron unha parte do traballo, que consistiu na elaboración dunhas partículas que fan que o sinal, cando se deposita no electrodo, sexa mellor e máis fácil de detectar. “Necesitamos que sexan sensores moi sensibles porque hai moi pouca cantidade de Tau 181 no sangue”, explica Correa-Duarte. Coas partículas desenvolvidas na UVigo, o sinal electroquímico é “moito mellor” e permite detectar a proteína nas concentracións que se desexan. A outra parte da investigación, que foi desenvolvida en Portugal, consistiu en medir as probas electroquímicas e despositar o anticorpo enriba do electrodo. Con todo, o director do CINBIO insiste en que a súa investigación é “unha proba de concepto”. “Demostramos que isto se pode facer. Agora quedaría todo o desenvolvemento industrial. Aí teñen que ser as empresas as que estean interesadas en facelo”, recalca.

“Necesitamos que sexan sensores moi sensibles porque hai moi pouca cantidade de TAU 181 no sangue”

Aínda que os investigadores, tanto galegos como portugueses, demostraron que este sensor serve para identificar Tau 181, considerada como un posible biomarcador do alzhéimer, aínda queda moito traballo por diante de cara á súa posible comercialización. “Agora habería que buscar unha empresa, un axente ou un proxecto que financie o desenvolvemento do dispositivo”, sinala Correa-Duarte. Non obstante, recoñece que os custos serían elevados, posto que o proceso derivaría en probas e deseños industriais que levarían o seu tempo. “Ao mellor non o podes sacar ao mercado ata dentro de dous ou tres anos. E necesitas cartos. Ten que haber unha empresa disposta a facelo”, insiste o investigador da UVigo.

Publicidade

Prezo asequible

Malia que o proceso industrial e a súa posterior comercialización serían longos e custosos, o produto final non. Este tipo de sensores electroquímicos adoitan ter un prezo asequible unha vez que xa están no mercado. “Este sistema non é nada novo na industria. Tan só habería que adaptalo á proteína Tau 181”, aclara Correa-Duarte. De feito, indica que sería un aparello “bastante barato”. “O único que habería que vender serían os electrodos pequenos, que é como se mete o stick e a gota de sangue”, continúa explicando o investigador. De todos os xeitos, puntualiza que habería que estudar ben como sería o deseño industrial deste dispositivo.

“Este sistema non é nada novo na industria. Tan só habería que adaptalo á proteína Tau 181”

O obxectivo que perseguían os investigadores era deseñar un sensor que permitise detectar o alzhéimer de maneira precoz pero, sobre todo, máis fácil. Que o método que nacese froito da colaboración entre galegos e portugueses fose un sistema menos invasivo que os actuais. Malia que conseguiron demostrar o seu funcionamento, Correa-Duarte apunta que aínda queda moito por facer. “Despois de deseñar o sensor hai que testear á xente. É dicir, demostrar que Tau 181 é un biomarcador do alzhéimer que permitirá, no futuro, adiantarse á enfermidade”, explica o investigador. Para iso será preciso monitorizar a moitas persoas e esperar varios anos, ata que se validen os resultados. “O que se está a facer agora é traballar con mostras almacenadas, pero é un traballo custoso“, recoñece o director do CINBIO. E malia que aínda quede moito por facer, o innegable é que estamos un paso máis cerca.


Referencia: Development of a biosensor for Phosphorylated Tau 181 Protein detection in Early-Stage Alzheimer’s Disease (Publicado en Bioelectrochemistry)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

O Living Lab de Vigo pon en marcha o testeo colaborativo de solucións tecnolóxicas para a saúde

O proxecto internacional conta con oito propostas innovadoras en desenvolvemento para tratar pacientes con Alzheimer e demencia

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2