Mércores 22 Maio 2024

Científicos galegos buscan biomarcadores para a detección precoz do párkinson

Un foro reúne en Santiago a centros de investigación e asociacións para abordar os avances no estudo das enfermidades neurodexenerativas

O párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente despois do alzhéimer e a primeira do trastorno motor. É crónica, maniféstase cando xa está nun proceso avanzado e non ten cura, aínda que existen terapias e tratamentos farmacolóxicos e cirúrxicos que modifican a evolución da enfermidade e melloran a calidade de vida dos pacientes.

A enfermidade de párkinson (EP) é unha das tres protagonistas do I Foro de enfermidades neurodexenerativas que se celebra esta semana en Santiago, organizadas pola Asociación compostelá de esclerose múltiple, párkinson, ELA e outras (ACEM), en colaboración co Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).  Avances en investigación, visións clínicas e experiencias persoais van da man nun encontro que conta co aval científico do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Neurodexenerativas (CIBERNED).

Publicidade

Ana Isabel Rodríguez Pérez, investigadora do Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade do Párkinson (EP) do CiMUS e vinculada ao IDIS, traballa na procura de biomarcadores para identificar o inicio e a progresión da doenza, pois cando emerxen os síntomas é se diagnostica, o enfermo xa perdeu máis do 50% das neuronas dopaminérxicas —a súa desaparición é responsable da enfermidade— o que fai moi difícil establecer unha terapia neuroprotectora. 

“O feito de atopar un biomarcador de inicio da enfermidade permitiríanos adiantarnos á situación e identificar a aquelas persoas con alto risco de desenvolver párkinson”, subliña Ana Isabel Rodríguez. Sería un chanzo fundamental “para comezar tratamentos neuroprotectores e implementar hábitos de vida saudables coma unha correcta alimentación que evite a hipertensión, a hipercolesterolemia, a diabetes e outras patoloxías que demostraron incrementar o risco a de padecer párkinson e fomentar a practica regular de exercicio, hábito que ten probado que reduce as posibilidades de padecer a enfermidade”, engade esta investigadora integrante da palestra científica do I Foro ACEM.

“Cando emerxen os síntomas do párkinson, o enfermo xa perdeu máis do 50% das neuronas dopaminérxicas”

ANA ISABEL RODRÍGUEZ PÉREZ, investigadora do CiMUS

O seu equipo pretende tamén deseñar un panel de biomarcadores que permitan “facer un seguimento do doente diagnosticado e estudar a evolución precisa da enfermidade caso a caso, subministrando a cada un a alternativa terapéutica que máis lle beneficie”.

“Aínda que non existen estudos epidemiolóxicos sobre a incidencia do párkinson en Galicia, estimamos que hai entre 4.000 e 5.000 pacientes”, apunta o neurólogo Ángel Sesar, coordinador da Unidade de Trastornos do Movemento do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Non é casual que a maioría dos enfermos de párkinson teñan máis de 60 anos, xa que é unha enfermidade ligada ao envellecemento. “Así e todo hai unha forma xuvenil que pode comezar antes dos 40 anos, aínda que é menos frecuente”, engade Sesar, que compartirá a súa experiencia clínica nestas xornadas divulgativas.

Vivir con párkinson non é sinxelo aínda que se ten avanzado moito no tratamento desta enfermidade, a día de hoxe sen cura e de orixe descoñecida. “Os tratamentos restauran parcialmente a función do circuíto nervioso do movemento, pero é un tratamento puramente sintomático”, indica Ángel Sesar. Uns tratamentos que si alongan e mellora a calidade de vida dos enfermos.

“Non hai estudos epidemiolóxicos sobre a incidencia do párkinson en Galicia. Estimamos que hai entre 4.000 e 5.000 pacientes”

ÁNGEL SESAR, neurólogo do CHUS

Os problemas motores son os máis evidentes e recoñecibles —tremores en repouso, lentitude de movementos, rixidez muscular e dificultade para iniciar a marcha— , agora ben, o párkinson suma outros síntomas non motores que condicionan, para mal, a vida das persoas enfermas como son os problemas de sono, os trastornos de control de impulsos, os problemas cognitivos…

Coñecemento e terapias

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade do Párkinson do CiMUS, coordinado polo catedrático de Neuroanatomía da USC José Luis Labandeira García, estuda os mecanismos responsables da dexeneración de neuronas dopaminérxicas e traballa no desenvolvemento de novas estratexias para a abordaxe terapéutica da enfermidade. Con este horizonte ten abertas distintas liñas de investigación como, por exemplo, a procura de mecanismos de neuroprotección, poñendo o foco en fármacos comercializados como tratamentos doutras enfermidades pero que teñen demostrado ser neuroprotectores, como é o caso dalgúns antihipertensivos.

Por outra banda, o grupo do CiMUS investiga novas fórmulas de neuroreparación como a substitución das neuronas perdidas con células e tamén a abordaxe farmacolóxica de movementos anormais, chamados discinesias, inducidos polo tratamento con L-DOPA.

“Cada día coñecemos máis de dous mecanismos moleculares que están implicados na aparición e progresión da enfermidade de párkinson, polo tanto, cada día estamos máis preto de atopar alternativas terapéuticas que axuden a previr, retardar e mesmo, co tempo, deter a progresión dá enfermidade”, conclúe a investigadora Ana Isabel Rodríguez. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago descobre unha nova terapia contra un cancro agresivo de tiroides

Un estudo do CiMUS publicado na revista 'Nature Communications' elimina de forma selectiva as células cancerosas sen danar as sas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'