Venres 6 Decembro 2024

Unha onda xigante causou o accidente do Prestige?

Científicos da Universidade de Alcalá, o Instituto Meteorolóxico Francés e a Universidade de Oslo mediron por primeira vez a probabilidade de que unha onda xigante acontecese no momento do accidente do Prestige en 2002. Os resultados indican un valor lixeiramente superior ao habitual debido ao estado da mar naquel momento, con ondas moi altas e cruzadas.

Percorrido final do Prestige antes do afundimento e estado da mar.
Percorrido final do Prestige antes do afundimento e estado da mar.

O 13 de novembro de 2002, o petroleiro Prestige, cargado con 77.000  toneladas de fueloil avisaba dunha rachadura da súa estrutura na costa de Fisterra, na Costa da Morte.  Descoñécese se foi polo golpe dunha onda, polo impacto dun obxecto, ou por unha debilidade da construción debido ás condicións de mantemento do barco. O que si se sabe é que o lugar do accidente é coñecido polas súas condicións extremas de ondas que chegan de diferentes direccións, fenómeno coñecido como mar cruzado, e que pode representar especial perigo para a navegación. De aí vén a sona da Costa da Morte.
Con respecto ao posible impacto por unha onda xigante, houbo especulacións tanto na prensa como nos xuízos sobre se as características do mar no momento do accidente eran especialmente perigosas, ou se ditas características descartaban a formación dunha onda xigante. Estas acontecen aleatoriamente no mar, e os criterios de construción e seguridade en obras marítimas téñenas en conta.
Agora, un artigo publicado no Journal of Geophysical Research por investigadores da Universidade de Oslo, a Universidade de Alcalá e o Instituto Meteorolóxico Francés (Météo-France) cuantifica por primeira vez a probabilidade de ondas xigantes podía haber no momento do accidente. Para realizar este estudo utilizáronse diversos modelos matemáticos e numéricos encadeados, onde os resultados dun modelo son os datos de entrada do seguinte.

O estudo empregou presións atmosféricas a escala global que poderían provocar ondadas xigantes

A análise partía de modelos de xeración de vento a partir do campo de presións atmosféricas a escala global (Atlántico Norte) e rexional (zona do accidente) existentes nas horas previas e posteriores ao momento do accidente. Os campos de vento resultantes eran a entrada a modelos de xeración de ondada, que permitían coñecer a situación do mar na zona do accidente.
A partir destas condicións do estado do mar utilizáronse diversos modelos de propagación de ondada que tiñan en conta diferentes tipos de interaccións entre ondas individuais distintas a medida que estas se propagan polo océano. Estes modelos de propagación de ondada permitían estudar se se formaban, ou non, ondas xigantes para as condicións do estado de mar existentes.
Finalmente, para cuantificar se a probabilidade de formación de ondas xigantes era alta ou baixa, aplicaron modelos estatísticos de ondada que determinaban, utilizando os resultados dos modelos de xeración e propagación de ondada, a elevación esperable da onda máis alta. O resultado destes estudos indica que a probabilidade de xeración dunha onda xigante non era excepcional para un estado de mar das características entón presentes (con ondas moi altas e cruzadas), sendo esta probabilidade só un pouco maior que a que existiría nun mar de características convencionais. Outra das conclusións é que o tipo de mar cruzado presente non modificaba a probabilidade de xeración de ondas xigantes en comparación cun estado de mar non cruzado.
O propio artigo lembra que a zona do accidente segue merecendo o nome Costa da Morte, xa que segue a ser perigoso navegar nun mar cruzado de alturas de onda tan elevadas, como o existente no momento do accidente, aínda que, segundo os resultados deste estudo, ese estado de mar cruzado en particular non presentase unha probabilidade alta de formación de ondas xigantes.

Publicidade

Referencia bibliográfica:
Trulsen, K., Nieto Borge, J. C., Gramstad, O., Aouf, L. & Lefèvre, J. M. “Crossing sea state and roguewave probability during the Prestige accident”. J. Geophys. Res. Oceans., 120, 2015. Doi:10.1002/2015JC011161.
Consultar o artigo nesta ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volta o chapapote á costa: bólas de pequeno tamaño cobren as praias de Galicia

Asociacións ecoloxistas denuncian a aparición de fuel nas tres provincias con mar

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar

Aparecen “galletas” de chapapote en praias da Illa de Arousa

Salvamento Marítimo desprega un dispositivo na zona e un buque está retido no Porto de Vigo baixo a sospeita de ter verquido augas residuais