Unha nova proposta para extraer metano en xacementos non convencionais

O enxeñeiro da UDC Manuel Soage presenta na súa tese de doutoramento un modelo numérico para optimizar a obtención deste gas

O enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña Manuel Andrés Soage Quintáns presentou recentemente a súa tese de doutramento, na que analiza e propón unha mellora na extracción de gas metano almacenado en xacementos mariños non convencionais. A tese do investigador do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos foi dirixida polos profesores Ignasi Colominas, da UDC, e Luis Cueto-Felgueroso da Universidad Politécnica de Madrid. Obtivo a cualificación de sobresaínte cum laude con Mención Internacional.

O autor da tese publicou xa un artigo científico ao respecto nunha revista internacional e ten outros dous en preparación. Na elaboración da mesma, Soage Quintáns realizou unha estadía de investigación no departamento de Enxeñaría Civil e Medioambiental do famoso MIT, a institución máis prestixiosa do mundo no referente á educación científica e tecnolóxica.

Publicidade

Manuel Soage, autor da tese. Foto: UDC.
Manuel Soage, autor da tese. Foto: UDC.

A tese analiza a optimización da produción de gas metano almacenado en xacementos non convencionais que se extraen pola técnica de fracturación hidráulica, coñecida comunmente, aínda que de forma “pouco acertada” segundo explica o autor, por fracking. “A fracturación hidráulica cambiou o mundo por completo nos últimos vinte anos”, afirma Soage Quintáns, quen explica que España se beneficiou deste sistema que relegou á irrelevancia á OPEP que decidía o prezo da enerxía no planeta. “España non podería asumir o litro de diésel a dous ou tres euros, nin o prezo do gas un 200% máis caro”, argumenta. Así mesmo, incide en que este sistema pode reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, como xa ten comprobado Estados Unidos, porque o shale gas nutre de gas barato as centrais térmicas de ciclo combinado de tal forma que o 40% da enerxía dese país é electricidade procedente do metano, de combustión moi limpa.

A extracción de gas metano dos xacementos non convencionais, situados a gran profundidade, só é posible con técnicas de estimulación que permiten liberar o gas atrapado na roca, para o que se desenvolven diferentes tecnoloxías consistentes en empregar pozos cun tramo vertical, que acadan os 3 km de profundidade, e un tramo horizontal que segue o estrato da roca co metano atrapado e que pode ter unha lonxitude de un a cinco quilómetros.

Publicidade

Unha das problemáticas deste tipo de pozos é que de cada dez pozos construídos só dous son rendibles e permiten unha extracción eficiente de metano. No estudo realizado polo investigador da UDC empréganse modelos computacionais de gran complexidade que permiten simular a cantidade de metano a extraer, á vez que se combinan os resultados de extracción coa evolución do prezo do gas. O obxectivo é encontrar combinacións que permitan incrementar o número de pozos rendibles e unha extracción máis sustentable.

A combustión de metano, explica o investigador, é moi limpa xerando como residuo auga e CO2. Non se producen emisións de óxidos de xofre ou de nitróxeno, moi contaminantes e prexudiciais para a saúde, e o CO2 emitido é a metade do que se produce cando se queima carbón, puntualiza o xa doutor.

“A orixe da miña tese está nun escenario de urxente necesidade de transición enerxética ante un cambio de patrón climático de consecuencias catastróficas, pero no que tamén resulta necesario manter un coste de enerxía asumible pola cidadanía, mitigando os efectos da crecente ‘pobreza enerxética’”, analiza o enxeñeiro de Camiños, enfatizando que “é imperioso un novo paradigma enerxético que aumente ou ao menos manteña a competitividade empresarial evitando o peche de actividade por costes enerxéticos excesivos”.


Referencia: A Numerical Modeling Framework for the Optimization and Economic Analysis of Unconventional Gas Production (tese de doutoramento).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

A verdadeira identidade do lobo cerval das lendas galegas: a UDC identifica restos do extinto lince boreal

Unha investigación arqueolóxica atopa nunha sima dos Picos de Europa un esqueleto case completo da especie, datado en 210 anos de antigüidade

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias