O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela inaugurará este mércores, 1 de xuño a exposición ‘Historia do microscopio a través da colección Camacho e Pallas’, que reúne por primeira vez dúas pezas emblemáticas, unha edición orixinal da obra Micrographia: or some Physiological Descriptions of Minute Bodies Made by Magnifying Glasses de Robet Hooke publicada en 1665 e un microscopio construído por Antony van Leeuwenhoek, tamén no século XVII.
Xunto con estas dúas pezas, que representan a orixe da microscopía, móstranse ademais modelos de microscopios simples e compostos que permiten coñecer a súa evolución histórica, reflexo das melloras ópticas, mecánicas e estéticas, desde o século XVII ata principios do XX.
A colección ‘Camacho e Pallas’ é a mellor que existe na actualidade, tanto polo seu valor científico como histórico e cultural. Os seus propietarios, a especialista en otorrinolaringoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e profesora asociada da USC Estrella Pallas Pallas e o director médico do laboratorio Vithas Lab do Grupo Vithas, Tomás Camacho, comezaron a colección en 2000 cun modelo de microscopio denominado Harvard e fabricado por Bausch and Lomb en 1876.
Foi en 2015 cando esta colección pasa a ser a máis representativa da historia da microscopía, ao incorporar o microscopio construído por Leeuwenhoek -un dos dez modelos existentes na actualidade e o único autentificado como orixinal- e a obra de Hooke, cuxas descricións foron a base para que Leeuwenhoek puidese construír os primeiros aparellos que permitían aumentos de ata 300 veces do tamaño real.
Os dous propietarios asistirán este mércores á inauguración, que presidirá ás 20.00 horas o reitor Juan Viaño nun acto no que tamén participa a directora do museo, Isabel Fraga. A asistencia á exposición é de balde en horario de apertura do museo.