Un gran estudo xenómico en mamíferos achega claves para a lonxevidade humana

A análise, coordinada por investigadores cataláns, identifica 2.000 xenes vinculados á lonxevidade e abre a porta a tratar doenzas asociadas á vellez

Por que as tartarugas ou as baleas poden vivir máis de 200 anos? E por que outros mamíferos, coma nós, rara vez superamos os 100? A investigación sobre a lonxevidade é un dos campos máis fascinantes na bioloxía evolutiva, e un estudo liderado por científicos do Institut de Biologia Evolutiva (IBE), centro da Universitat Pompeu Fabra e o CSIC, identificou máis de 2.000 novos xenes vinculados á lonxevidade humana a partir dunha análise de xenómica comparada que incluíu 57 especies de mamíferos.

Os xenes detectados interveñen en mecanismos biolóxicos que teñen que ver co alongamento da vida nos mamíferos, como a reparación do ADN, a coagulación ou a resposta inflamatoria, e codifican proteínas máis estables nas especies que viven máis anos. En conxunto, as mutacións observadas reflicten en boa medida a variabilidade na lonxevidade das poboacións humanas actuais.

Publicidade

“Cando só comparas xenomas humanos, ves diferenzas entre os xenes que codifican as pequenas diferenzas de lonxevidade entre persoas. Pero a estrutura xenética detrás do carácter quizais se basea en mutacións que se fixaron fai millóns de anos na nosa liñaxe, e que agora xa todos temos incorporadas”, explica Arcadi Navarro, investigador principal no laboratorio de Xenómica Evolutiva do IBE e corresponsable do estudo.

É sabido que a esperanza de vida é máis longa en especies adaptadas a vivir nas árbores, baixo terra ou con moita masa corporal, dado que todas estas adaptacións reducen a mortalidade por depredación. Mais, no caso dos mamíferos, estes presentan unha enorme variación, que vai desde especies de vida curta como os ratos, que chegan con sorte aos dous anos de vida, ata os dous séculos das baleas ou tartarugas.

Publicidade

Ata o de agora, a maioría de estudos buscaron os xenes da lonxevidade humana comparando xenomas dentro da nosa especie. Con todo, as mutacións observadas só poden explicar a moderada variabilidade –de decenas de anos– na esperanza de vida dos humanos modernos, moito menor que a variación observada entre o resto de mamíferos.

“Utilizando a variación que hai entre outras especies de mamíferos, podes aproximarte moito máis a identificar outros cambios que están na natureza da lonxevidade e que quizais non nos diferencian a nivel xenético significativamente entre humanos”, comenta o coautor do estudo Gerard Muntané, investigador no grupo de Arcadi Navarro e tamén investigador do Instituto de Investigación Sanitaria Pere Virgili.

A importancia da estabilidade das proteínas

Un dos efectos que se observan en todos os mamíferos a partir de certa idade é que o proteoma –a totalidade de proteínas expresadas polo xenoma– comeza a desestabilizarse, por motivos que aínda non se coñecen moi ben. Porén, as proteínas que se desestabilizan en cada especie fano a idades moi diferentes.

Por mor deste estudo, o equipo de investigación descubriu que as proteínas que conteñen cambios de aminoácidos nos organismos máis lonxevos, son significativamente máis estables que as proteínas dos organismos de vida máis curta.

“Consideramos que unha proteína é máis estable cando segue facendo a súa función durante máis tempo dentro da célula sen degradarse. Coa nosa aproximación, vimos que esta estabilización xenérica do proteoma atópase fundamentalmente nos xenes que detectamos como vinculados á idade e a lonxevidade”, comenta Muntané.

Bioloxía Evolutiva e Medicina

A investigación abre a porta ao desenvolvemento de novas dianas terapéuticas para tratar enfermidades relacionadas co envellecemento en humanos. Os resultados deste estudo demostran o potencial da aproximación á medicina desde o punto de vista da evolución.

“A perspectiva da bioloxía evolutiva pode facer contribucións moi importantes e de aplicación directa á saúde humana, a pesar de que a miúdo se ignora como paradigma de investigación”, subliña Navarro.

A metodoloxía desenvolvida polo equipo de investigación podería ser empregada para responder a outras cuestións relacionadas coa saúde humana no futuro. “Poderiamos estudar calquera carácter da saúde ou enfermidade humana, como a presión sanguínea, o colesterol ou o cancro, seguindo a mesma aproximación”, conclúe Muntané.


Referencia: Comparative Analysis of Mammal Genomes Unveils Key Genomic Variability for Human Life Span (Publicado en Molecular Biology and Evolution).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

O triángulo galego da ultralonxevidade: un estudo revela unha área de 34 concellos con taxas récord

O investigador José María Faílde atribúe o fenómeno ao baixo estrés, á actividade física e a altitude nunha zona de montaña que conflúe entre Pontevedra, Ourense e Lugo

Cinco árbores senlleiras que gardan séculos de historia en Galicia

O Catálogo autonómico protexe 177 exemplares destacados pola súa lonxevidade, dimensión, rareza e valor cultural