Un equipo da Coruña deseña unha báscula que converte as pisadas en frío ou calor

Científicos da UDC describen na revista "Materials" un dos primeiros dispositivos de refrixeración barocalórica do mundo

Unha báscula que aproveita a enerxía xerada polos pasos das persoas e a converte en calefacción ou refrixeración, en función do que sexa preciso. É un avance pioneiro desenvolvido por catro mozos (Javier García, Ignacio Delgado, Jorge Salgado e Juan Manuel Bermúdez) do grupo QUIMOLMAT, pertencente ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña (UDC). Presentan o seu dispositivo na revista Materials, nun traballo que supón “un paso máis aló da síntese química de novos materiais” e unha proposta que é “un claro exemplo de ciencia aplicada á resolución dos retos da sociedade”, segundo destaca a UDC.

Os autores da investigación, todos menores de 35 anos, deseñaron un aparello que aproveita a enerxía xerada pola presión das pisadas ao camiñar transformándoa en frío ou calor. Esta fonte de enerxía podería empregarse, por tanto, como sistema de baixo custo de refrixeración ou calefacción.

Publicidade

Esquema de funcionamento da báscula. Fonte: CICA / UDC.
Esquema de funcionamento da báscula. Fonte: CICA / UDC.

O avance conséguese a través da substitución dos gases tradicionalmente presentes nestes sistemas por materiais sólidos, como o que usa este dispositivo, co que se dá un paso firme cara á implementación de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente. Aínda que se atopa nunha fase de desenvolvemento moi temperá, as aplicacións que se esperan del son moi prometedoras, “abre as portas a futuras tecnoloxías máis avanzadas que poidan empregar este principio en chans e/ou zapatos auto-refrixerantes, por exemplo”, aseguran os investigadores.

Segundo destacan os científicos da UDC no seu artigo, a báscula barocalórica é a primeira “que salienta as novas posibilidades do uso do movemento humano para proporcionar calefacción ou refrixeración sen gases, de forma ecolóxica, co que podería implementarse en futuras tecnoloxías de wearables (como zapatos, plantillas ou edificios con solo auto-refrixerante)”.

Publicidade

Os autores apuntan, igualmente, que a báscula supón “un dispositivo barocalórico de proba simple e baixo custo para a investigación académica e proxectos educativos, así como un aparello de divulgación científica que xa se utiliza en exposicións e museos e programas de televisión”. Así, un prototipo desta báscula pioneira pode probarse nestes días en Santiago de Compostela, dentro da exposición “Galicia Futura”, na Cidade da Cultura, aberta ao público até o 9 de xaneiro de 2022.


Referencia: Simple and Low-Cost Footstep Energy-Recover Barocaloric Heating and Cooling Device (Publicado en Materials).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da morriña á innovación: o regreso de Daniel Nieto para imprimir órganos en Galicia

A través do programa Oportunius da Xunta de Galicia, o investigador do CICA impulsa tecnoloxías pioneiras de bioimpresión dende A Coruña

Un equipo galego investiga o cultivo sostible de macroalgas co proxecto ALGAPROX

O grupo BioCost, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, colabora na repoboación da 'Himantalia elongata' e na definición das boas prácticas para a súa explotación

Un proxecto galego explora unha nova vía terapéutica contra o cancro de ovario

A iniciativa da UDC, que prevé menos efectos secundarios, recibe 150.000 euros do Consello Europeo de Investigación

Un investigador galego estuda El Niño, o fenómeno que altera o clima do planeta

Rafael Carballeira, investigador do CICA (UDC), colabora nunha investigación clave con Perú para reconstruír a historia deste evento e do seu impacto