Un artigo de científicos de Lugo, o máis citado nunha revista de referencia mundial

O traballo sobre recubrimentos alimentarios publicado por Patricia Cazón e Manuel Vázquez en "Food Hydrocolloids" acadou un gran impacto

Un artigo asinado pola investigadora do Campus de Lugo da USC Patricia Cazón Díaz xunto co tamén investigador e profesor na facultade de Veterinaria da USC Manuel Vázquez Vázquez e publicado en Food Hydrocolloids, converteuse no traballo máis citado de todos os contidos incluídos na revista científica de referencia mundial no eido da Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos desde a súa creación en 2017.

O impacto deste artigo, que segundo contabiliza a base de datos Scopus, xa foi citado 223 veces noutras publicacións científicas, o que denota a súa alta repercusión internacional, acada se cabe maior notoriedade logo de coñecerse o informe anual ‘2020 Journal Citation Reports’, elaborado pola empresa Clarivate Analytics.

Publicidade

Celulosa para recubrir alimentos: a alternativa galega aos envases contaminantes

A última edición do documento, no que se recollen varios indicadores de calidade, tales como o factor de impacto, un parámetro que dá conta do número de referencias de cada artigo en relación no volume de contidos editados e que se emprega para clasificar as revistas científicas en función da súa repercusión internacional, ademais das principais achegas (publicacións, organismos…) ás revistas científicas internacionais de referencia, sitúa Food Hydrocolloids, unha publicación centrada en investigacións orixinais e innovadoras relacionadas coa caracterización, propiedades, funcionalidade e coa aplicación de hidrocoloides en produtos alimenticios, na primeira posición do ranking de revistas científicas internacionais na área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

O artigo escrito pola luguesa Patricia Cazón forma parte do proxecto de investigación desenvolvido durante a tese de doutoramento que vén de presentar esta na USC a pasada primavera. Esta investigación de doutoramento, dirixida polo profesor Manuel Vázquez Vázquez, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, da Facultade de Veterinaria da USC, e Gonzalo Velázquez de la Cruz, profesor do Centro de Investigación en Ciencia Aplicada e Tecnoloxía Avanzada do Instituto Politécnico Nacional de Querétaro (México), céntrase no desenvolvemento de polímeros biodegradables e nas posibles aplicacións como envases alimentarios.

Publicidade

Os resultados da investigación desenvolvida por Cazón e Vázquez ofrece alternativas ao uso de plásticos en alimentos, tal e como se recolle no artigo publicado en Food Hydrocolloids, no que os seus autores fan unha exhaustiva revisión dos traballos de investigación, pescudas e avances acadados ata o momento para o desenvolvemento de opcións biodegradables que permitan reducir o uso e a presenza de plásticos sintéticos na industria alimentaria a partir de polisacáridos.


Referencia: Polysaccharide-based films and coatings for food packaging: A review (Publicado en Food Hydrocolloids).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Identificados no noroeste peninsular 14 lagares de cera excepcionais en Europa

Un estudo da USC analiza a distribución de construcións tradicionais para aproveitar os produtos apícolas e das que apenas existen exemplos conservados no continente

A árnica mostra unha elevada diferenciación na península ibérica fronte ás poboacións europeas

Un equipo da USC revela as singularidades da planta medicinal e advirte da súa delicada situación polo seu uso continuado en farmacia e cosmética