Martes 3 Decembro 2024

“Somos unha potencia mundial en economía pesqueira”

A pesca forma parte do ADN de Galicia. É unha actividade sen a que non se podería entender a historia do país, e moitos investigadores traballan para manter o pulo do sector a todos os niveis. Algúns, mesmo desde Canadá, onde traballa Luís Outeiro, un galego que, a pesar da súa xuventude, acumula unha importante traxectoria investigadora en Estados Unidos, Brasil, Chile, Inglaterra ou Australia, ao lado dalgún dos referentes mundiais do seu eido. Luís, licenciado en Xeografía pola USC e Doutor en Xeografía Fisica pola Universitat de Barcelona, especializouse no estudo da ecoloxía de ecosistemas.

A súa estancia na University of British Columbia, dentro do Institute for the Oceans and Fisheries (Instituto de Oceanografía e Pesquerías) forma parte do programa postdoutoral do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C). Durante tres anos (agora está no segundo) desenvolve un proxecto deseñado por él mesmo, e apoiado polos científicos Sebastián Villasante (USC), Marta Coll (CSIC-Barcelona) e Rashid Sumaila (University of British Columbia). A investigación, titulada Optimización na xestión dos sistemas socio-ecolóxicos cun enfoque baseado no ecosistema e valoración económica dos servizo ecosistémicos mariños, rematará o vindeiro ano de novo en Galicia, adscrito ao departamento de Economía Aplicada da USC e colaborando co grupo de Ecoloxía Pesqueira do IIM-CSIC de Vigo e o Centro Oceanográfico do IEO, tamén en Vigo.

Publicidade

O traballo do ecólogo galego céntrase no ecosistema da ría de Arousa. O seu obxectivo principal é desenvolver un modelo das relacións tróficas do ecosistema, desde os microorganismos ata os grandes predadores. Nese modelo, analízanse as relacións entre especies para coñecer o impacto que a pesca e a acuicultura ten nelas. Unha das preguntas principais, segundo explica Luís, é “o impacto da acuicultura do mexillón e a cuantificación da capacidade de carga ecolóxica e produtiva das bateas no estado actual”. Traballa tamén con diferentes escenarios, dependendo do probable impacto que poida ter o cambio climático na ría.

Rede trófica da ría de Arousa: no eixo transversal (y) os diferentes números indican os níveis tróficos. Os MZB é o acrónimo para o grupo Macrozoobentos. O tamaño do circulo indica a proporción de abundancia desa especie no sistema, e as liñas as relacións existentes. Canto máis vermella é a linha, máis intensa é a relación.
Rede trófica da ría de Arousa: no eixo transversal (y) os diferentes números indican os níveis tróficos. Os MZB é o acrónimo para o grupo Macrozoobentos. O tamaño do circulo indica a proporción de abundancia desa especie no sistema, e as liñas as relacións existentes. Canto máis vermella é a linha, máis intensa é a relación.

Por outra parte, Luís Outeiro tamén analiza a economía pesqueira para realizar un modelo cuantitativo das especies comerciais de Arousa, “identificando e cuantificando os fluxos económicos entre os diferentes eslabóns da cadea de valor. “Dende que o mariñeiro chega a porto e vende na lonxa, até que chega ao consumidor final. Nese camiño pasa por moitos actores económicos, directos e indirectos. Por tanto é preciso cuantificar o PIB real da pesca e o marisqueo illado do resto de actividades económicas e a súa distribución e repartición”.

Publicidade

Con esta compilación de datos, segundo explica o ecólogo, poderase “aportar un modelo de xestión baseado na eficiencia ecotrófica das especies e a eficiencia económica da flota pesqueira”. E, por outra banda, inténtase mellorar a actual xestión pesqueira de cada unha das especies, complementándoa cunha xestión ecosistémica e bioeconómica.

“En termos de economía pesqueira e historia pesqueira, somos unha potencia mundial“, conta Luís. “Temos unhas tradicions pesqueiras e mariñeiras que poucos países teñen, e temos feitos da nosa historia de xestión pesqueira que son dignas de exportar“. Como exemplo, Outeiro destaca a forte importancia comercial interna da pesca. “Iso permite ter unha maior seguridade alimentar e maior resiliencia social. E iso non o teñen países como Canadá, onde a maior parte dos recursos son obxecto de exportación”, sinala Luís.

Sobre os recursos, “temos que deixar de actuar como un país subdesenvolvido”, di Outeiro

De todas formas, como “toda potencia ten luces e sombras“, o investigador advirte de que hai que mellorar para que Galicia sexa  e actúe definitivamente un referente mundial da pesca. “O que pretende este proxecto é detectar e mitigar esas sombras“. Entre elas, Outeiro cita o coñecemento “moi limitado” da ecoloxía das especies das rías galegas, a carencia dun clúster que aglutine a universidades e centros de investigación para desenvolver un Plan Xeral de Pesca, a falta de recursos humanos que traballen “de forma estable e decente” para ter datos básicos das rías. “O Intecmar e outras institucións levan facendo un traballo inmenso, pero non chega”, conta.

Engade o investigador que “cando puxen en marcha o proxecto detectei un 60% de datos básicos que simplemente ou non existían ou a última vez que se fixeran foron feitos con cartos dun Plan americano a finais dos anos 70. Por exemplo, non se sabía nada dos datos de zooplancton das ría de Arousa desde 1980, e tivemos que poñer un plan de mostraxe puntual financiado co meu proxecto para saber o que está pasando na actualidade”.

Afirma, por tanto, que “temos que apostar acordo a nosa dependencia nos recursos do mar, e non como un país subdesenvolvido para que veñen terceiros países a facerlle o traballo cientifico. Levamos 30 anos con diversas facultades (Ciencias do Mar, Ambientais, Xeografía, Antropoloxía, Ciencias Sociais, Economía, Politicas, Dereito…) producindo capital humano de primeiro nivel, pero a maior parte dese capital humano ou se recicla noutro sector, ou emigra. A Xunta ten recortado e externalizado moito neste sentido, e non é positivo para a xestión”. Di Luís que é cuestión, por tanto de “ser valentes á hora de xestionar os nosos recursos. Se sabemos que hai diferentes artes de pesca que están a ser un problema para facer sostible o sector, temos que cambialas. Isto non quere dicir prohibilas, senón reformalas para que se optimice a pesca. Non podemos ter políticas de xestión curtopracistas que servan para que o goberno de turno teña unha pacifica estancia en San Caetano”.

Unha vez rematado o curso, Luís volverá a Galicia para traballar sobre o terreo. Regresa “con moita ilusión”. Dedicarase a “validar moita da información que fun modelando, e iso vaime permitir ter os pés máis na terra”. Non en tanto, as perspectivas de futuro non parecen alentadoras. “Gustaríame volver para quedar, pero iso non depende de min. As políticas públicas en ciencia e educación van a menos, sobre todo en áreas sociais, económicas e ecolóxicas. Levamos o peor prato. Por tanto, non teño moita fe“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tecnoloxía da UVigo para garantir o benestar dos peixes de acuicultura antes do sacrificio

O proxecto, en colaboración co Cetga, busca mellorar as técnicas de atordamento nos linguados para conseguir unhas técnicas máis éticas

O vigués ao mando do rastrexo de vítimas da DINA no mar: “É como buscar unha agulla nun palleiro”

Pablo Carrera, reponsable da operación do buque científico 'Ramón Margalef': "Estamos recibindo axuda psicolóxica"
00:00:11

Crítica situación da cigala en Galicia: "O maior impacto foi a elevada presión pesqueira"

A captura do crustáceo está prohibida dende Cedeira ata o Miño dende 2017 e avaliarase a súa reapertura en 2025

Cando ciencia e pesca van da man: premiado un barco galego pola recaptura dunha quenlla

O exemplar de 'Prionace glauca', identificado e marcado por primeira vez no 2016 en Terranova, foi recuperado polo buque 'Punta do Xuncos' na mesma rexión seis anos despois