O 11 de setembro de 2006, Serge Haroche estaba na súa casa a piques de comer a tarta do seu 62º aniversario cando recibiu unha chamada do laboratorio no que traballa. Era un dos seus colaboradores, dicíndolle que todos os indicios apuntaban a que conseguiran, despois de máis de 20 anos de traballo, capturar e estudar partículas cuánticas sen destruílas. Haroche foi ata alí, comprobouno e, cheo de felicidade, volveu a casa, contoullo á súa familia e xuntos comeron, cun pouco de retraso, a tarta do aniversario.
“Foi o mellor agasallo que tiven nunca”, contaba este martes Haroche. O descubrimento daquel día outorgoulle seis anos despois o premio Nobel de Física en 2012 xunto a David J. Wineland por descubrir os innovadores métodos que permiten medir e manipular os sistemas cuánticos individuais. Acompañado de Jorge Mira, impulsor do Programa ConCiencia, que xa leva traído a Compostela a 35 eminencias da ciencia a nivel mundial, Serge Haroche compartiu máis dunha hora de encontro cos medios de comunicación. Este mércores 19, ás 20 horas, no Auditorio Abanca, ofrecerá unha conferencia aberta ao público titulada “Como se nutren mutuamente a investigación fundamental e a innovación tecnolóxica”.
Antes de entrar no Colexio de San Xerome, un grupo de mozos parou a Haroche para facerse unha fotografía con el. Unha sinal de que a sociedade coñece e recoñece aos científicos. Haroche percibiuno, sobre todo, desde que foi premiado pola Academia sueca. “O Nobel é unha creación mediática fantástica“, sinalou o físico francés, nacido en Casablanca en 1944 e formado en dous dos centros da elite científica de Francia, o Collège de France e a École Normale Supérieure.
Lembraba Mira que moito tempo antes daquel especial 62º aniversario, a comezos dos anos 80, Haroche marcouse un obxectivo que confrontaba directamente con algún dos principios fundamentais da física. A nivel cuántico, cando se observan os compoñentes máis pequenos do universo, a nosa idea do comportamento da materia muda radicalmente. Así, a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento. Por tanto, parecía imposible conseguilo. Pero Haroche e o seu equipo decidiron intentalo.
Deseñou intricados experimentos con láseres e construíu unha sofisticada trampa con dous espellos para facer pasar os átomos a través dela. Foise marcando “pequenas metas” para ir avanzando. “Non se pode investigar pensando en gañar un Nobel – di – todo forma parte dun proceso moito máis esquemático, indo pouco a pouco“.
“Non se pode saber o que van facer cos nosos achados no século XXII”, dixo o premio Nobel
Na conversa cos xornalistas, o científico reflexionou desde diferentes perspectivas sobre a situación da ciencia, en concreto, da investigación básica e elemental, como é a súa especialidade. “Ao longo da historia, os grandes achados da ciencia debéronse á investigación básica, e moitos dos científicos que descubriron grandes avances non chegaron a vivir o suficiente para comprender ben o que atoparan”. Os froitos obtéñense a longo prazo: “Non se pode saber que van facer cos nosos achados os científicos do século XXII“, dixo. E lanzou tamén un consello aos poderes políticos: “Algúns cren que a ciencia debe ofrecer resultados a curto prazo, xerar cartos, e xeralos rápido, pero non é así”.
As reflexións de Haroche sobre a relación entre política e ciencia non quedaron aí. Avogou por que as ciencias ‘puras’ e as humanidades deben camiñar da man: “Os mellores momentos para a ciencia en xeral, como o Renacemento, e para a mecánica cuántica, como o París, o Berlín ou a Viena dos anos 20 do século pasado, foron lugares moi ricos en canto a literatura, arte e outras disciplinas humanísticas”. Haroche expuxo o paradoxo de China: “Viaxo de cando en vez alí, e están investindo un montón de cartos en ciencia para conseguir un Nobel; están obsesionados. E resulta que, ao mesmo tempo, acaba de morrer Liu Xiaobo, un Nobel da Paz, que tiveron preso ata o final”. Concluíu afirmando que “se non hai liberdade de pensamento, a ciencia non pode avanzar en condicións óptimas”.
No punto do apoio gobernamental á investigación, Haroche sinalou como exemplos a Xapón, Corea do Sur (“un país que nos anos 60 era tan pobre como o veciño do Norte”), ou os Estados Unidos. En canto a Europa, subliñou a importancia do European Research Council (ERC) que financia os estudos de varios grupos de investigación en Galicia.