Sanxenxo acolle nun congreso os últimos avances da neurociencia

Ata hai apenas uns anos pensar en dispositivos capaces de transmitir sinais entre o cerebro e unha máquina eran pouco menos que ciencia ficción. Hoxe neuropróteses intelixentes, brazos robóticos ou cadeiras de rodas capaces de ser controladas polos pensamentos do usuario son xa unha realidade. Falamos dalgúns dos últimos avances na comprensión do cerebro humano, temática central do Cajal Winter Conference, unha xuntanza internacional cun formato aberto no que científicos contrastados en campos punteiros da neurociencia convivirán durante tres días con mozos investigadores para “buscar xuntos novas e revolucionarias ideas para a comprensión do cerebro e do comportamento humano en xeral”, subliña José Antonio Lamas, responsable do Laboratorio de Neurociencia da Universidade de Vigo e membro do comité organizador do encontro.

O profesor Lamas con membros do Laboratorio de Neurociencias da UVigo.
O profesor Lamas con membros do Laboratorio de Neurociencias da UVigo.

A xuntanza, que se celebrará en Sanxenxo do 25 ao 27 de abril, está organizada polas universidades de Vigo e Coruña baixo a tutela da Sociedade Española de Neurociencia e o apoio da Organización Internacional para a Investigación do Cerebro (IBRO nas súas siglas en inglés) e nela reuniranse medio centos de expertos, a maioría españoles (Galicia, Alacante, Toledo, Barcelona, Salamanca, Sevilla…) e do resto de Europa, sobre todo Alemaña, Reino Unido e Suíza.

Publicidade

Os contidos desta particular xuntanza estrutúranse en tres eixes fundamentais: avances máis importantes en investigación básica; aplicacións deste coñecemento en áreas como a implantación de chips no cerebro de persoas con problemas de mobilidade para controlar brazos robóticos, próteses ou incluso cadeiras de rodas; e, xa por último, aqueles aspectos da neurociencia que poden axudar a explicar o comportamento humano.

“É unha reunión para falar das fronteiras da neurociencia, é dicir, os aspectos máis innovadores e, polo tanto, menos coñecidos desta ciencia e da súa relación coa sociedade”, explica Lamas, que destaca tamén que non se trata dunha reunión científica ao uso “senón que está pensada para alcanzar un equilibrio entre o divertimento e o traballo duro”, polo que “se fomenta a discusión máis que a lección maxistral e se busca que da interacción entre alumnos e mestres xurda non só un proceso de ensinanza/aprendizaxe, senón tamén novas ideas”.

Publicidade

Investigación básica, comportamento e aplicacións son os tres eixes do evento

Falarase, segundo explica o profesor da Universidade de Vigo, de novas tecnoloxías e do seu posible papel no desenvolvemento futuro de ferramentas que permitan comprender como funciona o cerebro, “pero tamén de paliar algúns dos problemas que xorden cando non funciona ben”, subliña o investigador. Neste contexto terá cabida a aplicación de novas tecnoloxías que permitan interaccionar máis directamente co cerebro ou extraer del información útil para o control de máquinas ou outros artefactos.

Entre os científicos contrastados que intervirán no encontro no ámbito da investigación básica figuran varios nomes de forte peso internacional. Por un lado, o investigador británico Adam Sillito, do Institute of Ophthalmology do University College London, “é un clásico da neurociencia e tamén un dos que máis experiencia nos pode achegar”, recalca Lamas, ao tempo que explica que as investigacións deste autor se centran no estudo do cerebro adulto e en entender o papel de cada parte do sistema neuronal na percepción.

Por outro lado, Guillermina López-Bendito, investigadora da Universidad Miguel Hernández, explicará no encontro as súas últimas investigacións sobre mecanismos celulares e moleculares implicados na formación das conexións cerebrais, en especial cando se produce unha perda sensorial, e as implicacións para o deseño de estratexias de recuperación sensorial en persoas cegas ou xordas.

Presentarán interaccións cerebro-máquina en próteses e exoesqueletos

Os sistemas de interfaces cerebro-máquina que permiten transmitir sinais entre o cerebro e diferentes dispositivos como próteses ou exoesqueletos será outro dos aspectos centrais que se abordará ao longo destes tres días, xa que os avances neste campo poderían mellorar a calidade de vida de miles de pacientes con problemas de mobilidade, especialmente aqueles que sofren parálise. José do R. Millán, investigador do Institute of Bioengineering da School of Engineering da École Polytechnique Fédérale de Lausanne (Suíza), e Javier Mínguez, investigador da Universidade de Zaragoza e cofundador de BitBrain Technologies, falarán das súas últimas investigacións, entre elas o desenvolvemento dunha neuroprótese intelixente que utiliza información directamente do cerebro humano para adaptar o seu comportamento e aprender tarefas novas.

Doutra banda, Eduardo Fernández Jover, director do Grupo de Neuroingeniería Biomédica do Instituto de Bioingeniería da Universidade Miguel Hernández, presentará os seus traballos sobre o desenvolvemento de neuropróteses visuais para axudar ás persoas cegas ou con baixa visión residual a mellorar a súa mobilidade e mesmo a percibir a contorna que os rodea.

Na área máis directamente relacionada coa explicación do comportamento humano contarase coa participación do británico Kia Nobre, que estuda como tomamos as decisións e a influencia dos recordos e as expectativas na actividade neuronal relacionada coa cognición; e do español Manuel Carreras, cuxa intervención se centrará no impacto do bilingüismo no cerebro e como pode o ser humano mellorar a súa capacidade de aprendizaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Existen as contracturas musculares ou son unha percepción do cerebro?

Novos estudos analizan certos patróns neuromusculares que apuntan máis a un compoñente perceptivo que a un fisiolóxico

O que a neurociencia nos di da volta á rutina

A pracenteira sensación de repetir determinadas costumes ou rutinas prodúcese grazas á chamada 'molécula do goce'

O cerebro ten a súa propia wifi: comunicacións sen cable do sistema nervioso

Científicos deseñan os primeiros mapas das conexións 'wireless' nun ser vivo mudando a comprensión do funcionamiento neuronal

Xurxo Mariño, divulgador: “Sabemos máis da sexualidade das ratas que da das persoas”

O tamén investigador da UDC desvela no seu novo libro algúns dos últimos descubrimentos sobre a neurociencia das emocións