Xoves 5 Decembro 2024

“Quedo coa paz que sentes ao retratar a inmensidade do universo”

O fotógrafo coruñés Daniel Llamas vén de recibir nos últimos días dúas boas noticias. Dúas das súas imaxes do ceo galego, tomadas en Malpica e Fisterra, recibiron sendos recoñecementos en dous certames de talla mundial no eido da astrofotografía.

Imaxe premiada coa mención de honra no certame The World At Night.
Imaxe premiada coa mención de honra no certame The World At Night.

“É moi motivador recibir este tipo de premios. E mais cando as imaxes están feitas na túa terra”, comenta Daniel. Nas últimas datas, conseguiu a mención de honor no certame The World at Night grazas á fotografía de Fisterra e tamén acadou o segundo posto na categoría de fotografía nocturna no Finest Art Photography Awards, cunha imaxe do faro de Punta Nariga, en Malpica. Neste mesmo ano tamén acumula cinco imaxes finalistas no Trierenberg Super Circuit e duas 2 seleccionadas para o Kolor Panobook 2016. Xa no 2015 conseguira oito recoñecementos como finalista en premios nacionais e internacionais.

Publicidade

Daniel foi premiado por dúas imaxes nocturnas de Malpica e Fisterra

Detrás de cada unha destas imaxes, hai moitas horas de investigación, planificación e técnica para conseguir a fotografía ideal. Hai que buscar un lugar onde haxa pouca contaminación lumínica, onde a paisaxe sexa atractiva, onde a posición dos astros sexa boa, non haxa obstáculos, etc. “Os que nos dedicamos á astrofotografía somos uns apaixonados. Pasamos moitas horas sen durmir, con frío, lonxe da familia e con longas viaxes nocturnas no coche para facer as nosas fotos. Ten que gustar moito para non desesperar”. Pero se Daniel Llamas ten que escoller o seu momento preferido de todo este proceso, ese é o da captura. “A paz que sentes ao gozar da inmensidade do universo e a acción de retratalo fai que te esquezas de todo o demais por unhas horas”.

Daniel Llamas, durante unha sesión na Ribeira Sacra.
Daniel Llamas, durante unha sesión na Ribeira Sacra.

A afición pola fotografía de Daniel, que traballa como enxeñeiro informático no Sergas, xurdiu hai poucos anos. “No 2010, a miña muller cometeu o erro –bromea– de regalarme unha cámara reflex polo meu cumpreanos. Comecei a sacar fotos pola rúa e a paisaxes. Co nacemento do meu fillo, tiña menos tempo, así que cando podía saír era de noite. E aí empecei a centrarme na astrofotografía” lembra. Neste tempo, ademais da súa intensa actividade como fotógrafo, Daniel traballa xunto a outros compañeiros para poñer en valor esta disciplina en Galicia. Fundou, xunto a Daniel Lois e Alberto Pereira, o colectivo Enfoque Nocturno, co que realizan cursos de formación, suman adeptos a esta disciplina e avogan por defender a conservación dos ceos galegos.

Publicidade

“A natureza e o patrimonio de Galicia ofrecen marcos moi fermosos”

Vendo imaxes como a de Punta Nariga ou do cabo Fisterra, cabería pensar que Galicia é un paraíso para a astrofotografía. E máis aínda vendo as abundantes fotografías de paisaxes galegas que se poden observar en concursos internacionais. Pero a nosa terra ten cousas boas e malas para esta especialidade, tal e como explica Daniel. “A natureza e o patrimonio histórico que temos ofrecen marcos moi fermosos para as imaxes. E hai zonas moi boas, como a propia Punta Nariga, a serra da Capelada e zonas de Irixoa ou Aranga onde hai pouca luz artificial. Tamén están outros destinos Starlight, como as Illas Atlánticas ou A Veiga, en Ourense”. Pola outra banda, hai varios factores que non benefician a Galicia. “A dispersión da poboación provoca que non haxa grandes áreas sen iluminación artificial”, destaca Daniel. E, claro está, o clima tampouco axuda. Cando hai nubes, pouco se pode facer para captar os astros.

O fotógrafo coruñés tamén fai fincapé en que a dispersión da poboación non é o único factor humano que prexudica á calidade dos ceos galegos. “Pódese ver claramente na imaxe do cabo Fisterra. A influencia da iluminación de poboacións relativamente pequenas, como Cee ou Corcubión, afecta á calidade da foto”. Nesta liña, Daniel cre que sería recomendable tomar algún tipo de medidas, como a substitución do alumeado por outro que proxecte menos luz cara o ceo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas, cuxo pico de actividade terá lugar o 21 de outubro

Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz

Como ver dende Galicia a eclipse parcial de lúa desta madrugada?

O fenómeno coincide co satélite na súa fase chea e moi próximo ao perixeo, o cal deixará unha influencia moi notable nas mareas

Chega a conta atrás para ver o cometa do século

Para poder gozar deste espectáculo a simple vista, os afeccionados deberán localizar primeiro a constelación de Leo