Unha nova promoción de talentos matemáticos preparados para o futuro

O programa Estalmat-Galicia celebrou este sábado a súa despedida na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela

A undécima promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia (ESTímulo do TALento MATemático) celebrou este sábado o seu acto de despedida nunha sesión celebrada na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC. O acto contou coa asistencia da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo. Baixo a presidencia da vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero, ademais da conselleira, conformaron a mesa presidencial a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, o presidente de ESTALMAT-Galicia, Juan M. Viaño Rey e a responsable da relación e actividades coas familias Trinidad Pérez López. Ao acto asistiu un numeroso grupo de docentes de ESTALMAT-Galicia, ademais de varios membros do Comité Organizador e de familiares e amigos dos estudantes “estalmateiros”.

En representación do profesorado de ESTALMAT-Galicia tomou a palabra o profesor Angel Rodríguez Arós, da Universidade da Coruña,  e por parte dos estudantes Iván Rodríguez Vázquez (Cambre), Paloma Couto Montenegro (Baiona) e Paula Viéitez Lorenzo (Vigo) que fixeron unha semblanza dos dous anos pasados en ESTALMAT-Galicia. En representación das familias dos estudantes interviñeron Marta Rodríguez González, profesora de ensino medio en Ourense, e María José Alonso Fernández, investigadora e profesora na USC, que destacaron o atractivo do proxecto para os seus fillos e fillas e dos beneficios que as súas metodoloxías docentes teñen na estimulación do seu talento matemático e na satisfacción das súas inquedanzas científicas.

Publicidade

O presidente de ESTALMAT-Galicia agradeceu o seu traballo a todo o equipo organizador e docente da promoción, así como aos patrocinadores do mesmo: Universidade de Santiago de Compostela, deputacións da Coruña e Lugo e, de maneira moi particular, á Consellaría de Educación, Universidade e FP. Juan Viaño resaltou a importancia de espertar vocacións na disciplinas CTEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos países que queiran estar na vangarda do coñecemento e avance tecnolóxico nos vindeiros anos e puxo de manifesto que o Proxecto ESTALMAT-Galicia favorece ese obxectivo, aliñándose así coa estratexia StemGal da Consellaría de Educación, Universidade e FP.

Pola súa parte a conselleira valorou na súa intervención o magnífico traballo do proxecto afirmando que “dende hai unha ducia de anos ESTALMAT-Galicia funciona con éxito e é un programa de referencia para o estímulo do talento. O traballo de todas as persoas que participan nel contribúe de forma decisiva a apoiar o alumnado con aptitudes matemáticas avanzadas, de tal xeito que redunde en maior proveito dos estudantes e da sociedade”.

Publicidade

O acto rematou coa entrega de diplomas e imposición de becas ao alumnado da 11ª promoción. Previamente, o alumnado realizou a última actividade do curso, unha visita ao supercomputador ‘Finisterrae’ do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), guiada polo seu director Mauro Fernández Dabouza e asistido polos membros do seu equipo, Ignacio López, Fernando Bouzas e Natalia Costas.

Os 25 estudantes que agora finalizan esta promoción ESTALMAT-Galicia foron seleccionados en 2017 (23 nenos e 2 nenas –nesta edición rexistrouse o número de mulleres máis baixo)  entre os 345 presentados no ano 2017. A súa distribución por provincias é: A Coruña (14), Lugo (3),  Ourense (1) e Pontevedra (7). Forman parte xa dos 3485 estudantes presentados nas doce convocatorias celebradas ata o momento (o que fai un promedio de 287  cada ano)  e dos 300 alumnos que entraron no programa dende a súa posta en marcha.

Os estudantes que durante os dous anos amosaron un aproveitamento contrastado, serán convidados a participar o próximo curso no ESTALMAT PI-Galicia,  que constará de 14 sesións máis. O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta actualmente con financiamento das Deputacións da Coruña e Lugo e da Consellería de Educación, Universidade e FP. Actualmente está aberta a inscrición para participar na probas de selección da convocatoria de 2019. Este prazo remata o 31 de maio e a proba terá lugar o 8 de xuño na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura