Nun contexto de crecente interese polos compostos antioxidantes e bioactivos, a súa obtención dun modo eficiente e eficaz desde o punto de vista económico, ambiental e de calidade supón un reto para a comunidade científica. Na súa tese de doutoramento, a investigadora do Grupo EQ2 da Universidade de Vigo Lucía López demostra o potencial que ten neste senso a tecnoloxía emerxente MHG (Microwave hydrodiffusion and gravity).
A tese foi realizada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo a dirección de María Dolores Torres. “Neste traballo empreguei a emerxente tecnoloxía MHG con diferentes recursos agroforestais, subprodutos alimenticios e algas mariñas para extraer compostos de alto valor engadido con propiedades antioxidantes”, comenta a investigadora. A elección desta tecnoloxía, a hidrodifusión asistida con microondas e combinada coa gravidade, detalla, débese a que “non emprega disolventes engadidos e procede á extracción dos compoñentes presentes na materia prima nunha única etapa”.
En concreto, no seu estudo Lucía López aplicou a extracción mediante MHG a diversas materias primas (recursos agroforestais, vexetais infrautilizados, subprodutos da industria alimentaria e algas pardas), analizando os cambios estruturais sufridos tras a extracción e determinando o contido fenólico e a capacidade antioxidante dos extractos obtidos, entre outros aspectos. Os extractos obtidos mediante esta tecnoloxía verde, detalla Lucía López, foron incorporados á formulación de distintos produtos de coidado persoal e hidroxeles en comparación cos extractos obtidos por destilación e métodos de extracción sólido-líquido. Na investigación, engade a autora do traballo, tamén se optimizou este proceso como método de deshidratación de algas mariñas pardas comestibles, corroborando que pode permitir en paralelo a recuperación dos compostos bioactivos das materias primas e a valorización da fase sólida resultante.
Metodoloxía emerxente
En xeral, explica Lucía López, a investigación amosou que a tecnoloxía MHG “é un método emerxente de extracción respectuoso co medio ambiente que permite a recuperación de compostos bioactivos de distintos recursos agroforestais infrautilizados, subprodutos e excedentes de alimentos e materias primas mariñas, proporcionando de forma sustentable fitocompostos de alto valor engadido”.
Os resultados obtidos, apunta, “indican que MHG é unha atractiva tecnoloxía de extracción verde capaz de recuperar compoñentes activos hidrosolubles dunha ampla gama de materias primas naturais”. Segundo explica a investigadora, “esta metodoloxía emerxente, libre de disolventes, proporciona extractos de fitocompostos de alta calidade con capacidade antioxidante nunha única etapa produtiva con ou sen procedementos secuenciais, aforrando enerxía, tempo e recursos en comparación cos procesos de extracción convencionais”.
Ademais, engade Lucía López, o método MHG pode utilizarse para unha “apropiada deshidratación completa dos recursos mariños, xunto cunha extracción adecuada dos seus compostos bioactivos, que pode estenderse a outros recursos”. Os extractos acuosos obtidos mediante este procedemento, detalla, poden ser empregados con éxito na formulación de produtos de coidado persoal e matrices funcionais de hidroxeles, proporcionando efectos mecánicos saudables e positivos. “Estes resultados poden ser de importancia crítica non só para a comunidade científica, senón tamén para o sector industrial alimentario e non alimentario”, indica por último a investigadora do campus de Ourense.