Martes 3 Decembro 2024

Ourense acollerá o Encontro Internacional de Expertos en Simulación de Fluídos

Desde que no ano 2011 o grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory, da Universidade de Vigo lanzou o seu software DualSPHysics tense convertido nun referente internacional en simulación de fluídos, sendo a súa ferramenta empregada por todo tipo de entidades públicas e privadas, desde Mercedes á NASA. Por estar á vangarda do desenvolvemento tecnolóxico neste eido, o grupo organizará o vindeiro mes de xuño o 12th International Smoothed Particle Hydrodynamics European Research Interest Community Workshop. A cita, coñecida como Spheric 2017, reunirá a expertos dos diferentes continentes para afondar nas últimas novidades no modelo computacional SPH, modelo emerxente que se emprega para todo tipo de simulacións, desde o impacto dun tsunami na costa ata a colisión de galaxias.

Alejandro Cabrera.
Alejandro Cabrera.

“Spheric é unha organización apoiada pola European Research Community On Flow, Turbulence and Combustion (Ercoftac) e formada por máis de 70 institucións de todo o mundo na que buscamos promover o uso do modelo SPH (smoothed particle hydrodynamics), o modelo hidrodinámico de partículas suavizadas”, explica Alejandro Cabrera, investigador Ramón y Cajal do grupo Ephyslab e responsable do comité organizador da cita que terá lugar no campus.

Publicidade

Despois de terse celebrado anteriormente en Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido, Noruega, Suíza e Madrid, Ourense é a cidade escollida para, do 13 ao 15 de xuño, acoller a edición número doce deste evento internacional. Segundo sinala o seu coordinador, a idea de celebrar este evento no campus comezou a fraguarse en 2015, cando o seu grupo acolleu unha das reunións anuais do comité de Spheric, formado por 14 profesores, catedráticos de universidades e CEO de grandes empresas, sendo Alejandro Cabrera o seu membro máis novo. No caso da edición que se desenvolverá en Ourense participa tamén na organización a Flanders Hydraulics Research, estando no comité organizador do evento, ademais de Alejandro Cabrera e Moncho Gómez Gesteira, catedrático do grupo Ephyslab, Corrado Altomare, investigador da entidade belga.

Os encontros Spheric, explican desde a organización, son “os únicos eventos mundiais que se centran exclusivamente na metodoloxía de hidrodinámica de partículas suavizadas e nos métodos de simulación relacionados”. O número de asistentes nos anos anteriores foi de 100 a 120 expertos e expertas, agardando superar esta cifra en Ourense “a razón das numerosas solicitudes de participación que xa estamos recibindo”. A cita, apunta Alejandro Cabrera, tivo lugar ata o de agora exclusivamente en países europeos pero os asistentes veñen non só de Europa senón tamén de países como Canadá, Estados Unidos, México, Brasil, China, Xapón, Australia e de algúns países de África.

Publicidade

Setenta institucións de todo o mundo participan en Spheric

A boa acollida e resultados que ten cada edición dos encontros Spheric, explican os seus responsables, radican no feito de estar centrados nunha tecnoloxía moi específica e de uso emerxente, tanto a grande como pequena escala, e na contorna de aplicación interdisciplinar na que se move, integrando o coñecemento de expertos tando do eido académico como empresarial de diferentes áreas, como a física, as matemáticas ou a enxeñaría.

Durante a celebración do 12th International Smoothed Particle Hydrodynamics European Research Interest Community Workshop presentaranse 60 comunicacións sobre o modelo computacional SPH e modelos relacionados. O modelo SPH, comenta Alejandro Cabrera, “é un modelo computacional novidoso para a resolución de problemas de fluídos con superficie libre sen facer uso dunha malla, mentras que a maioría de programas de fluídos máis convencionais e comerciais si necesitan facer uso desa malla”. Este modelo, engade, “aplícase en moitos campos de enxeñaría naval, aeroespacial, civil ou mecánica, principalmente para resolver problemas onde se producen grandes impactos de fluído con estruturas, simulación de fluídos de diferentes fases (auga e aire por exemplo), sistemas con xeometrías moi complexas ou con obxectos que se moven moi rapidamente, etc”. Neste eido de coñecemento, o grupo Ephyslab, sinala, vén desenvolvemento desde fai xa anos un modelo SPH, DualSPHysics, “que liberamos á comunidade de maneira gratuíta e que ten a súa maior aplicación no campo da protección costeira e no deseño de dispositivos flotantes no mar, como poden ser boias de medición ou aparatos captadores da enerxía das ondas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubertos os restos dunha ocupación prehistórica de hai 5.500 anos en Ourense

A última campaña no xacemento de Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre Oímbra e Monterrei, data o lugar a mediados do IV milenio a. C.

Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

As expresións emocionais dun documento altomedieval do mosteiro de San Salvador de Celanova poderían suxerir un matrimonio homosexual

Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona