A científica galega Olalla Vázquez, residente desde hai 10 anos en Alemaña, onde lidera o seu propio laboratorio de investigación en Bioquímica, lamenta que moitas persoas investigadoras se vexan na situación de ter que abandonar a comunidade para poder desenvolver a súa carreira profesional. “En vez de fuga de cerebros deberíamos falar de supervivencia”, asegurou este mércores durante a súa participación na Semana da Ciencia de Pontevedra.
A fuxida de talentos, a importancia do financiamento público para o desenvolvemento da investigación, a creación de equipos de traballo diversos, os estereotipos arredor das mulleres e a creación de novas vocacións científicas foron algúns dos temas abordados por Vázquez nunha entrevista retransmitida en directo desde o Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro da programación da Semana da Ciencia, unha iniciativa organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración de GCiencia.
No encontro, onde foi presentada pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, a graduada e doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela fixo un percorrido pola súa traxectoria profesional, aludindo o papel clave que xogou o financiamento público nela. Segundo explicou, tras varias estadías no extranxeiro (algunhas delas en recoñecidas universidades como Harvard e Humboldt) pensou en retornar a Galicia, unha posibilidade que finalmente tivo que descartar naquel momento.
“Nunha carreira investigadora é normal facer estancias fóra, iso permite ampliar miras”, explicou Vázquez, se ben incidiu en que “o financiamento público é fundamental” para que poidan existir esas oportunidades de mobilidade. Tras gozar de varias axudas (entre elas a bolsa Marie Curie) xusto o ano que decidiu volver a Galicia “non houbo convocatoria Ramón y Cajal” e quedou sen opción de obter o financiamento que lle permitiría continuar desenvolvendo a súa carreira na súa terra.
A día de hoxe, a líder de grupo do Departamento de Bioquímica da Universidade de Marburg non ten claro se volverá ou non, pero ve difícil que “en Galicia ou España ofrezan as mesmas posibilidades” que existen en Alemaña, tendo en conta, ademais, o que suporía ter que empezar de cero cando xa leva un década establecida nese país.
“A discriminación ás mulleres na ciencia é perceptible no día a día: nunha conferencia, nunha comida, nun comentario…”
Olalla Vázquez, quen foi entrevistada polo xornalista de GCiencia Manuel Rey, asegurou que as diferenzas entre a comunidade galega e o país xermano son “enormes”, principalmente porque en Alemaña existe máis financiamento e a forma de traballo e de vida é máis “independente”.
En canto a esas diferenzas entre os dous territorios, mostrouse tallante: “A nivel competitivo, de investigación, de posibilidades de financiamento non hai comparación. Non estamos no nivel en Galicia para competir nese eido”, destacou. Ao seu xuízo, trátase dunha “cuestión de prioridades”, xa que no país xermano a investigación e o desenvolvemento son unha cuestión fundamental e, ademais, existe un recoñecemento social ao traballo do persoal científico e investigador.
Non obstante, lembrou que, aínda que en Galicia “as prioridades son distintas”, estas “poden cambiarse” a través nun cambio no sistema económico. Segundo manifestou, unha vez que a crise da Covid demostrou que “un sistema baseado nos servizos e o turismo non funcionou ben”, o actual pode ser un “bo momento para reflexionar” arredor do modelo económico máis axeitado no que ha investigación reciba maior atención.
Diversidade, discriminación e estereotipos
Na entrevista, celebrada o 25 de novembro, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, Olalla Vázquez tamén abordou cuestións á igualdade e á diversidade e, nese senso, apelou á necesidade de contar con equipos de traballo diversos, pois “son os de maior éxito” debido a que “enriquecen o traballo, a produtividade” e tamén promoven interesantes achegas de tipo social e cultural entre as propias persoas que conforman o grupo.
Dentro da cuestión da diversidade, tamén lamentou a existencia de determinados estereotipos arredor das mulleres, tamén no caso concreto das mulleres científicas, e reivindicou a necesidade de traballar na eliminación deses clixés. Deste xeito, as novas xeracións poderán percibir que na ciencia “hai cabida para elas”, apuntou.
“Non hai comparación, non estamos no nivel en Galicia para competir”, lamenta a galega afincada en Alemaña
Sobre a existencia de discriminación cara ás mulleres, manifestou que se dá “en todos os eidos” da ciencia e que é perceptible en cuestións do día a día como poden ser “unha conferencia, unha comida, un comentario…”. Así, coincidía co indicado pola tamén científica galega María de la Fuente, protagonista da primeira das entrevistas desenvolvidas na Semana da Ciencia de Pontevedra.
Vázquez asegurou que na loita pola igualdade cómpre “facer un esforzo maior”, especialmente en educación, no uso da linguaxe e tamén desde eido institucional. En canto a posibles horizontes para acadar resultados, recoñeceu a dificultade de que, nuns 20 anos, se poida deixar de falar de existencia de discriminación por cuestións de xénero.
Volvendo ás diferenzas entre Galicia e outros territorios, neste caso no que ten que ver coa igualdade e as convocatorias públicas de investigación, manifestou que “as bolsas e postos de traballo en Alemaña teñen en conta paros por maternidade” e que nos proxectos europeos tamén comeza a haber avances.
Finalmente, aludiu á necesidade de fomentar novas vocacións na investigación científica espertando a curiosidade da infancia e rachando as visións estereotipadas que existen arredor do persoal investigador. “Coa ciencia podes entender o mundo”, concluíu.
A entrevista a Olalla Vázquez puxo fin aos actos programados co gallo da Semana da Ciencia de Pontevedra. A súa intervención, froito da conversa mantida coa concelleira Carme Fouces e o xornalista Manuel Rey está dispoñible na canle de Youtube de GCiencia.
O problema da ciencia en España non é pola discriminación das científicas senon pola falta de percepción na sociedad da importancia da ciencia básica, o cáncer da endogamia (hay moita filla de catedrático) na universidade. Se lle imos dar unha “perspectiva de xenero” pois ben vale OK pero non é o problema da ciencia en Galicia