Comeza o verán máis longo dos últimos séculos

Este sábado 21 ás 12.51 horas comeza o verán no hemisferio norte, prolongándose até as 4.29 horas do 23 de setembro, cunha duración de 93,65 días. Así, a estación estival supera en duración á primavera en case un dia, ao outono en máis de tres e medio, e ao inverno en preto de cinco. Será así o verán máis longo dos últimos séculos.

No eido meteorolóxico, os científicos prevén un verán seco e cálido, que chegará despois do tempo revolto previsto para a noite de San Xoán.

Publicidade

Pero se volvemos á astronomía, o día 21, á hora sinalada, o Sol atoparase no punto Cáncer da Eclíptica, ou Solsticio de xuño, acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador celeste). Como consecuencia, tamén estes días o Sol terá a mediodía a máxima altura posible sobre o horizonte e o albor e o solpor produciranse o mais ao norte posible, sendo así os días os máis longos do ano cunha duración na nosa latitude de aproximadamente 15 horas.

Na noite do 12 ó 13 de agosto, a choiva das Perseidas chegará a súa cita anual

O día 4 de xullo a Terra pasará polo Afelio, punto da súa órbita máis alonxado do Sol a mais de 152 millóns de quilómetros, fronte aos 147 que corresponderon á mínima distancia (Perihelio) do pasado 4 de xaneiro, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo. Nun verán sen eclipses, a choiva de estrelas Perseidas chegará puntualmente na noite do 12 ao 13 de agosto, aínda que como explica Docobo, nesta ocasión a Lúa, en fase case chea, non vai colaborar na súa observación.

Publicidade

Conxuncións planetarias

Nos vindeiros meses haberá algunhas conxuncións que o director do Observatorio da USC cualifica de interesantes. Así, no amencer do dia de San Xoán estará Venus moi próximo á Lúa e na noite do 5 ao 6 de xullo, será Marte quen se vexa preto do satélite terrestre e dous días despois, estará Saturno tamén con conxunción coa Lúa. Ademais, nas noites do 3 ao 4 de agosto e na do 31 de agosto ao 1 de setembro, haberá dúas interesantes conxuncións entre Saturno, Lúa e Marte.

Segundo as estimacións do Observatorio Astronómico da USC, en torno ao 12 de xullo, Mercurio atoparase en boas condicións para ser visible a simple vista aproximadamente media hora antes da saída do Sol. Venus será o luceiro do Alba durante todo o verán e Xúpiter poderá verse só durante xullo e moi baixo no oeste logo do solpor. Como engade Docobo, Marte e Saturno serán visibles boa parte das noites de xullo e agosto.

Marte, Saturno, Mercurio e Venus serán visibles todo o verán nos ceos galegos; Xúpiter, só en xullo

Actualmente, logo de anoitecer, Marte está situado en dirección Sur e Saturno á súa esquerda. Conforme pase o tempo iranse achegando e na noite do 25 ao 26 de agosto producirase a mínima separación aparente entre eles. Logo Saturno porase á dereita de Marte. Como explica José Ángel Docobo, o estío é especialmente recomendable para localizar constelacións no ceo e mesmo para contemplar a Vía Láctea dende lugares con pouca contaminación lumínica. Emblema da estación que agora comeza, é o triángulo formado polas brilantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne) e Altair (na Águia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns