O Nobel de Física recoñece os modelos que axudan a comprender os sistemas complexos

Syukuro Manabe, Klaus Hasselmann e Giorgio Parisi son os galardoados polas achegas á modelización dos sistemas aparentemente caóticos

A Academia Sueca de Ciencias decidiu outorgar o Nobel de Física 2021 a tres impulsores das “revolucionarias contribucións ao coñecemento dos sistemas físicos complexos”. Por unha banda, o galardón recae nunha metade para Giorgio Parisi, da Universidade Sapienza de Roma, “polo descubrimento da interacción da desorde e as fluturacións nos sistemas físicos desde a escala atómica ata a planetaria”; e, na outra metade, o Nobel repártese entre o xaponés Syukuro Manabe (Universidade de Princeton, Estados Unidos) e Klaus Hasselmann, científico alemán do Instituto Max Planck de Meteoroloxía (Hamburgo), polo modelado físico do clima da Terra”, unha achega clave para “cuantificar a variabilidade e a predición sólida do quecemento global”.

Tal e como explica o comunicado dos Premios Nobel, os tres premiados destacan polo estudo dos fenómenos caóticos e aparentemente aleatorios. Manabe e Hasselmann sentaron as bases do coñecemento do clima terrestre e como a humanidade inflúe nel, mentres que Parisi ve recoñecido o seu labor sobre a teoría de materiais desordenados e procesos aleatorios.

Publicidade

“Os sistemas complexos caracterízanse pola aleatoriedade e a desorde, e son difíciles de entender. O Nobel deste ano recoñece os novos métodos para describilos e predicir o seu comportamento a longo prazo”, destaca a web do galardón.

No caso de Syukuro Manabe (1931), demostrou como o aumento dos niveis de CO2 na atmosfera conduce a un aumento de temperatura da superficie terrestre. Desde os anos 60 coordinou o desenvolvemento de modelos físicos do clima e foi a primeira persoa en explorar a interacción entre o balance de radiación e o transporte vertical das masas de aire. O seu traballo sentou as bases para o desenvolvemento dos modelos climáticos actuais.

Publicidade

Arredor de 10 anos máis tarde, Klaus Hasselmann (1931) creou un modelo que vincula o tiempo e o clima, respondendo así á cuestión de por que os modelos climáticos poden ser confiables aínda que o clima sexa cambiante e caótico. Tamén desenvolveu métodos para identificar sinais específicos e pegadas que deixan no clima tanto os fenómenos naturais como as actividades humanas. Os métodos utilizáronse para demostrar que o aumento de temperatura na atmosfera se debe ás emisións humanas de dióxido de carbono.

A comezos da década dos 80, Giorgio Parisi (1948) descubriu os patróns ocultos en materiais complexos desordenados. Os seus achados destacan entre as contribucións máis importantes á teoría de sistemas complexos. Este coñecemento permite comprender e describir moitos materiais e fenómenos diferentes e que, aparentemente, son aleatorios, axudando ao avance non só da física, senón tamén das matemáticas, a bioloxía, a neurociencia ou a aprendizaxe automática.

“Os descubrimentos deste ano demostran que o noso coñecemento sobre o clima descansa sobre unha base científica sólida, baseada nunha análise rigurosa das observacións. Os galardoados contribuíron a que teñamos unha visión máis profunda das propiedades e a evolución dos sistemas físicos complexos”, destaca Thors Hans Hansson, presidente do Comité Nobel de Física.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva

Catro claves para crear bosques urbanos e combater a crise climática dende as cidades

Unha urbe sen árbores posúe unha menor infiltración de auga, temperaturas máis altas e unha poboación con máis enfermidades

Galicia rompe o tópico: en 2025 rexistráronse máis horas de sol do habitual

O documento confirma o aceleramento do quentamento global ao recoller unha temperatura media de 1,1 graos por enriba do promedio anual normal

Aire acondicionado fronte ao cambio climático: indispensable ou incompatible?

A OMS presenta unha nova guía de plan de acción sobre saúde e calor na que recoñece os seus efectos negativos á vez que insiste na necesidade de acceso