O desafío matemático da Galiciencia

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole adianta de novo este ano o comezo da celebración da maior feira científica de Galicia, a Galiciencia, co lanzamento dun desafío matemático que se desenvolverá en varias etapas ata o mes de novembro. “Atrévete coas matemáticas!” está aberto a escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e constará de varias fases eliminatorias con probas a distancia, que culminarán nunha final presencial durante a Galiciencia, en Ourense.

Desde agora e ata o 22 de abril, os participantes deberán realizar unha fotografía ou un vídeo sobre un número ou unha secuencia matemática famosa. Os que superen esta fase terán de prazo ata o 13 de maio para enviar a gravación en vídeo dun flexágono –obxecto plano con forma de polígono creado mediante o pregue dunha peza de papel que, debidamente dobrada, permite mostrar máis caras ao manipulala– construído por eles mesmos. Quen demostre máis habilidade nesta proba poderá enviar ata o 3 de xuño o resultado do último reto a distancia: a creación dun anamorfismo, a distorsión dunha imaxe utilizando métodos matemáticos e ópticos para crear no observador a ilusión dun efecto perspectiva.

Publicidade

Para chegar á final, haberá que superar varios desafíos

Os gañadores dos sucesivos retos anteriores decidiranse a votación dos centros escolares galegos, que serán invitados a valorar as probas, e do público en xeral a través da web de Galiciencia.

Durante a última xornada de Galiciencia, que contará co patrocinio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar a proba final, de carácter presencial, que enfrontará os cinco equipos mellor puntuados na fase anterior.

Publicidade

Esta iniciativa responde á vontade de Tecnópole de estender as actividades de divulgación científica ligadas a Galiciencia máis alá dos tres días que dura o evento central. En 2015, con motivo da celebración do décimo aniversario da feira, realizouse unha xira de espectáculos científicos e cursos para docentes por toda Galicia.

Búscase estimular a curiosidade científica dos escolares

O concurso pretende estimular a creatividade e a curiosidade científica de escolares de centros das catro provincias. En concreto, as probas están deseñadas para cultivar o pensamento abstracto a través da xeración de imaxes a partir de conceptos matemáticos. Grazas á elaboración do flexágono e o anamorfismo aprenderán sobre a relación das matemáticas coa xeometría e a arte e, os que cheguen á final, adestrarán as súas habilidades na aplicación das matemáticas á análise e resolución de  problemas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vacas no carazo e un intestino, protagonistas das mellores imaxes científicas do ano

A iniciativa divulgadora do CSIC selecciona oito propostas para formar parte dun catálogo e dunha exposición itinerante por todo o país

Catro de cada dez galegos cren que os gobernos crean virus para controlar a súa liberdade

Tres de cada catro cidadáns confía na investigación científica, pero o número de escépticos aumenta en liña coa dinámica mundial

O programa de Maiores da UVigo retoma as charlas abertas en Vigo, Ourense e Pontevedra

O alumnado do programa cambia as aulas por cafetarías para compartir uns minutos ‘de ciencia e vida’

A UVigo leva a Lalín a cuarta edición da feria ‘A ciencia que vén ten nome de muller’

A actividade inclúe obradoiros, xogos e experiencias interactivas para espertar vocacións científicas na mocidade