O CiQUS súmase á futura revolución da industria electrónica verde

O grupo que dirixe Eugenio Vázquez participará no proxecto europeo e-Prot para investigar o desenvolvemento de nanocables condutores baseados en proteínas

O equipo que dirixe no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) o científico Eugenio Vázquez Sentís súmase ao proxecto europeo e-Prot, que busca desenvolver un novo tipo de nanocables condutores da electricidade baseados en proteínas, que poderían ser a base para a fabricación de futuros dispositivos electrónicos sostibles. A iniciativa e-Prot (acrónimo de ‘Efficient Conductive Protein Systems’) supón un significativo avance no ámbito da electrónica medioambientalmente sostible á que apunta a fabricación dos dispositivos do futuro. Neste contexto, o binomio de bioloxía e electrónica adquire unha importancia crave e nel está a orixe do proxecto e-Prot.

O grupo de química biolóxica (ChemBio) que dirixe Vázquez Sentís, especializado no desenvolvemento de ferramentas químicas para investigación biolóxica, unirase a un consorcio internacional con outros cinco equipos de España, Israel e Portugal e dúas compañías de Francia e Reino Unido para xerar novos biomateriales de grande utilidade “na coñecida como industria electrónica limpa ou verde, cada vez máis demandada e utilizada; con novos dispositivos biodegradables e tintas condutoras para impresión dixital e  rotulación”, explica o investigador do CiQUS.

Publicidade

A Comisión Europea financiou a proposta colaborativa deste consorcio cun total de 1,2 millóns de euros para catro anos a través do programa FET-OPEN (Future and Emerging  Technologies), que ten por obxectivo fortalecer grandes proxectos de investigación de alto risco, realizados en colaboración e ligados á creación de novas tecnoloxías  rupturistas.

Ilustración que representa os dispositivos electrónicos desenvolvidos a través de bacterias condutoras de electricidade. Fonte: CiQUS.
Ilustración que representa os dispositivos electrónicos desenvolvidos a través de bacterias condutoras de electricidade. Fonte: CiQUS.

Hai uns anos, explican desde o CiQUS, os investigadores descubriron no solo e nos sedimentos algunhas bacterias que poderían conducir a electricidade utilizando pequenos cables formados por proteínas nunca vistas ata entón. Estes nanocables de proteínas teñen un enorme potencial aplicado á industria electrónica, xa que permitirían baterías potentes e biodegradables ou mesmo construír dispositivos biocompatibles para implantes médicos. “O impacto destes novos cables proteínicos vai mesmo moito máis alá das potenciais aplicacións tecnolóxicas e representa un novo tipo de precursores biolóxicos sostibles para a creación dunha nova industria electrónica verde e de novos dispositivos biodegradables”, explica Eugenio Vázquez, que asegura que este proxecto colaborativo “tenta dar resposta a enfoques novos no campo da bioelectrónica”.

Publicidade

O uso xeneralizado de aparellos electrónicos de consumo e as prácticas de obsolescencia incorporadas teñen efectos ecolóxicos devastadores, que dan lugar a unha maior actividade mineira e á produción de grandes cantidades de refugallos de aparellos eléctricos e electrónicos altamente contaminantes, o que se converteu nun importante problema ambiental. A fabricación de compoñentes electrónicos a partir de precursores biolóxicos sostibles representa un avance fundamental para unha industria electrónica ecolóxica e, neste contexto, a produción  microbiana sostible de  nanocables condutores desenvolvidos en e-Prot, que poden cultivarse a partir de materias primas renovables para a súa produción en masa a baixo custo, contribuirá significativamente a este futuro electrónico ecolóxico.

A electrónica biodegradable tamén dará lugar á creación de novas clases de dispositivos intelixentes implantables e temporais para o diagnóstico/seguimento; a capacidade de fabricar electrónica  biocompatible/degradable utilizando tintas condutoras e procesos de impresión de baixo custo axudará aínda máis á creación de mercados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

Das augas residuais ao combustible do futuro: así produce hidróxeno verde o novo sistema do CiQUS

O equipo de María Giménez-López emprega a urea como materia prima para impulsar unha nova estratexia máis sostible e eficiente

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación