O galego Javier Montenegro, premiado pola Real Sociedad Española de Química

 O científico galego Javier Montenegro acaba de ser premiado pola Real Sociedad Española de Química (RSEQ) co premio “Novo Investigador Sigma-Aldrich“, que entrega a entidade aos investigadores que demostran unha gran proxección ao comezo das súas carreiras independentes.

 Montenegro, investigador Ramón y Cajal, é o responsable do proxecto europeo DYNAP, e líder dun proxecto de investigación transnacional en química biolóxica, financiado polo programa global Human Frontier Science Program’ (HFSP). Nos últimos anos conseguiu notables obxectivos, como a obtención dunha das axudas de excelencia científica do Consello Europeo de Investigación (ERC).

É o quinto científico do CiQUS que recibe o mesmo premio nos últimos dez anos

Publicidade

O galardón recibido por Montenegro reforza aínda máis o recoñecemento que nos últimos anos están obtendo en diversas disciplinas, con numerosos galardóns, os investigadores do CiQUS. Esta é a quinta vez que un científico do centro obtén este premio, despois de Eugenio Vázquez (2008), Fernando López (2009), Moisés Gulías (2015) e Martín Fañanás (2016).

En declaracións recollidas pola USC, Montenegro, tamén profesor nesta universidade, confesábase honrado por recibir o galardón “tendo en conta a enorme calidade da investigación en Química que hai en España e a excelencia doutros centros e investigadores”. Engadiu: “Estou moi contento de que o xurado da RSEQ me tivera seleccionado para este premio, porque provén dos colegas que máis admiro e respecto”.

 Do mesmo xeito, o científico galego tivo tamén palabras de agradecemento para o CiQUS, a USC e as axencias de financiamento da investigación, pero “por riba de todo” quere destacar o traballo do seu equipo. “Estou en débeda cos estudantes do meu grupo de investigación, pois son eles os que co seu esforzo permanente o fixeron posible”.

 Javier Montenegro é licenciado e doutor en Química pola USC. Realizou unha estancia predoutoral na universidade de Cambridge e foi investigador visitante no Scripps Research Institute (La Jolla, California). Traballou tamén na universidade de Xenebra para os seus estudos posdoutorais.

Publicidade

En 2012 volveu a España cun contrato Juan de la Cierva para traballar no CIQUS. En 2015 obtivo un contrato Ramón e Cajal asociado ao Departamento de Química Orgánica e ao CIQUS na Universidade de Santiago de Compostela, e nese mesmo ano conseguiu unha ERC – Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Os seus intereses de investigación sitúanse na interfase da química orgánica sintética e a química supramolecular aplicadas a sistemas biolóxicos e o descubrimento de novos materiais. Actualmente está centrado no control topolóxico de ensamblaxes moleculares para aplicacións diversas como sensores diferenciales, entrega controlada e aleacións nanométricas tubulares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS

Un equipo da USC logra unha reacción química para construír bibliotecas de moléculas codificadas por ADN

O descubrimento liderado polo investigador do CiQUS Manuel Nappi pode ser clave na procura de fármacos

Roubar a estabilidade dunha molécula ultra-estable durante unha fracción de segundo: así o estuda o CiQUS

O científico Luis M. Mateo recibe a prestixiosa Bolsa Branco Weiss que financiará o proxecto ‘PhthalocyanYnes’ con máis de 635.000 euros durante cinco anos