Un investigador da USC, no achado da orixe dos escravos en América

A xenética está a escribir con precisión a historia de millóns de persoas que, contra a súa vontade, foron capturados en África para a súa explotación como escravos en países suramericanos. O relato dun dos capítulos máis dramáticos e tristes da historia da humanidade, o comercio de escravos transatlántico, conta agora con novos datos da man da colaboración internacional Eurotast na que o equipo do xenetista da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga é o único representante español.

O investigador Antonio Salas, da USC.
O investigador Antonio Salas, da USC.

Nun artigo na revista American Journal of Human Genetics, o equipo do doutor Salas estuda xeneticamente por vez primeira un conxunto de poboacións humanas actualmente asentadas na Güiana Francesa e no país veciño de Surinam. As comunidades estudadas “representan os denominados cimarróns (noir marron), descendentes de escravos africanos rebeldes que conseguiron escapar e vivían refuxiados nos ‘palenques’ ou ‘quilimbos’”, concreta Antonio Salas. Os últimos estudos xenéticos demostran que parte da actual poboación destes dous países son “descendentes directos” destes escravos. O traballo é unha mostra de que “a xenética é unha fonte de información adicional á documentación escrita preservada daquela época, achegando unha visión biolóxica do proceso”.

Publicidade

Concretamente, o traballo realizado nesta ocasión permite aclarar información sobre o lugar de orixe de hipotéticos descendentes daqueles escravos africanos en América. A modo de exemplo, os datos do doutor Salas mostran que en Colombia e Brasil, o principal evento de mestizaxe cos europeos data do ano 1749-1796, “un achado da xenética que é consistente coa documentación histórica” explica.

A investigación combina os últimos avances en xenética coa historia 

Nestas poboacións, engade o xenetista da USC, evidéncianse patróns de mestizaxe diferenciais en canto ao xénero, “cunha proporción maior de compoñente masculino procedente de Europa”. A análise xenética de poboacións de ‘cimarróns’ e de comunidades de afro-colombianos mostran afinidades coas poboacións do outro lado do Atlántico, particularmente coas orixinarias de Golfo de Benín e Costa do Marfil. Por outra banda, as poboacións de afro-brasileiros de Río de Xaneiro manterían afinidades coa poboación bantú do Golfo de Biafra e do centro-oeste africano (Camerún, Gabón, Angola).

O traballo dos investigadores evidencia o labor da xenética para trazar a orixe de quen foi explotado en réxime de escravitude e a desenredar os problemas que se derivan do feito de que na maior parte das situacións documentadas, os portos de escravos  en África embarcaban persoas capturadas a centos ou miles de quilómetros e de moi diferente orixe étnica e cultural.

A análise de 4,3 millóns de marcadores xenéticos en poboacións de descendentes de persoas nativas de África son a base hoxe do estudo realizado para identificar os avatares de grupos humanos que permaneceron xeográfica e culturalmente illados e case sen mesturar coas poboacións veciñas dende os tempos da súa fundación. Estes grupos representan “un laboratorio xenético sobre o que estudar de maneira fidedigna o que ocorreu hai entre 300 e 400 anos durante o proceso do tráfico de escravos”, aclara Salas.

Antigo mapa da Güiana Francesa.
Antigo mapa da Güiana Francesa.

Dada a natureza das mostras así como o volume de datos manexados, “o aspecto computacional e matemático do traballo é complexo porque se trata de manexar millóns de variantes xenéticas en miles de individuos, o que conleva lidiar con problemas relacionados coa dimensión dos datos”, engade. Neste senso, o investigador explica que ademais da información procedente de afrodescendentes, analizáronse igualmente poboacións de referencia nos continentes africano e europeo, “xa que estas serven de marco de referencia sobre as que a xenética de poboacións reconstrúe os feitos históricos”.

Recoñecido como un crime contra a humanidade internacionalmente, durante catro décadas o comercio de escravos transatlántico mobilizou contra á súa vontade máis de sete millóns de persoas para traballar como escravos en plantacións e minas. Como recorda o investigador da Facultade de Medicina Antonio Salas Ellacuriaga, España foi un dos maiores responsables da trata e explotación. O investigador da USC encabeza o único equipo español, neste caso emprazado no Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, implicado no proxecto Eurotast, unha rede europea de investigación na que teñen cabida o mundo académico europeo e especialistas de África occidental e o Caribe para examinar as consecuencias do tráfico de escravos, en perspectiva histórica, conducido polas grandes potencias europeas da época.

A investigación revela a orixe de cidadáns de Surinam no golfo africano de Biafra

As investigacións presentadas son o froito dun proxecto de investigación do profesor Antonio Salas financiado no ano 2012 cunha axuda Marie Curie Initial Training Network, coñecido como Eurotats. É unha convocatoria altamente competitiva e o proxecto foi o primeiro concedido na súa categoría a un investigador da USC. Supuxo unha dotación económica de 4,3 millóns de euros  e con el apoiouse a formación de quince novos investigadores en Europa.

Como explica o doutor Salas Ellacuriaga, Eurotast é un proxecto colaborativo que xunta o esforzo investigador de dez institucións e sete países europeos, entre elas as universidades de Copenhague (Dinamarca), Bristol e York (Inglaterra), o CNRS (Francia) ou DeCode Genetics (Islandia). O proxecto é multidisciplinar e cobre distintas disciplinas como a historia, a arqueoloxía, a xenética e xenómica ou a antropoloxía social. A rede, ademais dun forte carácter científico, ten un compoñente divulgativo importante, xa que un dos obxectivos é facer chegar os resultados do proxecto aos medios de comunicación, museos ou escolas, entre outros.

Como sinala Antonio Salas, “no grupo da USC, centrámonos na parte xenómica deste proxecto e ademais dos seus obxectivos primarios no ámbito da historia e a xenética de poboacións, buscamos aplicacións en terreos moi diferentes e ao mesmo tempo fortemente relacionados”. A modo de exemplo, “no ámbito da xenética forense e a investigación policial, é cada vez máis relevante o que pode achegar a xenética na busca de evidencias que axuden a investigar posibles sospeitosos de ter cometido un delito”. Ademais, “nos nosos proxectos clínicos investigamos como o acervo xenético dunha persoa predispón a unha enfermidade, e como en boa parte esta predisposición ten unha base ben cimentada sobre a historia e arquitectura xenómica individual”.

Antonio Salas Ellacuriaga

O profesor Antonio Salas Ellacuriaga imparte clases na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. É membro do Instituto de Ciencias Forenses da USC dende hai máis de 20 anos e dirixe o grupo de Genética de Poblaciones en Biomedicina (GenPoB) do Instituto de Investigacións Sanitarias (IDIS) do Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago demostra que a música modula a expresión dos xenes na saliva

O proxecto Sensoxenoma podería servir para buscar novas dianas terapéuticas en enfermidades como o alzhéimer

Todo caduca: o investigador que recrea obras de arte para estudar como envellecen

Un experto en ciencia de materiais colabora co CGAC para avaliar a calidade e durabilidade dos materiais que se empregan no patrimonio artístico do centro galego

Un estudo feito en Lugo revela que case o 30% dos adolescentes sofren fobia a quedar sen móbil

A investigación USC saca á luz a relación deste medo irracional co consumo de alcol, tabaco e cánnabis

Un estudo galego revela que as persoas con demencia teñen máis sensibilidade á música

O proxecto Sensoxenona evidencia que a música “afina” a expresión dos xenes alterados en pacientes con enfermidades neurodexenerativas