Publicidade

O intersticio non é un novo órgano, pero coñecelo mellor é moi relevante

O concepto de intersticio non é nada novo. Figura desde hai moito tempo na literatura da Bioloxía e a Medicina. Xa se coñecía como intersticio o espazo comprendido entre as células dos seres vivos e incluso se menciona nas materias de ciencias no ensino secundario ou o Bacharelato. A propia Real Academia Galega defíneo como a “fenda ou pequeno oco entre dous corpos ou entre as partes dun corpo”. Porén, un artigo publicado a pasada semana en Scientific Reports saltou aos medios de comunicación de todo o mundo, afirmando que os científicos descubriran un novo órgano no corpo humano que permanecera oculto ata o de agora.

A existencia do intersticio xa aparece reflectida nun artigo de 1826

Pero, é isto certo? No artigo, asinado por investigadores estadounidenses, non se fala en ningún momento do achado dun novo órgano. O que se fai é describir dunha forma máis precisa e ampla a estrutura xa coñecida desde hai moito tempo, composta por tecido conectivo e líquido intersticial, que une unhas células con outras. Así, na introdución do seu traballo, os científicos sinalan que “mentres a comprensión da anatomía e composición do espazo intersticial entre as células é cada vez maior, a existencia, ubicación e estrutura dos espazos inter-tecidos e intra-tecidos só se describiu dun xeito vago na literatura”.

Publicidade

Segundo sinala a web Hipertextual, que contactou con Mark Westneat, un dos autores do estudo, a mención ao intersticio xa aparece en textos de 1826, polo que non é nada novo. “A idea de que este é un órgano novo ou que o estudo descubriu algo novo e previamente non identificado no corpo humano é claramente falsa“, di Westneat. Hipertextual explica que a orixe da información sobre o falso achado está nunha nota de prensa publicada por Eurekalert! da que se fixeron eco medios de todo o mundo.

A importancia do intersticio

Aínda que a mera existencia do intersticio non é ningunha novidade para a ciencia, si é certo que as claves da súa función e a súa estrutura son bastante descoñecidas. O achado dos investigadores estadounidenses é importante por varias razóns. O artigo expón que, mentres estudaban os condutos biliares dun paciente con cancro a través dunha novidosa técnica endoscópica, os investigadores atoparon un patrón de estruturas que non encaixaba coa anatomía coñecida desta zona, explica a web Xataka. Deste xeito, decidiron contactar con outros expertos para intentar comprender o que estaban observando. A investigación concluíu que o que ata o de agora se consideraba un simple tecido conectivo é, en realidade, unha rede de pequenas cavidades que se sosteñen por unha rede de coláxeno e elastina. Xa se coñecía a súa existencia, pero non se podía ver porque a tecnoloxía non o permitía ata agora.

Publicidade

Coñecer mellor o intersticio podería contribuír, por exemplo, a neutralizar de forma máis efectiva as metástases do cancro. O achado sinala que as células tumorais poderían moverse polo corpo humano a través deste tecido, conseguindo entrar no sistema linfático.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega para frear dous dos cancros máis letais, entre a elite europea

Un proxecto do CiQUS para combater tumores de páncreas e de colon recibirá 2,5 millóns de euros

Os antibióticos están chegando á túa billa: como podes evitalo?

Moitas persoas ignoran que a auga que consomen podería ter fármacos, e que isto pode levar a resistencias no tratamento de infeccións

Últimas noticias sobre as vacinas contra o cancro

Centos de ensaios clínicos empezan a marcar unha nova liña de esperanza para mellorar tratamentos e evitar recaídas en pacientes con tumores

Descuberto un efecto da aspirina que reduce a metástase do cancro en ratos

O mecanismo anticoagulante do fármaco activa un elemento esencial da resposta inmunitaria que elimina as células tumorais invasoras antes de que poidan colonizar outros órganos