As carreiras científicas comezan a forxarse desde moi cedo. Moitos investigadores de referencia adoitan mencionar a un mestre ou mestra que marcou a súa xuventude, inculcando a paixón por aprender e a curiosidade para comprender o que nos rodea. Cousas como as que está facendo o instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces seguro que contribúen a que, nun futuro, algunha importante carreira lembre os seus comezos neste centro da comarca do Deza. Porque aquí, alén das clases, traballan en dous proxectos de altura: unha revista de Matemáticas feita con criterios académicos e a Axencia Espacial Escolar Galega, a Nosa, que en poucos días intentará enviar, por cuarta vez, unha sonda, a Marumasat, cara á estratosfera.
“Son distintas experiencias que queremos ofrecer aos rapaces para aprender a facer ciencia desde diversas perspectivas”, explica Xosé Díaz, profesor do departamento de Matemáticas do instituto. Así, por unha banda, os alumnos aprenden no proxecto da NOSA “desde un enfoque práctico, cun concepto máis romántico da ciencia, saíndo ao campo, experimentando e desenvolvendo o método científico” e, por outra banda, “un aspecto máis pausado, traballando en cadea e en equipo, xestionando todo o proceso de edición dunha revista, que tamén cremos que é necesario para o seu futuro”.
O segundo volume de Marco Numérico
Nestes días de maio acumúlase o traballo no Marco do Camballón. Alén dos preparativos para o lanzamento da Marumasat IV, previsto para o vindeiro martes 28, acaba de saír do prelo o segundo volume da revista Marco Numérico, unha publicación en galego que naceu o ano pasado e que recolle traballos de investigación matemática, suxeitos “aos estándares de profundidade, rigor e forma habituais do mundo académico”.
Despois do lanzamento do pasado ano, este é un momento “de reválida”, segundo subliña Xosé Díaz. Así, Marco Numérico recolle xa traballos académicos doutros dous centros, o Virxe do Mar de Noia e o Maruxa Mallo de Ordes (tamén involucrado na NOSA), na liña da vontade coa que naceu, ofrecendo as súas páxinas a traballos do alumnado de secundaria e bacharelato dos centros galegos na sección Fóra do Marco.
Alén disto, outro dos obxectivos de Marco Numérico é animar ao alumnado do instituto a tomar parte na súa propia aprendizaxe, “mudando o rol pasivo que habitualmente ten asignado nas escolas por un papel máis activo na adquisición e formalización do coñecemento”, explican os impulsores da revista. Nesta liña, Xosé Díaz expón: “Queremos darlles a oportunidade de buscar os seus camiños; nós podemos actuar como orientadores, introducíndoos no asunto, pero eles tamén deben buscar camiños e solucións”.
Futuras vocacións
As actividades nas que participa o instituto Marco do Camballón poderían estar fomentando xa vocacións científicas con moito futuro. “Non sei se isto vai axudar a definir vocacións específicas, pero seguro que si lles está servindo para divertirse e estimular a aprendizaxe, que se pode pasar ben facendo ciencia”, di o seu profesor. De feito, algúns dos estudantes de Bacharelato que fixeron posible o primeiro volume da revista e tomaron parte na NOSA xa están comezando a súa carreira universitaria.
E non só iso: “Teñen que ver tamén, mediante a propia experiencia, como xestionar as situacións nas que as cousas non saen tan ben como esperaban, ou que os resultados non son os agardados. Aprender a lidiar con iso tamén é clave”, conclúe Xosé Díaz.
Índice do segundo volume de Marco Numérico
– Lei de Benford xeralizada para números primos.
– O efecto invernadoiro no contexto da Unión Europea.
– Manchas solares: distribución e ciclos.
– O azar predicible: xerando números pseudoaleatorios.
– Análise estatística da distribución de sumas de Goldbach.
– Eficacia probabilística do test de primalidade de Fermat.
– Movemento browniano no contexto dunha apocalipse zombi.
– O método de Newton-Raphson no riff de Day Tripper.
– Autómatas celulares: un modelo para a propagación de enfermidades.
Na sección Fóra do Marco:
– Planificación de rutas e teoría de grafos: un caso práctico.
– Programa de código aberto para a resolución de sistemas de ecuacións lineais.
– O consumo eléctrico e as súas tarifas.
– Os xuros e as mensualidades.
Ademais, o número conta cun limiar da profesora titular da Facultade de Matemáticas da USC Mª Victoria Otero Espinar.