A finais do Devónico e ao longo do Carbonífero, o solo de Galicia revirouse para formar as súas principais montañas. Os grandes continentes primitivos, como Euramérica e Gondwana, uníronse para formar Panxea, o continente único que máis tarde se separaría para debuxar o mapa do mundo actual.
Agora, un estudo internacional datou as fallas do terreo en Galicia e todo o Oeste da península Ibérica. E a data encaixa co momento en que se creou o principal da orografía galega. A cifra é moi exacta: hai 308 millóns de anos.
Cun sofisticado sistema de isótopos, os científicos dataron as fallas coruñesas de Punta Langosteira e de Malpica de Bergantiños. Ambas as dúas formáronse hai pouco máis de 300 millóns de anos, cando aparecen en terra firme os primeiros réptiles e a paisaxe vexetal está formada por grandes árbores como o lepidodendron, de máis de 40 metros de altura.
As mostras xeolóxicas, recollidas pola Universidade de Salamanca nesta provincia e tamén en Zamora, A Coruña e Portugal, viaxaron decenas de miles de quilómetros por varios países do mundo para descubrir a idade das fallas desta zona. Segundo un estudo, coincide co pregamento do terreo coñecido como Oróxeno Varisco, que afectou ao oeste da península e fixo xurdir as cordilleiras actuais.
Os datos foron publicados na revista científica Tectonophysics, e o xeólogo Gabriel Gutiérrez-Alonso, amósase satisfeito desta datación: “Hai grandes fracturas que percorren o oeste da península ibérica que tiñan unha idade non determinada. Neste traballo datámolas e comprobamos que son coetáneas do pregamento que sufriu esta zona e cuxo resultado son as rochas actuais”, explicou o científico a axencia Sinc.
A datación foi posible ao calcular a súa idade mediante o seu “reloxo isotópico“, é dicir, usando isótopos de potasio e argon do mineral mica moscovita que actúan como reloxos.
O reloxo de isótopos permitiu datar as rochas en laboratorios de Canadá e Australia
O curioso é que as mostras destes cinco enclaves peninsulares tiveron que viaxar miles de quilómetros para obter os resultados. En Adelaida (Australia) foron seleccionados os minerais, de alí trasladáronse a Ontario (Canadá), onde se introduciron nun reactor nuclear durante máis de 30 horas e volveron a Australia para ser analizadas nos laboratorios da Curtin University de Perth (Australia) polo investigador Fred Jourdan mediante o quentamento nun sofisticado láser ata a súa fusión.
Aínda que as fallas se adoitan asociar a terremotos, “as que recolle este estudo encóntranse totalmente inactivas”, afirma o experto. De feito, a actividade sísmica do noroeste da Península, que é moi escasa, está determinada por outras fracturas do terreo. En Galicia, a actividade principal está en fallas máis modernas situadas no triángulo de Triacastela.
Ademais dos científicos australianos e canadenses, tamén colaboraron investigadores de Filadelfia (Estados Unidos) e, por parte española, a Universidade Complutense de Madrid e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME). En total, oito xeólogos de cinco países están involucrados neste estudo que supón un dos últimos resultados dentro de dous proxectos de investigación sobre o Oróxeno Varisco. Cando se formou Panxea, o continente único, e boa parte das montañas que hoxe existen en Galicia e o mundo.