Dúas neurocientíficas galegas, Sonia Villapol (A Pastoriza, 1977) e Susana Martínez-Conde (A Coruña, 1969) participarán como relatoras do primeiro Encuentro de Científicos Españoles en Estados Unidos que se vai celebrar na Universidade de Georgetown, en Whashington D.C., entre o 17 e o 19 de setembro. Bióloga molecular a primeira, dedicada a loitar contra os efectos da morte neuronal, e especialista na percepción e no seu procesamento cerebral a segunda, ámbalas dúas están afincandas nos EUA dende hai anos e forman parte do grupo de 52 científicos españois que ditarán as súas ponencias no encontro. Os organizadores esperan unha asistencia de máis de 200 científicos e divulgadores. O acto celébrase no campus principal da Universidade de Georgetown, un dos centros universitarios máis prestixiosos do mundo, co patrocinio da Fundación Ramón Areces e nel colaboran tamén a Obra Social La Caixa e a Fundación Endesa.
O xerme de Ecusa (Españois Científicos en USA), a plataforma de científicos que organiza o encontro, foi o de crear unha comunidade que integre a un colectivo crecente no país norteamericano, a principios de 2014. Nuns días, coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), a Universidade de Georgetown e a Embaixada de España en Washington como coordinadores, ve a luz o primeiro encontro do colectivo, que no seu tempo de vida puxo en marcha proxectos piloto como “Ecusa en las escuelas”, para alimentar a curiosidade dos cativos en disciplinas como as matemáticas, a tecnoloxía, a ciencia e a enxeñaría.
“O número de científicos españois no estranxeiro medra exponencialmente, cada vez somos máis nos Estados Unidos, e o mesmo acontece en Inglaterra ou Alemaña. Coa idea de crear un censo, coñecernos, interactuar e establecer unha rede de científicos nos EUA, creouse a nosa asociación e decidimos organizar un congreso en Washington onde nos reunimos científicos de distintos estados do país”, conta a bretoñense Sonia Villapol, que vive na capital estadounidense dende 2010 e actualmente é profesora de Neurociencia na Universidade de Georgetown. Antes, esta científica con anos de experiencia na investigación do dano cerebral e das súas consecuencias pasou polo Centro Nacional de Investigación Científica da Universidade Pierre e Marie Curie VI e o Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica, ámbolos dous en París.
‘O presuposto en investigación en España baixou un 42%; aquí hai máis traballo’
O espírito do encontro é facilitar a comunicación entre os investigadores que desenvolven a súa carreira profesional en EEUU, pero tamén servir de ponte entre as institucións públicas e privadas que operan no país de orixe, España, e no de destino. Oportunidades laborais gorentosas ao outro lado do Atlántico e as estancias no estranxeiro implícitas á carreira investigadora pesan case ao 50% á hora de marchar. “Na formación dun investigador ou investigadora está realizar estadías noutros laboratorios punteiros a nivel internacional durante uns meses ou anos. Esta etapa de formación pódese estender, e podemos conseguir postos de investigación e decidimos quedarnos por un tempo máis do previsto inicialmente. A isto súmase que as facilidades e oportunidades para investigar en España son mellores”, sopesa Villapol. “O maior financiamento en I+D é un detonante para que a política científica estadounidense supere á de España e á media europea”, engade.
“Fallan moitos aspectos, coma que en España dende o ano 2008 o presuposto en I+D+i baixou o 42%, que se perderon 5.000 postos de traballo en universidades, xa que non aparecen novos contratos e os funcionarios que se xubilan non son substituídos. As posibilidades para mozos investigadores de retornar son moi mediocres, os contratos Ramón y Cajal non se cumpren e na maioría dos casos os investigadores teñen que emigrar de novo. A estrutura universitaria precisa unha reforma“, apunta a neurocientífica.
A historia de Sonia Villapol non é moi distinta da que traza para o resto da comunidade investigadora española en Estados Unidos. Chegada para ampliar formación, foron xurdindo “oportunidades moi boas” que lle fixeron aprazar a volta. Investigadora do National Institute of Health durante catro anos no estado de Maryland, investigou neste centro dependente do goberno estadounidense fármacos para a recuperación neurolóxica logo dunha lesión cerebral. Xunto a este equipo indagou nos beneficios do candesartán para os pacientes con lesións cerebrais por traumatismo.
‘A estrutura universitaria en España precisa dunha reforma’
“Dende accidentes automobilísticos até lesións cerebrais nalgúns deportes”, apunta Villapol. Nas próximas semanas publicará na revista Brain da Universidade de Oxford os primeiros resultados dun proxecto do que é investigadora principal. “Por primeira vez observamos que a un dano cerebral séguelle unha liberación ao sistema circulatorio dunha proteína inflamatoria e que afecta tamén ao fígado. Polo tanto, cando levamos un golpe na cabeza, non so sufrimos unha lesión cerebral directamente, senón que outros órganos como o fígado tamén se ven afectados. Os nosos estudos en roedores son prometedores e mostran que o tratamento con medicamento que controlan a presión arterial reduce esta inflamación sistemática, e así restauran as funcións neurolóxicas e hepáticas“. O estudo abre as portar á detección da severidade de lesións cerebrais cunha simple análise de sangue.
A outra galega participante no encontro fai un diagnóstico similar. É Susana Martínez-Conde, licenciada pola Universidade de Santiago e hoxe directora do Laboratory of Integrative Neuroscience da State University of New York (SUNY). En EEUU dende 1997, aínda que dende entón tamén pasou tres anos en Reino Unido, cre que entre as políticas de I+D en España e no seu país de acollida hai unha diferenza “máis cuantitativa que cualitativa”. “Hoxe por hoxe”, explícase, “o apoio por parte do goberno estadounidense á investigación está por debaixo do que acostumaba estar antes da crise de 2008, pero segue sendo maior que en España. Algo que se ve en EEUU que non se ve en España é que aquí hai máis oportunidades alternativas, mecenados, fundacións“, analiza.
Estudosa das bases neuronais da percepción, un traballo desta científica coruñesa sobre como as técnicas dos magos poden servir para coñecer os procesos que usa o cerebro para construír a experiencia foi á portada da revista Nature Review no 2008.