Descubrindo o esplendor do Castro de Armea

Nos últimos anos o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) vén traballando en Santa Mariña de Augas Santas para pór ao descuberto e en valor todo o seu patrimonio histórico soterrado. Este verán, o equipo volve á zona, nesta ocasión ao Castro de Armea, e faino con máis recursos humanos e materiais grazas a un convenio asinado en febreiro entre a Universidade e o Concello de Allariz en materia de arqueoloxía. Estes recursos tradúcense nunha intensa actividade que está permitindo sacar á luz practicamente toda a extensión escavada nos anos 50 por Francisco Conde-Valvís e desenterrar outras por primeira vez, facendo, paso a paso, que o Castro de Armea emerxa en toda a súa magnitude.

Traballo dentro do castro na campaña deste verán.
Traballo dentro do castro na campaña deste verán.

Este luns, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz, achegáronse ao castro para coñecer o estado dos traballos que se están a realizar nel. Fermín Pérez, como director do GEAAT e do proxecto arqueolóxico Armea 2015, e Adolfo Fernández, como director da intervención arqueolóxica en Armea, foron os encargados de explicarlles os avances logrados. “Para a Universidade este proxecto ten un valor indubidable. Por unha banda, polo traballo que realiza o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e polo que significa para a dinamización do concello, e por outra banda porque permite ao noso alumnado do grao de Xeografía e Historia realizar prácticas reais, nun enclave real, con restos reais, algo moi importante de cara á súa formación”, subliñou Virxilio Rodríguez. “Valoramos moi positivamente o acordo coa Universidade. Para nós, este proxecto é un aposta estratéxica coa que estamos conseguindo que o castro sexa recoñecido coa potencia que ten, tanto por extensión como por calidade”, apuntou Francisco García.

Os arqueólogos atoparon unha sauna e están na busca das murallas da cidade

Segundo explicou Fermín Pérez, este ano a intervención, que conta tamén co apoio económico do Consello Social da Universidade de Vigo, deu “un salto cualitativo e cuantitativo con respecto ao ano anterior”. Deste xeito, comentou, contan con máis recursos materiais, económicos e humanos, estando o equipo formado por cinco técnicos, doce alumnos e alumnas en prácticas procedentes case na súa totalidade da Facultade de Historia do campus de Ourense, que realizan alí as súas prácticas preprofesionais, e tres operarios de apoio do Concello de Allariz, ademais da dirección de Fermín Pérez e Adolfo Fernández.

Peso de tear atopado nesta escavación en Armea.
Peso de tear atopado nesta escavación en Armea.

Con este equipo, a intervención, que comezou o día 1 de xullo, abrangue este ano máis extensión que na campaña anterior. A extensión que escavou Conde Valvís nos anos 50 está practicamente toda ao descuberto e os técnicos están traballando tamén en zonas novas, onde se poden ver e estudar os niveis estratigráficos orixinais do xacemento. Como corresponde ao tamaño do castro e a pesar de que boa parte dos traballos se realiza nunha zona xa escavada no pasado, durante a intervención, os arqueólogos están a atopar numerosos restos materiais, sobre todo de cerámica fina de importación romana, chamada terra sigillata, cerámica común, bronce e vidros. Entre os elementos máis destacados dos atopados ata o momento están dous elementos decorativos, con forma rosácea, e unha base de columna, todos eles ben conservados. Tamén se están a realizar varias catas en lugares próximos para intentar localizar a muralla do castro e dimensionar os límites deste enclave.
Despois de intervir en 2011 e 2012 nas estruturas de Monte Señoriño e en 2014 no Castro de Armea, os arqueólogos continúan así traballando para sacar á luz a auténtica cidade, capital de comarca, que se supón se asentaba desde mediados do século I e ata finais do século II neste lugar. Polos restos atopados, como a sauna, os torsos e a calidade da plástica, os arqueólogos barallan a hipótese de que puido ser a capital do pobo dos interamicos.

Publicidade

Os arqueólogos buscan a cidade do século I que era capital da bisbarra

Mentres estas tarefas se desenvolven, tamén se levan a cabo actividades de divulgación. Baixo a coordinación de Xeitura e apoiadas por membros do equipo arqueolóxico, realízanse no castro obradoiros de arqueoloxía para os máis pequenos e pequenas, que poden xogar a atopar os seus propios tesouros arqueolóxicos soterrados. Os primeiros en visitar o castro e participar destas actividades foron a semana pasada os máis de 40 rapaces e rapazas que participan nas actividades do Programa Concilia do Concello de Allariz. Tamén se realizarán visitas guiadas unha vez remate a intervención.
As escavacións continuarán todo o mes de xullo. Durante os meses de setembro ou outubro desenvolverase unha segunda fase da campaña que consistirá en realizar tarefas de conservación e restauro, para evitar o deterioro deste espazo ao quedar á intemperie. Tamén se levarán a cabo outras accións como a sinalización da zona e o estudo no laboratorio dos materiais atopados durante a intervención. Por último, ao longo deste ano tamén se comezará a traballar na elaboración do plan director para o conxunto arqueolóxico de Santa Mariña de Augas Santas, tal e como se contemplaba no convenio asinado entre a Universidade de Vigo e o concello ourensán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha convocatoria de títulos de capacitación dixital en transporte e loxística

Os cursos da Universidade de Vigo son de balde para toda a cidadanía e a maioría poden cursarse en liña

Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

As expresións emocionais dun documento altomedieval do mosteiro de San Salvador de Celanova poderían suxerir un matrimonio homosexual

Investigadores da UVigo fan carbón con restos forestais para reducir as emisións do gando

Un dos obxectivos do grupo a longo prazo é fabricar biocombustibles sólidos a partir dos restos dos piñeiros e da acacia

Os fármacos como Ozempic aumentan a fertilidade: un estudo da UVigo explica o porqué

O tratamento, indicado para a diabetes, comezou a consumirse nos EEUU fai anos para baixar de peso