Un científico lucense no equipo do novo Nobel de Química

David F. Fernández, doutor en Química pola USC, traballa como investigador posdoutoral no laboratorio de David MacMillan, en Princeton

A Real Academia Sueca de Ciencias anunciou este mércores que dous dos artífices do desenvolvemento da organocatálise, o alemán Benjamin List e o escocés David MacMillan, son os galardoados co Premio Nobel de Química 2021. Os dous científicos abordan unha área da Química na que algúns centros de investigacións galegos, como o CiQUS de Santiago, desenvolven desde hai anos diversas liñas de estudo. E precisamente desde este centro compostelán chegou ao laboratorio de MacMillan, na universidade estadounidense de Princeton (Nova Jersey), o científico lucense David Fernández Fernández.

Graduado en Química pola USC, David presentou a súa tese de doutoramento en 2019, baixo o título Transition Metal Catalyzed Annulations Based on The Activation of C–H Bonds. Este traballo, que dirixiron os profesores do CiQUS José Luis Mascareñas, Fernando López e Moisés Gulías levouno en 2017, nunha primeira etapa, ao laboratorio de MacMillan en Princeton. Alí realizou unha estadía de varios meses a través do programa Visiting Student Research Collaborators (VSRC) desta universidade. Froito desta estadía, David Fernández publicou unha investigación baseada en procesos fotocatalíticos para a síntese de derivados aromáticos e heteroaromáticos que presentan funcionalidades CF2, de gran relevancia en química médica.

Publicidade

Unha vez finalizado o seu doutoramento, David regresou en 2020 para iniciar unha nova etapa como investigador posdoutoral no equipo do que xa é novo Nobel de Química. No seu web persoal dentro do portal do grupo de David MacMillan, David explica que medrou en Lugo e que no seu tempo libre, desfruta “correndo, facendo sendeirismo e falando coa súa familia en galego, a súa lingua nativa”.

Ademais da investigación, David dedícase tamén á divulgación a través da Sociedade Xuvenil Galega de Química (SXGQ), da cal é membro fundador e vicepresidente, e cuxo obxectivo é achegar á sociedade a ciencia, en xeral, e a química en particular.

Publicidade

Os descubridores da organocatálise reciben o Nobel de Química

Como detalles curiosos, Fernández explica que, ao regresar trala súa primeira etapa en Princeton, “estaba realmente decepcionado ao ver que os esquíos (que habitaban no campus) marcharan”. Destaca que é un apaixonado das plantas e os animais, aínda que é alérxico a algúns deles, e un xogador compulsivo de xogos de mesa.

A súa tese e liñas actuais de traballo céntranse no marco da disciplina que lle valeu o Nobel a MacMillan e List: David centrouse, tal e como informaba o CiQUS co gallo da presentación do traballo, “no desenvolvemento de novas reaccións baseadas en estratexias de activación de ligazóns de carbono-hidróxeno catalizadas por complexos organometálicos de metais de transición“. Estes procedementos, altamente eficientes, minimizan o uso de substancias nocivas e a xeración de residuos nos procesos de catálise. E ademais, estas estratexias permitiron a síntese de moléculas cíclicas relevantes a nivel farmacolóxico e potencialmente bioactivas. Durante estes anos de doutoramento, publicou artigos en revistas como Angewandte Chemie, ACS Catalysis ou ACS Omega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS demostra que os de ciclos luz e escuridade guían a evolución estable de nanomateriais

O traballo liderado polo investigador Javier Montenegro permite guiar a organización de sistemas moleculares dinámicos cara a estruturas máis robustas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos