As condicións de 2015 serán especialmente favorables para gozar da chuvia de estrelas das perseidas, un dos grandes espectáculos astronómicos das noites de verán do hemisferio norte. As partículas do cometa Swift-Tuttle, que orixinan o fenómeno, van encher os nosos ceos nocturnos de faíscas e, segundo a tradición, de desexos cumpridos.
Todos os anos, entre finais de xullo e finais de agosto, a Terra cruza os restos do cometa Swift-Tuttle, o que provoca que multitude de partículas, denominadas meteoroides, choquen contra a atmosfera. Conforme o noso planeta se vai internando nesta nube de meteoroides a actividade das perseidas -denominadas así porque parecen irradiar da constelación de Perseo– aumenta.
Esta chuvia de ‘estrelas fugaces’ adoita aparecer en torno á festividade de San Lorenzo (10 de agosto), polo que tamén son chamadas ‘bágoas de San Lorenzo‘. En 2015 a súa actividade alcanzará un máximo durante a noite do 12 ao 13 deste mes, e o fenómeno poderá observarse en condicións especialmente favorables. Este ano a Lúa non interferirá na súa observación, xa que aparecerá no ceo pouco antes do amencer e, ademais, atoparase nunha fase moi minguada.
Alonxarse da cidade e mirar cara o Leste é a clave para ver 40 meteoroides por hora
Para gozar das perseidas non é preciso utilizar telescopios nin ningún outro tipo de instrumento óptico. Só é necesario observar o ceo dende algún lugar o máis escuro posible e lonxe da contaminación lumínica das cidades. O mellor é colocarse preferentemente acostado mirando cara arriba e cara ao Leste.
O cometa Swift-Tuttle completa unha órbita arredor do Sol cada cento trinta e tres anos aproximadamente, e cada vez que se aproxima á nosa estrela o Swift-Tuttle quéntase e emite chorros de gas e pequenas partículas sólidas que forman a cola do cometa.
A meirande parte dos meteoroides desprendidos do Swift-Tuttle son tan pequenos como un gran de area, e cando se cruzan co noso planeta impactan contra a atmosfera a unha velocidade de máis de 210.000 quilómetros por hora, equivalente a percorrer Galicia de norte a sur en menos de catro segundos. O choque produce un aumento de temperatura destes fragmentos de ata cinco mil graos nunha fracción de segundo, que se desintegran emitindo un fulgor de luz que recibe o nome de meteoro ou estrela fugaz.
Esta desintegración acontece a grande altura, normalmente entre os cen e os oitenta quilómetros sobre o nivel do chan. As partículas máis grandes (do tamaño dun chícharo ou maiores) poden producir estrelas fugaces moito máis brillantes que reciben o nome de bólidos.
A Fundación Ceo, Ciencia e Cultura ten unha cita en Forcarei o venres 14 de agosto
Dende que no ano 36 d.C. se tivo a primeira testemuña delas, as Perseidas acoden puntualmente a súa cita de agosto. Son, sen dúbida, as “estrelas fugaces” máis famosas e non só porque anos atrás deron lugar a espectaculares chuvias, senón tamén, e sobre todo, porque son visibles no mes vacacional por excelencia.
O cometa foi descuberto en 1862 dende Estados Unidos por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle casi de xeito simultáneo e pouco despois o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli foi quen advertiu da súa relación coas Perseidas.
Varias asociacións astronómicas de Galicia organizan encontros para observar as Perseidas. Entre elas, destaca o que organiza a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, o vindeiro venres 14, no observatorio astronómico de Forcarei. A partires das 22.30 horas, haberá unha xornada de portas abertas que será toda unha oportunidade para achegarse ao mundo da astronomía nun observatorio que conta cun equipamento técnico realmente avanzado e uns astrónomos que teñen feito importantes achegas nos últimos anos, como a localización de supernovas en primicia mundial.
Bo día: é imprescindible pedir vez para poder acudir este venres a Forcarei para ver as Perseidas