Dende que no ano 36 d.C. se tivo a primeira testemuña, as Perseidas acoden puntualmente á súa cita de agosto. Este ano rexistrarán a súa máxima actividade na noite do 12 ao 13 (concretamente entre as 16.00 horas do 12 e as 4.30 horas do 13). Mais dado que a Lúa se atopa en fase menguante e sairá cara ás 00:20 do día 13, o director do Observatorio Astronómico Ramón Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo, recomenda comenzar antes a observación.
Para un correcto avistamento é recomendable situarse nun lugar suficientemente alonxado das luces de vilas e cidades e colocarse preferentemente deitado mirando cara arriba e ao leste. O OARMA colabora con Cidade da Cultura de Galicia na organización dunha sesión especial para a observación das Perseidas dende as instalacións de monte Gaiás a partir das 22.30 horas do mércores 12.
Perseidas ou bágoas de San Lourenzo
Estas estrelas reciben o seu nome porque o radiante ou punto do ceo de onde parecen provir está na constelación de Perseo. Ademais, a súa acepción como Bágoas de San Lourenzo atribúeselle porque no pasado eran visibles o día 10, aínda que en realidade poden observarse esporadicamente dende o 17 de xullo ao 24 de agosto.
As chamadas chuvias de estrelas prodúcense cando a Terra pasa a través do regueiro de partículas que os cometas deixan tras de si ao moverse arredor do Sol. No caso concreto das Perseidas, o cometa proxenitor é o 109P/Swift-Tuttle, descuberto en 1862 dende Estados Unidos por Lewis Swift e Horace Parnell Tuttle case de forma simultánea. Pouco despois, o astrónomo italiano Giovanni Schiaparelli foi quen advertiu da súa relación coas Perseidas. O Swift-Tuttle describe a súa órbita en pouco máis de 135 años, e foi en decembro de 1992 cando pasou por última vez polas cercanías do Sol.
Outras observacións
Nesta época serán visibles tamén distintos obxectos de grande interese. Unha vez teña anoitecido, e sempre dende lugares ben escuros, haberá a oportunidade de contemplar a Vía Láctea, que pasa por constelacións como a propia Perseo, Cassiopea, o Cisne, o Aguia e Saxitario.
Tamén se verán tres estrelas brillantes: Vega (en Lira), Altair (en Aguia) e Deneb (en Cisne), que constitúen o chamado Triángulo de Verán e que, aproximadamente, cara á unha da madrugada poderá verse no máis alto. Ademais, cabe mencionar tamén a constelación de Perseo, que sae na Península a media noite cara o noroeste. Está situada entre Cassiopea (visible toda a noite coa súa característica forma de W ou M) e o Toro (que sae máis tarde, sobre as 2.30). En Perseo, con axuda duns prismáticos é posible observar o famoso Dobre Cúmulo, constituído por dúas asociacións estelares moi próximas.
Ademais, coa axuda dun pequeno telescopio terase acceso á nebulosa anular de Lira (cerca de Vega) así como ao cúmulo globular M13 en Hércules ou á estrela dobre Albireo Cisne, no que unha compoñente é azul e a outra laranxa.