Así foi a conquista romana do Noroeste da península Ibérica. Un equipo de investigadores vén de trazar un completo mapa dos campamentos, cunha nova visión que revela como foi deseñada a acción das lexións para someter un territorio que remataría conformando a Gallaecia. O traballo foi presentado a semana pasada no congreso LIMES 2015 en Ingolstadt (Alemaña), a principal reunión científica sobre arqueoloxía militar de época romana. A documentación e os materiais poden ser consultados no web romanarmy.eu en varios idiomas e a través dun vídeo interactivo que conduce aos usuarios a cada un dos escenarios investigados.
Esta nova visión da conquista romana do Noroeste sostense na análise en conxunto de dezasete novos sitios arqueolóxicos dos que algúns foron publicados polos membros do equipo ao longo dos últimos anos e outros foron presentados en Ingolstadt por primeira vez. A maior parte destes xacementos foron localizados a través do uso de novas tecnoloxías que están a revolucionar o coñecemento arqueolóxico nos últimos anos. Fotografía aérea histórica e actual, sistemas de información xeográfica a partir de bases de datos ou modelos dixitais do terreo a través de datos LIDAR son algunhas das técnicas empregadas. Os datos obtidos complementan ou amplían a información sobre as operacións militares romanas sobre o territorio de Galicia, Asturias, Cantabria e a Meseta Norte máis alá do ata agora coñecido pola arqueoloxía ou do que contan as fontes históricas romanas que chegaron ata nós.
Na investigación presentáronse seis novos campamentos romanos vinculados ao movemento de tropas na Galicia actual ou nas súas inmediacións. O achado é moi importante porque ata agora se descoñecía como fora o proceso de penetración do exército romano en Gallaecia durante a conquista. Os dous únicos fortes romanos escavados e localizados ata agora na Galicia actual, A Cidadela en Sobrado dos Monxes (A Coruña) e Aquae Querquennae en Bande (Ourense), son de época ben posterior ao proceso de conquista.
Os dous únicos fortes romanos coñecidos ata hoxe eran posteriores á conquista
Cinco dos novos campamentos localizados parecen conformar unha vía de penetración militar no territorio. Un está localizado en Valboa, en Vilafranca do Bierzo, nas portas da vía de acceso natural a Galicia. Tres están situados na Cha de Santa Marta, entre Sarria e Láncara, unha planicie á saída das montañas orientáis galegas e que os investigadores identifican como unha posible base loxística romana na que se agruparían e prepararían as tropas antes de entrar no territorio. Dous destes recintos foran identificados previamente, pero non publicados, por Luís López, da empresa Terra Arqueos. Outro campamento inédito atópase ao carón dun paso natural do Miño, no Monte dos Trollos (O Páramo). A xeito hipotético, os investigadores sinalan a posibilidade de que os campamentos estean indicando un roteiro natural de penetración no territorio galaico ou de flanqueo das montañas ástures occidentais.
A maiores, os investigadores presentaron dous campamentos novos de grandes dimensións na zona occidental de Galicia. O recinto de Campos, ubicado no concello de Vilanova da Cerveira (Portugal), na ribeira sur do río Miño, e o de Cornado (Negreira), que é ata o momento o campamento máis occidental do continente europeo. Estes dous campamentos poderían estar vinculados a unha importante vía de comunicación natural que artella o occidente galego: a Depresión Meridiana.
A historiografía tradicional e a investigación tiñan identificado diferentes escenarios bélicos das Guerras Cántabras en Asturias oriental e Cantabria, pero os datos actuais amosan a existencia dunha nova fronte bélica, ou alomenos unha nova vía de penetración, entre as montañas orientais luguesas e a costa occidental asturiana. Alí apareceron tres novos castra aestiva (campamentos de campaña) en altas cotas de montaña. Esta fronte non aparece claramente relatada nas fontes romanas.
O equipo de investigadores está conformado por José Costa (Universidade de Santiago de Compostela), Andrés Menéndez Blanco (Universidad de Oviedo), David González Álvarez (Universidad Complutense de Madrid), Manuel Gago Mariño (Universidade de Santiago), Joao Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC) e Rebeca Blanco-Rotea (Universidade de Santiago).
Aquí podes ver o vídeo do proxecto
que recolle os resultados en formato documental
Enhorabuena. Nuestra arqueología están dormida desde hace años. Galicia tuvo que tener más importancia en esa época, dentro de su modestia.
Me alegro también porque desde la época de Alberto Balil, la USC estaba desaparecida.
¿¿¿Desde época de Balil desaparecida??? Guauuu!! Tú si que estás al tanto.
Jesus…
O certo é que semella estar rodeados, dependendo das zonas, de vestixios romanos.
Na zona dos Gigurros ( Valdeorras), son múltiples as mostras…
En Casaio ( explotación mineira e pizarreira ), os empresarios apúranse en tapar calquera indicio de asentamento, como o Penedo dos Xudios ou o Castrillón. Dous enclaves que eran recoñecidos polos veciños como enclaves da antigúidade. Algún personaxe, se cabe adiantado e coñecedor do detector de metais, ten atopado non poucas moedas romanas neses ámbitos e arredores ….