A ameixa asiática coloniza os ríos galegos

Ameixa asiática e as súas tallas.
Ameixa asiática e as súas tallas.

A Corbicula fluminea, ou ameixa asiática, é unha especie invasora de auga doce documentada en Galicia dende finais da década de 1980. A partir dese momento foise estendendo por ríos e estuarios da comunidade colonizando xa o Ulla, Mero, Deva, Sil e medios illados como as lagoas de Centeáns, como consecuencia das actividades humanas. O investigador Noé Ferreira, en colaboración co Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, está a levar a cabo unha análise da dispersión desta especie en Galicia na actualidade, para o que estableceu un total de 113 puntos inicias de mostraxes “nos principais esteiros da comunidade, dende o río Lérez ata o Eo, na fronteira con Asturias, para baixar polo Miño dende Meira ata A Guarda, incluíndo o tramo galego do Río Sil dende O Barco de Valdeorras ata a súa confluencia co Miño nos Peares”.
O investigador, que traballa na súa tese de doutoramento, explica que o estado actual parece “estancado” no que se refire á colonización de novos ríos dende o ano 2008, pero a especie continúa dispersándose augas arriba. O traballo de campo para as mostraxes foi realizado por Ferreira na primavera de 2014 e na actualidade atópase procesando as mostras recollidas co obxectivo de comezar unha segunda fase da investigación que ten como obxectivo que os datos obtidos senten as bases para atallar o avance da especie, permitindo a detección precoz de novas introducións, un aspecto que resulta de especial importancia á hora de abordar con éxito as invasións biolóxicas.

Dende 2008 o número de ríos afectados é estable pero medra a poboación de ameixa

Este labor investigador é o xermolo da tese de doutoramento de Ferreira, dirixida pola catedrática de Ecoloxía Isabel Pardo, dentro do programa de doutoramento Marine Science, Technology and Management, Do Campus do Mar.
“É ben sabido que as especies invasoras afectan á biodiversidade e ao hábitat en xeral das rexións que invaden, chegando a formar masas monoespecíficas, desprazando as especies nativas, etc”, explica o investigador, por iso a segunda parte do estudo centrarase en analizar ese impacto. Ferreira destaca que cos datos preliminares semella que en principio esta especie ten “carencia por zonas de esteiro, que é onde acada as maiores densidades”e agora, a través das mostras obtidas, trata de sacar á luz os factores que levan a isto. O seu éxito expansivo derívase da súa capacidade adaptativa e a diferente hábitats, ao seu curto ciclo de vida, as altas taxas de fecundidade e o rápido crecemento individual.

Publicidade

Campañas de erradicación

Na parte final da súa investigación, que prevé rematar a finais de 2016, tratará de propoñer as medidas que, en base aos coñecementos adquiridos, mellor se adapten á situación actual que reflicte o estudo, pero “a adopción das mesmas vai a depender sempre da administración”. O investigador amósase escéptico no tocante á eliminación da ameixa asiática dos ríos galegos. “A erradicación é altamente improbable por non dicir imposible, o que si e posible é o seu control e, sobre todo, deter o avance e colonización de novas concas controlando, por exemplo, o movemento de embarcacións, artes de pesca, concienciando do perigo que supón para o ecosistema o seu uso como cebo en pesca deportiva, etc”. Tamén apunta o investigador que se teñen empregado métodos de erradicación da especie en lagos de Estados Unidos, “que poderían ser exportables ás zonas de lagoas en Galicia pero a súa eficacia en ríos nos que a invasión se atope nas primeiras fases tería que ser avaliada”.

A ameixa asiática afecta ás náiades e ós mexillóns de río

Outro dos aspectos que se abordan neste proxecto é o efecto desta especie invasora en moluscos nativos como os mexillóns de río ou náiades (Potomida littoralis) cuxas poboacións están ameazadas e en retroceso en moitas partes do mundo pola perda de calidade das augas, a alteracións dos seus hábitats e a introdución de especies exóticas. Os datos preliminares derivados dos traballos de campo permitiron pór en marcha a actual fase de experimentación, en colaboración co Laboratorio de Limoloxía, a Ecimat e a Unidade de Cultivos Mariños deste centro, a través da cal se pretende determinar cómo C. fluminea está afectando ás poboacións de náiades nativas, e que perspectivas futuras se prevén tendo en conta ás predicións efectuadas polo IPCC (Panel Intergubernamental para o Cambio Climático da ONU) e a perda xeneralizada da calidade das augas.

Publicidade

1 comentario

  1. Eu vinas xa na conca do rio navea-bibey. Son pescador;que se poderia facer a titulo persoal para intentar erradicalas??

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

O microbioma do océano: cando un órgano invisible decide quen sobrevive

Non se trata só de microbios illados, senón de comunidades completas de bacterias, virus, arqueas e protistas, xunto coa súa información xenética e os compostos químicos que producen