Xoves 2 Maio 2024

A poboación de España e Portugal pode caer á metade para o ano 2100

Un artigo de "The Lancet" proxecta que o número de seres humanos acadará o seu pico na década de 2060 e comezará a baixar a finais de século

O mundo no 2100 será moi distinto ao que vemos hoxe. Posiblemente volva a producirse, antes da fin deste século, unha nova pandemia como a do coronavirus. E tamén é posible que os avances científicos melloren a vida de moitas persoas que hoxe seguen aínda no vagón de cola do desenvolvemento. A incerteza sobre o que acontecerá segue sendo moi grande, pero unha proxección publicada na revista The Lancet este martes marca un posible camiño: estímase que a poboación mundial seguirá medrando ata a década de 2060, chegando ata os 9.700 millóns de persoas no ano 2064, para comezar a baixar ata os 8.800 millóns no ano 2100. As variacións serán moi distintas nas diversas rexións do mundo, e algunhas, como España, Portugal, Italia, Tailandia ou Xapón, experimentarán algún dos maiores descensos, de máis do 50% respecto aos seus habitantes actuais. A análise predí, por tanto, que España e Portugal sumarán 28 millóns de persoas cando comece o século XXII, fronte aos preto de 59 da actualidade.

Por que caerá a poboación en 2100?

O freo demográfico que xa está a vivir boa parte de Europa nos últimos lustros acentuarase cara ao final de século. E no resto do mundo, a distintas velocidades, outras áreas, como o sueste asiático, seguirán o seu camiño. “As melloras no acceso á contracepción e a maior educación das nenas e as mulleres xa está xerando unha diminución xeralizada e sostida da fertilidade”, explican os autores.

Publicidade

O artigo utiliza datos do Estudo Global da Carga de Enfermidades, con data de 2017, para proxectar a futura poboación mundial, rexional e nacional. A través de novidosos métodos para prognosticar a mortalidade, a fertilidade e a migración, os investigadores do Institute for Health Metrics and Evaluation (IHME) de Washington estiman que 183 dos 195 países estudados terán no ano 2100 unha taxa de fertilidade por baixo de 2,1 fillos por muller e, por tanto, menor có considerado nivel de substitución. Deste xeito, a non ser que o descenso sexa compensado coas migracións, terá lugar unha caída xeralizada da poboación. No conxunto do planeta, a taxa de fertilidade caerá do 2,37 de 2017 ao 1,66 de 2100.

Os cálculos realizados polos autores do artigo, que estiman uns 6.790 millóns de habitantes para 2100, contrastan coas feitas pola ONU, que calcula que haberá 11.000 millóns de seres humanos no planeta a final do século XXI. Deste xeito, as cifras terían grandes implicacións no desenvolvemento económico e no deseño das políticas públicas, debido á diminución da cifra de persoas en idade laboral e a alta carga nos sistemas de saúde que provocará unha poboación máis avellentada. Así para o 2100 haberá uns 2.370 millóns de maiores de 65 anos no mundo, fronte aos 1.700 millóns de menores de 20 anos.

“O crecemento continuo da poboación xa non é a traxectoria máis probable”, sostén Christopher Murray, director do IHME. “O estudo ofrece aos gobernos de todos os países a oportunidade de comezar a repensar as súas políticas sobre migración, man de obra e desenvolvemento económico para abordar os desafíos que presenta o cambio demográfico”, engade Murray.

O primeiro autor do artigo, Stein Emil Vollset, apunta que “as implicacións sociais, económicas e de poder xeopolítico son substanciais. En particular, os nosos achados suxiren que a diminución no número de adultos en idade de traballar reducirán as taxas de crecemento do PIB, que poderían dar lugar a cambios importantes no poder económico mundial a final de século.

Pola súa parte, o editor xefe de The Lancet, Richard Horton, manifestou que “a investigación traza un futuro que debemos planificar con urxencia”. Neste sentido, expón que “ofrece unha visión de cambios radicais no poder xeopolítico, desafía os mitos sobre as migracións e subliña a importancia de fortalecer e protexer os dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres”. Horton sostén que “o século XXI verá unha revolución na historia da civilización humana. África e o mundo árabe darán forma ao noso futuro, mentres que Europa e Asia perderán influencia. O mundo será multipolar a final de século, con India, Nixeria, China e os Estados Unidos como potencias dominantes. Será realmente un mundo novo, para o que deberiamos estar preparándonos hoxe”.

Os cambios en 2100, por países

España e Portugal serán dos países máis afectados polos cambios proxectados. Así, a proxección marca que España pasará dos 46 aos 23 millóns, Portugal dos 11 aos 5 e Italia dos 61 aos 31. O descenso será tamén notable en Asia: Xapón caerá dos 128 aos 60 millóns, Tailandia dos 71 aos 35, Corea do Sur dos 53 aos 27, e China dos 1.400 aos 732. Deste xeito, a caída de poboación en España fará que o país caia do posto 13 ao 28 na clasificación mundial por PIB.

http://www.thelancet-press.com/embargo/GBDpopTOP10.png

Por outra banda a poboación triplicaríase nalgunhas zonas de África que hoxe manteñen algunhas das taxas de fertilidade máis altas do mundo. Así, estímase que Nixeria pode pasar dos 206 aos 791 millóns, a República Democrática do Congo de 81 a 246, e Tanzania dos 54 aos 186.

En termos relativos, como se pode ver sobre estas liñas. os maiores aumentos terían lugar en Níxer, Chad, Sudán do Sur, Samoa e Mali, que mulitiplicarían varias veces o seu número de habitantes, mentres que os Emiratos Árabes, Xamaica, Puerto Rico, El Salvador ou Letonia perderían máis do 65% da súa poboación.

As migracións, clave

Ademais dos importantes impactos que suporán en cada rexión os cambios nas cifras de poboación en idade de traballar, o estudo pon o foco na relevancia que acadarán as migracións. Exponse que os países que promoven a “inmigración liberal”, como os Estados Unidos, Australia e Canadá, probablemente manterán as súas poboacións en idade de traballar, aínda que os autores apuntan que existe unha importante incerteza sobre estas tendencias.

“Para os países de altos ingresos con taxas de fertilidade baixas, as mellores solucións para manter os niveis actuais de poboación, crecemento económico e seguridade xeopolítica son políticas de inmigración abertas e políticas sociais que apoien ás familias que teñan o número de fillos desexado”, expón Christopher Murray.


Referencia: Fertility, mortality, migration, and population scenarios for 195 countries and territories from 2017 to 2100: a forecasting analysis for the Global Burden of Disease Study (Publicado en The Lancet).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.
00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño
00:03:43

C de Inés de Castro: A raíña eterna de Portugal

A historia da aristócrata de orixe galega móvese entre a realidade e a ficción. Casou con Pedro I e foi asasinada por mandato do seu sogro