A Misión Biolóxica de Galicia renóvase con Elena Cartea

O Consejo Superior de Investigacioness Científicas (CSIC) nomeou a Elena Cartea González, investigadora científica do CSIC, directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), e Ana María Butrón Gómez, científica do CSIC, vicedirectora. Elena Cartea González (Vigo, 1967), que é a responsable do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas, era dende abril de 2011 vicedirectora da MBG e releva no cargo a Pedro Revilla Temiño, do Grupo de Xenética e Mellora de Millo.
Licenciada en Bioloxía (1990) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), obtivo o título de doutora en 1995 pola citada universidade coa tese “Potencial do xermoplasma do millo gran para mellorar a adaptación do millo doce”, dirixida por Rosa Ana Malvar e realizada na MBG, onde desenvolveu ata o momento toda a súa carreira científica, xunto con estanzas de investigación en varios centros internacionais como o Centre de Recherches de Bordeaux e a Station de Génétique et d’Amélioration des Plantes (Francia). No ano 2000 obtivo unha praza de científica titular do CSIC e en 2008 ascendeu investigadora científica do mesmo centro.

Ana María Butrón, membro do Grupo de Xenética e Mellora de Millo, será a vicedirectora

As súas liñas de investigación versan sobre a resistencia a estreses das brásicas hortícolas (berza, repolo, brócoli…) e a calidade nutricional, cunha especial énfase no estudo de compostos con propiedades anticanceríxenas. Publicou 76 artigos en revistas científicas e foi a investigadora principal en 14 proxectos de investigación nacionais e europeos e en sete contratos con empresas. É membro da comisión avaliadora da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP) e de diferentes comités técnicos na avaliación e asesoramento de empresas e diferentes administracións.
Na actualidade, dirixe o proxecto financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad titulado “Xenética e mellora de brásicas hortícolas: papel dos metabolitos secundarios”.
“Os obxectivos para esta nova etapa, que afronto con optimismo, son que a MBG continúe incrementando a súa visibilidade no ámbito nacional e internacional como centro de referencia na área das ciencias agrarias e incremente o seu persoal e promova colaboracións co sector empresarial”, apunta Elena Cartea.
A Agencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) é a maior e máis importante institución pública dedicada á investigación en España e a terceira de Europa. Adscrita ao Ministerio de Economía y Competitividad, o seu obxectivo é desenvolver e promover investigacións en beneficio do progreso científico e tecnolóxico.

Publicidade

A Misión Biolóxica é o centro de investigación máis antigo do CSIC en Galicia

En Galicia, o CSIC conta cunha delegación institucional en Santiago de Compostela e cinco centros de investigación (Misión Biolóxica de Galicia, Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Instituto de Investigacións Mariñas, Instituto de Investigacións Agrobiológicas de Galicia e Instituto de Ciencias de Patrimonio), e está presente noutras iniciativas e entidades.
A MBG é o centro máis antigo do CSIC en Galicia. Fundada pola Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) en 1921 en Santiago de Compostela, trasladouse a Pontevedra, grazas ao apoio da Deputación, en 1928. A súa sede está en Salcedo, onde ocupa un terreo de 12 hectáreas con tres edificios principais: O Pazo, Cruz Gallástegui e Miguel Odriozola.
O centro, adscrito á Área de Ciencias Agrarias, ocúpase do estudo dos principais cultivos de Galicia, abranguendo diversos aspectos de conservación e caracterización de recursos fitogenéticos, mellora, xenética e resistencia a estreses do millo, a vida, o feixón, o chícharo, as brásicas e os piñeiros.
Na actualidade, traballan na MBG 75 persoas, das que 13 son científicos en equipo e oito investigadores postdoutorais, e o centro conta con seis grupos de investigación: Bioloxía de agrosistemas; Bioquímica da vide; Xenética, mellora e bioquímica de brásicas; Xenética e ecoloxía forestal; Xenética e mellora de millo e Viticultura.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé