Amparo Alonso recibe o premio María Wonenburger 2020

A catedrática da Universidade da Coruña, experta en intelixencia artificial, foi a galardoada neste ano no recoñecemento que outorga a Xunta de Galicia

Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña, recibiu este luns o Premio María Josefa Wonenburger Planells 2020, que outorga a Xunta de Galicia desde 2007, a través da Unidade de Muller e Ciencia, a mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo da ciencia ou a tecnoloxía.

A investigadora galega é unha das científicas de referencia no eido da Intelixencia Artificial en España, e preside actualmente a Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA). Sucede na listaxe a outras científicas do país cunha recoñecida traxectoria, como Inmaculada Paz Andrade, María Teresa Miras Portugal, Marisol Soengas, Carmen Navarro, Ofelia Rey, Tarsy Carballas, María José Alonso, Carmen García Mateo, Isabel Aguirre de Úrcola, Peregrina Quintela, Begoña Vila, Alicia Estévez e Mabel Loza.

Publicidade

Despois de graduarse en Enxeñaría Química na USC (1984) e doutorarse en Física (1988) pola mesma universidade, Amparo Alonso desenvolveu estadías posdoutorais no Medical College de Georgia (Estados Unidos) e desde 1990 incorporouse como profesora á Universidade da Coruña. Durante a súa traxectoria desenvolveu numerosos proxectos de investigación e puxo en marcha o grupo LIDIA, co que se impulsan liñas de traballo que aplican a intelixencia artificial e a aprendizaxe automática a disciplinas como a medicina ou a xestión de incendios. Recentemente, Alonso formou parte do grupo de traballo que elaborou a Estratexia Española de I+D+i promovida en 2019 polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

O premio outorgado nesta edición a Amparo Alonso leva o nome da matemática galega María Josefa Wonenburger, unha investigadora que desenvolveu nos Estados Unidos unha importante parte da súa carreira e que permaneceu durante tempo no anonimato na Coruña, onde pasou os seus últimos anos de vida, ata que un grupo de docentes de Matemáticas souberon dela e puxeron en marcha múltiples iniciativas para recoñecer o seu labor.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Usar a IA sen entendela: que consecuencias ten para os estudantes?

Aínda que un 'chatbot' responda con confianza isto non garante a súa veracidade. Por Juan José Lorenzo Castiñeiras, Andrea Fernández-Sánchez e Isabel Fernández-Menor

GCiencia lanza sete pezas audiovisuais para divulgar sobre ciencia e igualdade

O proxecto, en colaboración co Concello de Pontevedra, difundirase a través de Instagram e Tiktok para poñer en valor mulleres científicas que loitaron contra os nesgos de xénero e raza

Por que todos os carteis feitos con IA son iguais?

A intelixencia artificial acelera a estandarización visual ao empregarse os mesmos 'prompts' e ferramentas. Por Iria María Santos López

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións