María José Souto e Ana Dorotea Tarrío, profesoras da UDC, xunto á placa que rende homenaxe a María Wonenburger no parque de Santa Margarida. Foto. R. Pan.
María José Souto e Ana Dorotea Tarrío, profesoras da UDC, xunto á placa que rende homenaxe a María Wonenburger no parque de Santa Margarida. Foto. R. Pan.

Elas deron a coñecer a María Wonenburger

María José Souto e Ana Dorotea Tarrío, profesoras da Universidade da Coruña, sacaron do anonimato a unha das científicas máis importantes de Galicia

María Wonenburger (Oleiros, 1927-A Coruña, 2014) levaba 19 anos vivindo na Coruña sen que case ninguén soubese da apaixonante historia desta matemática que traballara xunto a algúns dos referentes desta disciplina no século XX. Foi en 2002, nunha cea dun congreso de Xeometría Alxebraica en Santiago de Compostela, onde se cruzaron os camiños de María José Souto, Ana Dorotea Tarrío, Federico Gaeta e a propia Wonenburger. Gaeta (1923-2007) era un coñecido catedrático de Xeometría da Universidad Complutense de Madrid que asistía ao congreso en Santiago, e coincidiu na mesma mesa con María José Souto. Nun momento, xurdiu o nome de María Wonenburger, coa que Gaeta coincidira na universidade de Buffalo, no estado de Nova York.

Foi así como María José e a súa compañeira Ana Dorotea souberon que na súa cidade vivía unha muller que dirixira a tese de Robert Moody, e que inspirou a teoría das álxebras de Kac-Moody (Moody foi un dos ‘descubridores’ desta teoría, que hoxe se segue estudando nos libros da disciplina, xunto ao soviético Victor Kac). “Tempo despois caín na conta de que eu mesma estudara artigos de María, porque no campo no que eu traballaba si había referencias de traballos de M. Wonenburger, pero claro, de primeiras non era un nome que soase próximo a Galicia”, lembra María José Souto.

María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos

Ao saber dela, comezou unha busca a través da guía telefónica e de diversas fontes, que acabou dando resultado. “Vimos que fixera unha publicación na revista de Agapema (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática) e conseguimos contactar con ela”, conta Ana Dorotea Tarrío. Había un pequeno grupo de docentes que coñecía a María, convidábaa a dar charlas en institutos e mantiña contacto con ela, pero a alxebrista era descoñecida para o resto da sociedade.

María Wonenburger, na homenaxe recibida no 2011 no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.
María Wonenburger, na homenaxe recibida no 2011 no parque de Santa Margarida. Foto: Museos Científicos Coruñeses.

A sintonía de María con Ana Dorotea e María José foi inmediata. “Desde as primeiras frases que intercambiamos por teléfono conectamos moi ben”, conta a profesora Tarrío. Dunha conversa saía outra e así, durante varios meses de 2005, sucedéronse os encontros nos que a matemática rememorou a súa vida: desde o seu nacemento en Oleiros (o seu apelido fai referencia á orixe alsaciana dun tataravó que chegou a Galicia para quedar), pasando pola súa infancia na Coruña, a carreira universitaria no Madrid da posguerra, a viaxe a Norteamérica, onde se doutorou en Yale coa dirección de Nathan Jacobson, o regreso temporal a España, no CSIC, e a viaxe de volta ao continente americano cara a Ontario (Canadá) e despois a Buffalo, onde ficou ata 1983. Naquel ano, sendo unha muller de 56 anos cunha traxectoria aínda moi prometedora por diante, a enfermidade da súa nai fíxoa volver a Coruña, de onde xa non se moveu. E aínda que seguía estando ao día da súa disciplina, non recuperou xa a súa actividade académica.

María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos

María José e Ana Dorotea recolleron todas estas vivencias nun artigo publicado en 2006 pola Gaceta da Real Sociedad Matemática Española, que supuxo, con bastantes anos de retraso, o inicio do recoñecemento merecido para a matemática galega na súa terra de orixe. Os xestos por parte das Administracións non tardaron en chegar: en 2007, a Xunta de Galicia creou o premio co seu nome para galardoar a científicas salientables; e en 2010, a Universidade da Coruña investiuna como a primeira muller doutora honoris causa pola institución. María viviu tamén para asistir á homenaxe no parque de Santa Margarida, onde se descubriu a placa na súa honra. Catro meses despois da súa morte, en outubro de 2014, a cidade inaugurou a rúa co seu nome preto do polígono da Grela.

As profesoras da UDC lembran a María como unha persoa “cun carácter moi especial, moita alegría, un sorriso sempre na cara e unha paixón enorme pola vida; encantáballe estar en contacto con xente coas súas mesmas inquedanzas e coa xente nova, e gustáballe moito a música, de feito era abonada do Palacio da Ópera”, destacan as docentes.

O 14 de xuño cúmprense cinco anos da morte de María Wonenburger na Coruña, aos 86 anos. Hoxe, a súa figura é recoñecida non só en Galicia, senón tamén en España, como unha das matemáticas máis relevantes do século XX. A responsabilidade de que a coñezamos é, en parte, de dúas profesoras que quixeron contar a súa historia.

Máis información: María Josefa Wonenburger Planells. Mujer y Matemática (Artigo de María José Souto e Ana Dorotea Tarrío publicado na Gaceta da Real Sociedad Matemática Española en 2006), dispoñible en PDF nesta ligazón. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.