Arrinca o programa para espertar vocacións científicas entre o estudantado galego

Este martes comeza Inspira STEAM, un proxecto pedagóxico no que colabora activamente o CITIC da Universidade da Coruña

Este martes comeza unha nova edición do programa Inspira STEAM, promovido pola Universidade de Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña Verónica Bolón. O programa ten a finalidade de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes, especialmente entre as nenas.

Esta nova edición dá comezo cunha xornada formativa en liña destinada a mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación. A formación será impartida polo coach, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas, Ander Mimenza Aurrecoechea.

Publicidade

A fase formativa completarase con seis sesións de traballo en centros educativos de ensino primario da provincia da Coruña co obxectivo de facilitarlle ao alumnado referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM, orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, poñer en valor as mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e dos nenos.

Esta edición do programa tamén contará coa colaboración da cátedra NTT Data e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.

Publicidade

STEAM: formación con enfoque práctico

Dada a súa utilidade na vida cotiá, espertar o interese entre os máis novos polas profesións STEAM (das siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) é un dos obxectivos estratéxicos do CITIC da UDC. Programas de estudos, sesións informativo-formativas e sinerxías con iniciativas desta índole son parte esencial do seu plan de acción.

Nesta ocasión, a investigadora do Centro Verónica Bolón, especialista en intelixencia artificial, colabora co programa que levará a diversos centros de ensino primario da provincia da Coruña as claves das disciplinas STEAM. Facelas interesantes, atractivas e achegar a súas múltiples aplicacións no desenvolvemento de diversos traballos na vida cotiá é unha das finalidades desta iniciativa.

Transmitir un coñecemento transversal dos contidos e buscar un enfoque práctico seguindo o pensamento científico é tamén fundamental. O programa busca, en definitiva, asentar as materias STEAM como eixo educativo en termos de igualdade de xénero e, ademais, salvar a barreira de asociar estas materias cunha maior dificultade con respecto ás de humanidades.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS). A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual

A segunda vida da roupa: a colaboración galega que transforma residuos téxtiles en decoración

Un equipo da UDC e unha 'start up' de Bergondo desenvolven novos materiais con descartes procedentes da industria

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

A Coruña reunirá a elite da cosmoloxía mundial na semana da eclipse total de Sol de 2026

O congreso ‘New Frontiers in Cosmology’ atraerá 250 especialistas procedentes de centros de referencia como Harvard, Brekeley ou Princeton