A área de Vigo rexistra o maior déficit de prazas en residencias para maiores de toda España

Benjamín Muedra, médico do Hospital Gregorio Marañón, analiza e cuantifica a desigualdade territorial no acceso aos coidados

Os coidados socio-sanitarios dos maiores —e de xeito especial os das persoas de máis de 85 anos, cando o grao de dependencia se dispara— gañan espazo na axenda social e no mercado laboral e consolídanse como un apetitoso nicho de negocio. Para atender unha crecente demanda, un dos recursos máis buscados son os centros residenciais. E en España escasean.

Condiciona ou hipoteca o distrito postal acceso a unha residencia para maiores? A oferta de prazas residenciais é suficiente? É equitativa? En que lugar situamos a Galicia? Para dar resposta, entre outras, a estas preguntas, Benjamín Muedra, médico de Medicina Preventiva e Xestión de Calidade do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, realiza o estudo Desigualdade territorial no acceso aos coidados residenciais para os maiores en España, publicado na Revista Española de Xeriatría e Xerontoloxía.

Publicidade

Identificar as áreas con desequilibrio entre oferta e demanda foi o obxectivo central do estudo, para o que se creou unha medida de análise ad hoc e calculouse a taxa de camas residenciais por persoa maior de 85 anos en cada unidade. Para coñecer a oferta, o autor recorreu aos datos abertos de residencias do Laboratorio de Envellecemento en Rede do CSIC e para poñer cifras á demanda acudiu Nomenclátor Ego-gráfico de Municipios e Entidades de Poboación do IGN (Instituto Xeográfico Nacional). O mapa obtido reflicte a realidade aproximada do ano 2023.

O mapa resultante dividiu as comunidades autónomas en dous grupos: aquelas nas que a maioría da poboación tiña unha oferta axeitada, e as áreas cunha oferta desaxeitada ou nula. No primeiro grupo (e en orde decrecente de adecuación) están: Madrid, País Vasco, Cantabria, Cataluña, Castela e León, Navarra, A Rioxa, Aragón, Estremadura, Castela-A Mancha e Asturias. No segundo, cunha clara insuficiencia de recursos: Andalucía, Illas Baleares, Galicia, Rexión de Murcia, Comunidade Valenciana e Canarias.

Publicidade

Galicia, caso único

“Aínda que a nivel nacional o sector residencial parecese desenvolverse tras da demanda, o que explica que as rexións máis envellecidas sexan as que posúen maior capacidade instalada, isto non é así en Galicia”, puntualiza Muedra. Galicia presentaba en 2023 a realidade “máis preocupante” do Estado, na maior parte do territorio, agás a área que arrodea a Ourense e O Barco de Valdeorras, onde a situación estaba máis equilibrada.

“En termos relativos, dos maiores de 85 anos de España que residían en unidades con dispoñibilidade nula de prazas, o 18% facíao en Galicia. Esta porcentaxe aumentaba ao 22% cando considerabamos as unidades con dispoñibilidade desaxeitada”, detalla Muedra.

O foco cambia de provincia, se falamos en termos absolutos: “Segundo a metodoloxía do meu traballo, a área de toda España onde existía un maior déficit de prazas é a unidade creada a partir de Vigo, onde faltaban, no ano 2023, cando menos 2.107 prazas para cumprir co indicador de adecuación”.

Causas

As causas que explican esta desigualdade son múltiples e variaron ao longo dos anos, explica Benjamín Muedra, quen cita: “Un maior interese político por certos territorios que propiciou a instalación de residencias no pasado, a sobreinstalación de centros en anos de bonanza económica, o menor custo do solo en áreas con menor dinamismo demográfico, o efecto dispar das migracións na estrutura e crecemento poboación, un cambio no modelo de negocio das residencias privadas —concentrándose os novos investimentos en grandes núcleos urbanos— e a inmigración de maiores doutros países europeos.”

Malia traer novos retos, como o de dispor dos recursos necesarios para coidar a unha poboación envellecida, “é indubidable que o aumento da esperanza de vida é resultado de múltiples logros colectivos: o avance das ciencias, a paz, a mellora na alimentación e a educación, na sanidade, a estabilidade económica…”, subliña este experto en Medicina Preventiva e Saúde Pública. Muedra inclúe no concepto “recursos necesarios” tanto os formais (residencias, centros de día, pensións, sanidade…) como outros informais, por exemplo: as redes de coidado (familia, amigos, veciños, igrexas, outras institucións) e a adaptación das infraestruturas (tanto as públicas como os fogares).


Muedra, Benjamín. Desigualdad en el acceso a los cuidados residenciales para los mayores en España. ScienceDirect- Revista Española de Geriatría y Gerontología.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura