Martes 8 Outubro 2024

Celtarys, bioquímica ao servizo de novos fármacos

A spin-off da USC comeza a comercialización de innovadoras ferramentas químicas para a industria farmacéutica

O proxecto da spin-off da Universidade de Santiago (USC) Celtarys nace hai tres anos por iniciativa do profesor da Facultade de Química Eddy Sotelo que desenvolvía desde o ano 2009 unha investigación no seu laboratorio sobre o uso de ferramentas químicas baseadas na fluorescencia para a investigación de novos fármacos. O proxecto pasou a formar parte do programa Ignicia en 2018 e a principios deste ano creouse a spin-off que vai levar adiante a comercialización dos produtos deseñados a partir das investigacións realizadas.

Sonia Martínez Arca, CEO de Celtarys, explica que a actividade da start-up céntrase no descubrimento dun tipo de moléculas chamadas “ligandos” que se utilizan na biotecnoloxía para avanzar no descubrimento de novos fármacos. “Traballamos na investigación dos ligandos fluorescentes que son unha alternativa aos radioactivos que se veñen utilizando ata o de agora. Son elementos difíciles de deseñar e de sintetizar e por iso actualmente hai poucos ligandos fluorescentes para facer ensaios clínicos. Nós o que facemos é acelerar o proceso de síntese para facer ligandos fluorescentes que poidan funcionar en calquera tipo de diana durante o proceso de investigación dun fármaco”, indica Martínez Arca.

Publicidade

Os ligandos cos que traballa Celtarys permiten evitar o uso de elementos radioactivos no proceso de investigación e ademais supón un aforro de gasto. Trátase dun tipo de produto baseado na biotecnoloxía cun gran potencial de desenvolvemento nos próximos anos. A empresa galega conta xa cunha tecnoloxía validada neste campo e agora está a iniciar a fase de comercialización dos seus produtos. “Os custos de desenvolvemento dos novos medicamentos incrementáronse moito nos últimos anos e as empresas biotecnolóxicas necesitan mellorar a súa competitividade neste aspecto”, sinala Martínez Arca.

O modelo de negocio de Celtarys basease en tres elementos: a venda do catálogo de ligandos fluorescentes da empresa, o desenvolvemento de novos ligandos “a medida” para empresas que conten con novas dianas nas súas investigacións e chegar a acordos con outras empresas do sector para que poidan aplicar a tecnoloxía de Celtarys en distintos tipos de ensaios.

Publicidade

Martínez Arca explica que o principal obxectivo da empresa nestes momentos é dar a coñecer a súa tecnoloxía e conseguir unha boa situación no mercado internacional. Neste momentos Celtarys atópase na etapa final para acadar unha rolda de financiamento importante para desenvolver o seu plan de negocio. As previsións son que a compañía podería chegar a unha facturación superior aos 3 millóns de euros en 2024 e deste xeito xa conseguiría obter beneficios.

A empresa conta cun grupo de tres investigadores principais e ademais ten o apoio do grupo de investigación de Mabel Loza, profesora de Farmacoloxía na USC e responsable do grupo de investigación BioFarma, que se encarga da validación farmacolóxica das ferramentas desenvolvidas por Celtarys.

Celtarys ten como obxectivos a medio prazo dar a coñecer a súa tecnoloxia e conseguir unha boa situación no mercado internacional

Martínez Arca destaca a importancia que tivo para o proxecto a inclusión no programa Ignicia, xa que lles permitiu darlle un pulo tanto na parte de financiamento como no desenvolvemento comercial. Tamén sinala que Celtarys forma parte do programa BioIncubaTech, que está a facilitar a presenza da compañía en diversas feiras virtuais do sector biotecnolóxico e tamén axudando ao posicionamento de marca da compañía.

Ámbolos dous programas de axudas forman parte das liñas de apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. A USC forma parte do accionariado de Celtarys e ademais é titular dunha patente desenvolvida pola empresa, que conta cun acordo de transferencia de tecnoloxía coa universidade. Pola súa banda, o organismo de capital-risco da Xunta, XesGalicia, tamén achega financiamento e forma parte do accionariado da nova compañía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Os fundadores de BioNTech din que a vacina contra o cancro está “a só uns anos de distancia”

A esperanza é que un fármaco actualmente en desenvolvemento adestre ao corpo para recoñecer e atacar os cancros utilizando tecnoloxía de ARNm