Moeda de ouro coa palabra VIGO e a efixie da raíña Ana.

As vellas moedas de VIGO de cinco guineas

Levan o nome da ría de Vigo e cóntanse entre as moedas máis prezadas do mundo. No seu anverso aparece a palabra ‘VIGO’ e foron cuñadas en 1703 en Londres, por orde da raíña Ana e baixo a supervisión do científico Isaac Newton. E son agora unha singular peza de coleccionismo: a última de ouro foi poxada na casa Bonnington en novembro de 2016 e pagáronse por ela 330.000 euros. Aínda que é posible atopalas en prata por un prezo ao redor dos 2.500 euros.

Dúas destas históricas moedas poden verse no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Porque foron cuñadas co botín da batalla de Rande, o mesmo tesouro que na ficción o capitán Nemo rescatou no capítulo titulado ‘A baía de Vigo, da novela ’20.000 leguas baixo dos mares’, de Jules Verne.

No valor destas pezas, hai unha enorme diferenza entre as de ouro e prata, xa que as primeiras son moi escasas. Os galeóns españois afundidos en Vigo en 1702 transportaban un inmenso cargamento de prata do Potosí, pero en comparación case non levaban ouro. E o botín inglés reflectiu esta disparidade. Apenas foron acuñadas 20 moedas de ouro, de 42 gramos cada unha e cun valor de cinco guineas. Na súa cara levaban a efixie da Raíña Ana e a palabra “Vigo” en capitulares. Só quince delas están actualmente localizadas. Por esta rareza, a poxa de 2016 alcanzou os 330.000 euros mentres que unha anterior, en 2012, subiu ata os 336.000.

Moeda de prata con lema VIGO de 1703.

Pola contra, as moedas de prata son moito máis baratas. Máis de cen veces máis económicas. De feito, é posible compralas en portais especializados da internet por uns 2.500 euros, aínda que hai exemplares mellor conservados polos que piden máis de 6.000.

Mesmo existen unidades sen certificar que están á venda por entre 250 e 800 euros, aínda que neste caso non se pode asegurar que non se trate dunha falsificación, por moi exacta que sexa.

A historia destas moedas fálanos da histórica batalla de Rande, pero contén outras curiosidades que as fan pezas de culto. A principal é que están directamente emparentadas co pai da gravitación universal: Isaac Newton. Cando a Frota da Prata arde en Vigo en 1702, cúmprense 15 anos desde que o mundo coñeceu a que probablemente sexa a obra científica máis importante da historia: os seus Principia Mathematica. Pero tres lustros máis tarde, Newton xa apenas se dedica á ciencia. Abandona a Universidade de Cambridge e é elixido parlamentario en 1689. Desde entón, conságrase á política e xa non haberá máis grandes achegas á ciencia.

En 1696, acepta o posto de director da Moeda, con despacho na Torre de Londres. Tras a vitoria en Vigo da armada británica de Sir George Rooke, Newton recibe o encargo de contabilizar estes tesouros. E así o fai, aínda que nin de lonxe serán tan enormes como asegura The Daily Courant, o primeiro xornal diario da historia, que acaba de saír en Londres ese mesmo ano.

Atopamos os documentos asinados por Newton na Biblioteca Británica. Neles, o científico vai facendo a contabilidade do tesouro de Vigo. O 28 de xaneiro asina un primeiro informe: “Dirixindo a Comisión principal de presas polas súas ordes de 17 e 18 de decembro do ano pasado para traer á Casa da Moeda da súa Maxestade todo o ouro, prata ou lingotes levados como presa que se atopasen a bordo da frota empregada ultimamente na Expedición de Vigo”.

Isaac Newton contabilizou o tesouro de Vigo na Torre de Londres como Director da Moeda.
Isaac Newton contabilizou o tesouro de Vigo na Torre de Londres como Director da Moeda.

Newton enumera os tesouros desembarcados, que inclúen ouro, prata e pezas de a oito, xunto con obxectos variados produto do saqueo como “bandexas douradas afiligranadas, copas de coco con pé de prata, pistolas españolas, un prato dourado de igrexa ou dúas imaxes con pedestais en caixa de coiro”.

O 15 de febreiro escribe un segundo informe, que inclúe un tesouro que viaxaba noutro galeón, “sendo parte da prata apresada de Vigo”. Con este material executa o encargo da raíña Ana, a través dunha real orde de finais de febreiro de 1703, dirixida “ao noso confiado e estimado Isaac Newton”.

A cédula comeza mencionando a batalla, “por canto fomos informados de que varios paquetes de ouro, prata ou lingotes foron tomados pola nosa Real Frota na última expedición en Vigo e traídos a casa como presa”.

A monarca ordena que a prata de Rande “sexa cuñada de cando en cando con toda a rapidez convinte ás moedas actuais do noso reino, coa palabra Vigo debaixo das nosas efixies en cada peza do devandito diñeiro”.

A raíña Ana desexa que a inscrición VIGO nesta acuñación “sexa unha marca que a distinga do resto das nosas moedas de ouro e prata, e para alongar ata a posteridade a memoria desta acción gloriosa”.

Isaac Newton puxo mans á obra e cuñou estas moedas de ouro e prata, que circularon pola Gran Bretaña ao tempo que, en Londres, abrían a rúa Vigo Street, que aínda hoxe existe a poucos pasos de Picadilly Circus, como homenaxe á victoria británica en Galicia.

Desde logo, a última soberana da casa Estuardo conseguiu o seu propósito de abraiar ás xeracións futuras. Porque da casa da moeda dirixida por Newton saíron estas moedas de ouro e de prata que hoxe son un prezado tesouro de coleccionistas. E polas que se chegaron a pagar máis de trescentos mil euros.

E aquí podes ler o noso audiovisual sobre a conexión entre Verne, Vigo, a batalla de Rande e o Nautilus do capitán Nemo.

Jules Verne na baía de Vigo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.