Venres 29 Marzo 2024

Sofía Novoa, a musicóloga galega da xeración do 27

Naceu en Vigo en 1902, foi unha musicóloga brillante, viviu na Residencia de Señoritas e rematou como catedrática en Nova York

Conviviu coa Xeración do 27 a través da música. A galega Sofía Novoa trabou amizade cos grandes protagonistas daquel grupo cultural como Dalí, Lorca ou Buñuel. Nacida en Vigo en 1902, tivo unha vida apaixonante, na que se integrou na intelectualidade de Madrid e, tras padecer o exilio republicano, se consagrou como catedrática en Nova York.

Sofía Novoa.

O pai de Sofía, Joaquín Novoa Barros era xerente dunha consignataria viguesa e un activo político de esquerdas. Foi colaborador do xornal “A Loita”, amigo persoal de Pablo Iglesias e presidente da Conxunción Republicano-Socialista de Vigo. Entre as amizades de Don Joaquín estaba tamén o fillo da xurista Concepción Arenal, Fernando García Arenal, enxeñeiro de camiños e profesor que foi un gran renovador da Escola de Artes e Oficios. Era, á súa vez, amigo do fundador da Institución Libre de Enseñanza,Francisco Giner de los Ríos, quen pasaba as súas vacacións de verán en Vigo. O resultado desta ensalada de amizades foi que Sofía Novoa, xa dende nena, estivo relacionada co máis sobranceiro e avanzado en educación.

Publicidade

Os seus irmáns obtiveron praza en Madrid na Residencia de Estudantes. E ela mesma, despois, podería ingresar na súa homóloga feminina, a Residencia de Señoritas, o primeiro centro oficial dedicado en España a promover a educación universitaria das mulleres.

En 1925, Sofía Novoa titúlase en Solfexo, Harmonía e Piano en Madrid, con premio extraordinario. Logo, ampliará estudos en Lisboa e obterá unha bolsa JAE en París-Fontainebleau, que non poderá gozar polo estourido da Guerra Civil.

A viguesa pasa longas tempadas na Residencia de Señoritas, relacionándose tamén cos ilustres veciños da Residencia de Estudantes, como Dalí, Buñuel ou Lorca. A algúns membros da Xeración do 27 atoparanos posteriormente, no exilio americano.

Sofía Novoa avoga por incorporar a música a todos os estudos. Elvira Meilán recolle nunha monografía unha carta da musicóloga viguesa na que defende o valor transversal da música: “Si, é importante o estudo da música aínda para os non profesionais pois ao estudala se capacita a persoa para recibir un deleite espiritual máis fondo, que lle está vedado a quen non ten estes coñecementos, aínda cando teña sensibilidade”.

A musicóloga Sofía Novoa quería achegar a música a todas as etapas do estudo

En 1937, Novoa vese na obriga de exiliarse. A guerra, a súa traxectoria republicana e a da súa familia, xunto ó feito de ser muller non lle dan oportunidades para continuar en España a súa carreira. Así que zarpa de Lisboa rumbo a Estados Unidos, onde se matricula á súa chegada na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Columbia. Aquí mantería relación con exiliados como Jorge Guillén, Pedro Salinas ou Piar Madariaga. En 1949, logrou regresar a Madrid para defender a súa tese doutoral na Facultade de Filosofía e Letras da Complutense.

Pero o seu lugar no mundo xa estaba ao outro lado do océano. As súas conviccións democráticas, nunha familia netamente republicana, sen dúbida impedíanlle residir na ditadura franquista. Onde, ademais, as súas opcións académicas terían sido case nulas.

Catedrática

O historiador Ricardo Gurriarán relata que en Estados Unidos tivo o éxito que lle furtaron en España: Tras dar clase de español na Universidade de Columbia, asentouse definitivametne na de Vassar (Poughhkeepsie, Estado de New York), onde alcanzou o grao de Professor (catedrática) e Directora do Departamento de Español, ata a súa xubilación, en 1967. Tamén impartiu cursos de verán na Universidade de Middlebury (Estado de Vermont).

Tras o seu retiro, Sofía Novoa volveu a España e instalouse en Madrid, aínda que pasaba os veráns en Vigo. Faleceu en 1987 e as súas cinzas repousan nun cemiterio de Cangas, como foi a súa vontade. A que foi a música da Xeración do 27 sen dúbida merecería unha homenaxe da súa cidade tras unha vida apaxioante en vivencias e de paixón pola música.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.