Imaxe da intervención prorporcionada polo equipo do proxecto. Fonte: Duvi.

Imaxe da intervención prorporcionada polo equipo do proxecto. Fonte: Duvi.

Comeza a investigación das pinturas rupestres de Vilardevós

Un equipo liderado pola UVigo e con participación de científicos galegos e portugueses estudará os restos atopados a finais do pasado ano

Un equipo galaico-luso liderado pola Universidade de Vigo está a realizar o proxecto de intervención arqueolóxica no abrigo con pintura rupestre prehistórica localizado en Vilardevós, na provincia de Ourense, o pasado ano. O proxecto, financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, permitirá afondar no coñecemento “do segundo sitio con pinturas de estilo esquemático que se descubre e escava en Galicia”, segundo subliña Beatriz Comendador, profesora da Área de Prehistoria da Universidade de Vigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) que dirixe o proxecto.

Imaxe da intervención prorporcionada polo equipo do proxecto. Fonte: Duvi.

Imaxe da intervención prorporcionada polo equipo do proxecto. Fonte: Duvi.

O obxecto de estudo, detalla a súa responsable, son “pinturas vermellas sobre un penedo cuarcítico que configuran motivos pouco visibles a simple vista”. Os motivos mellor conservados, comenta, son dixitacións de cor vermella localizadas en 2017, aínda que en posteriores visitas foron identificados outros motivos máis dificilmente perceptibles. Pertencen, apunta a arqueóloga, “ao denominado estilo esquemático, que poderían ser obra das primeiras sociedades agropastorís do Neolítico ou algo posteriores”. “É un reto moi importante estudar estas pinturas pois ofrécennos moitas posibilidades de investigar cousas que non se tiñan estudado ata o de agora”, comenta Beatriz Comendador, que lembra como a zona do val do Támega “é moi importante porque se sitúa na fronteira natural entre a gran rexión bioclimática atlántica e a rexión bioclimática mediterránea, pola que preferentemente se expande a tradición de arte esquemática pintada en Europa Occidental”.

Estudo das pinturas e da contorna

O proxecto de intervención arqueolóxica está redactado por Beatriz Comendador, que ten traballado desde o ano 2009 na zona no marco do Proxecto Urdiñeira, e por Lara Bacelar Alves, investigadora vinculada ao Centro de Estudos de Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra. O proxecto contempla diversas tarefas ao longo dun ano a cargo de distintos especialistas. Por unha banda, detalla a responsable da intervención, realizarase o estudo monográfico e rexistro do acervo de pinturas rupestres, conxuntamente coa caracterización da colonización biolóxica da rocha, a caracterización dos compoñentes da pintura e a diagnose e valoración do seu estado de conservación.

Por outra banda, engade Beatriz Comendandor, “o obxectivo principal é o de determinar se existe ou non ocupación vinculada co penedo onde se atopan as pinturas, e de ser así, a obtención de información do momento relacionado co uso orixinal ou posterior do abrigo pintado.” Trátase, detalla a arqueóloga da Facultade de Historia do campus de Ourense, de documentar, alén da estratigrafía, posibles restos de acción antrópica, como restos de industrias, de preparación de pigmentos ou de acción do lume, tanto no substrato como na parede do penedo. Para iso, o proxecto contempla que tras unha prospección xeomagnética do subsolo, realizaranse sondaxes manuais e estudarase a súa secuencia edáfica. Finalmente, realizarase unha prospección da contorna, dirixida á identificación de sitios con arte rupestre, así como indicios de ocupación vinculados, e levarase a cabo un estudo da paisaxe simbólica e mítica da área na que se atopa.

Non se revelou o lugar exacto do achado para protexer a súa conservación, dada a súa fraxilidade

Equipo multidisciplinar

A intervención posta en marcha neste enclave conta tamén co apoio e colaboración do Concello de Vilardevós e de diversas asociacións culturais da contorna e de momento non se desvelará a localización exacta das pinturas ata avanzar no seu rexistro, conservación e posta en valor, dada a súa relevancia científica e ao mesmo tempo a súa fraxilidade ao estar ao aire libre. Alén da dirección de Beatriz Comendador, o proxecto conta coa participación dun amplo panel de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, especialmente do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, entre os que está Natalia Caparrini, Mª Eugenia López, Graciela Paz e José Santiago Pozo. Tamén participan Antonio Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela; a conservadora e restauradora Vera Caetano, a empresa Árbore e Bruno Rúa, que atopou xunto a José Luis Lozano o abrigo.

O punto de partida deste proxecto é a experiencia e os traballos anteriormente realizados no ámbito da investigación da arte rupestre do noroeste peninsular, tanto os levados a cabo polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio na zona fronteiriza do Val do Támega e contorna como os desenvolvidos por L. Bacelar Alves no Val do Côa, no marco do Proxecto Art-Facts.

Divulgación

No marco desta intervención, o venres 5 de outubro, en colaboración coa Asociación Cultural Portas Abertas de Vilardevós, Beatriz Comendador e Lara Bacelar ofrecerán unha charla informativa, titulada Pintura rupestre na raia seca, que na que abordarán de xeito xeral este tipo de intervencións e a súa problemática de conservación, “buscando unha acción de carácter educativo no eido patrimonial”. A actividade, que terá lugar ás 20.30 h, será no Centro de Interpretación do Contrabando de Vilardevós.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.