Panorámica do recinto amurallado que se identificou como o Forum dos Bíbalos. Fotos: Duvi.
Panorámica do recinto amurallado que se identificou como o Forum dos Bíbalos. Fotos: Duvi.

Identifican no sur de Ourense o posible Forum dos Bíbalos

Arqueólogos da Universidade de Vigo identifican entre Oímbra e Monterrei un enclave amurallado que podería ser o punto de encontro deste pobo

Nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, ocupando máis de dúas hectáreas de terreo amuralladas nun enclave defensivo “excepcional”, atópase o xacemento de A Cerca-Muro de Búbal. Recentemente un equipo de arqueoloxía da Universidade de Vigo realizou nel unha primeira intervención arqueolóxica que permitiu recuperar parte do seu muro danado, descubrir a súa porta de entrada, datar o xacemento arredor do século I antes de Cristo e lanzar a hipótese do que o lugar é o Forum Bibalorum, o lugar de encontro do pobo castrexo dos bíbalos.

Porta de entrada ao recinto.
Porta de entrada ao recinto.

Promovido polos concellos de Monterrei e Oímbra e cun financiamento para 2019 de 40.000 euros por parte da Deputación de Ourense, o proxecto de intervención no xacemento está desenvolvido por membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, sendo Adolfo Fernández o director científico e Patricia Valle a directora da intervención en campo. Completan o equipo dous alumnos de predoutoramento da Universidade de Vigo, outro arqueólogo, unha conservadora-restauradora, dous canteiros e a empresa Servitec Medioambiente. Os traballos de intervención-escavación desenvolvéronse entre o 1 de outubro e o 29 de novembro.

O xacemento, explican Patricia Valle e Adolfo Fernández, atópase divido entre os concellos de Monterrei e Oímbra, situándose nun promontorio entre os ríos Azueira e o Porto do Rei Búbal, no val do Búbal. Trátase, detallan os investigadores da Facultade de Historia do campus de Ourense, dun recinto ovalado rodeado por unha muralla “bastante ancha e ben feita” que nalgúns tramos ten un ancho de dous metros e medio ou tres. Ademais, nun dos laterais o xacemento ten un outeiro que tamén está rodeado dunha muralla a xeito de acrópole. “Coñecíase que había un xacemento, xa que a muralla está á vista practicamente en todo o seu perímetro, pero non se escavara nunca”, comenta o equipo responsable.

Partedo equipo participante na intervención.
Partedo equipo participante na intervención.

Restauración, datación e hipóteses de uso

Os traballos levados a cabo na zona tiveron dous obxectivos fundamentais. Por unha banda consistiron na recuperación da parte do muro do recinto danado en 2018 por maquinaria durante uns traballos de repoboación forestal da zona, danos que motivaron a posta en marcha deste proxecto. “Escavamos a zona onde se danou o muro, para saber que morfoloxía tiña, como estaba construído e se as cimentacións estaban ben de cara á súa reconstrución parcial”, indica Patricia Valle. Esta acción, engade, tivo o interese científico de saber “como se construían este tipo de murallas, se tiñan unha ou varias caras ou que tipos de recheos levaban”. A recuperación do muro parcialmente destruído, que foi realizada con éxito, e desterrar o foxo anexo a el, cuberto de terra durante o dano do muro, centrou boa parte da intervención realizada, segundo explica a arqueóloga.

Durante os dous meses de traballo no terreo, o equipo arqueolóxico tamén fixo cinco sondaxes en distintos puntos do xacemento, xa que o segundo gran obxectivo do proxecto foi a datación do lugar e valorar as súas posibles funcionalidades. Dúas sondaxes realizáronse na parte do outeiro e outras tres en lugares “onde pensamos que podía haber algo de interese”. “Os resultados das sondaxes son curiosos. Exceptuando unha das sondaxes, o resto foron negativas. Non hai estruturas murais e só atopamos algo de material, uns cen fragmentos de cerámica, unha punta de lanza e pouco máis”, sinala Patricia Valle.

A sondaxe que deu resultados positivos foi a que permitiu localizar a porta de entrada ao recinto, agora xa á vista. “É unha porta bastante espectacular, con dous alzados de muro moi ben feitos. Aquí atopamos pouco material pero si puidemos identificar a estrutura da porta, o seu ancho e o tipo de construción muraria, que é distinto na parte interna e externa”, comenta a arqueóloga. O equipo da Universidade reconstruíu a porta, que estaba tapada polo seu propio derrube, para deixar á vista a que, de momento, é a única porta certificada como de entrada ao recinto.

Imaxe aérea do xacemento.
Imaxe aérea do xacemento.

Cientificamente é un xacemento moi interesante e único porque estamos falando de case tres hectáreas amuralladas pero está baleiro de estruturas e case de materiais”, sinala Adolfo Fernández, que indica como “pensabamos atopar casas, como nun poboado castrexo calquera, non pensabamos atopar isto e aí radica a súa importancia”. A análise do material atopado, comentan os responsables da intervención, apunta a que o recinto data da fase final da Idade do Ferro, arredor do século I antes de Cristo. Sobre a súa funcionalidade, a hipótese que manexan as e os arqueólogos é que “pode ser un recinto de reunión para os habitantes de todos os castros do redor”. Concretamente, indica Adolfo Fernández, “pensamos que pode ser o que os romanos chamaban en varios textos latinos o Forum Bibalorum, o punto de encontro dos pobos bíbalos que vivían nos castros que rodean o xacemento”. “Atopámonos nunha zona na que hai varios xacementos romanos na contorna, hai varios castros e logo atopamos nunha posición central do val este gran recinto fortificado, sen ningún tipo de construcións no seu interior e apenas material moble”, engade Patricia Valle.

Tradicionalmente, indica Adolfo Fernández, o Forum Bibalorum foi interpretado polos investigadores como a capital dos bíbalos, localizándose nos xacementos habitacionais máis importantes da zona, como a Cibdá de Medeiros. A hipótese que manexan trala intervención en A Cerca-Muro de Búbal, detalla o arqueólogo, “é a máis comprensible aínda que sexa cambiar por completo esta tendencia historiográfica dos últimos anos, na que se tendía a identificar o forum como a cidade capital”. A súa proposta, indica, nace “vendo a existencia deste tipo de xacementos que se descoñecían, que son grandes áreas amuralladas pero baleiras no seu interior, porque non teñen nin estruturas nin case material”. Este lugar central, detallan os membros do proxecto, podería “ter usos diversos”, como mercado, lugar de culto, lugar para impartir xustiza da comunidade dos bíbalos e tamén de defensa comunitaria (de estar ameazados). “Isto explicaría a enorme empresa levada cabo para a construción do recinto amurallado, que debeu levar moitos anos e coa achega de todo o pobo dos bíbalos”, comenta o director científico. O proxecto terá continuidade co obxectivo de estudar a riqueza arqueolóxica do val do Búbal, ademais de completar a escavación da porta e colocar a sinalización interpretativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.