Sábado 20 Abril 2024

Os escravos galegos en Cuba en 1854: “Traballan como dous negros”

A mediados do século XIX, saíron de Galicia centos de galegos para converterse en escravos. Aproveitando a fame que vivía o país, o empresario Urbano Feijoo creou unha compañía para levar á Habana xornaleiros para traballar no ferrocarril e nas plantacións de azucre baixo condicións inhumanas.

O obxectivo era ‘branquear’ Cuba, repoboándoa de galegos, que facían “o mesmo traballo que dous negros, ao prezo dun só escravo”. Urbano Feijoo Sotomayor nacera en Viana do Bolo en 1798, pero foi en Cuba onde fixo fortuna. Grazas ás súas boas relacións, chegou a administrar alí cinco enxeños azucreiros, tres cafetais e varias facendas. Tamén foi accionista do ferrocarril de Sagua.

Publicidade

Urbano Feijoo.

Ademais, en 1854 foi elixido deputado en Cortes pola circunscrición de Ourense, dentro do Partido Liberal. Foi ese ano no que puxo en marcha a súa empresa, movido segundo dicía polo seu “ filantrópico pensamento”.

Mediado o século XIX, os terratenentes en Cuba tiñan serios problemas para producir azucre, cuxo prezo baixaba mentres se encarecía o acceso á man de obra escrava. De feito, a escravitude estaba xa abolida desde o Congreso de Viena, de 1815, subscrito por España en 1817.

Aquela firma foi unha mera formalidade, porque baixo corda os empresarios negreiros seguiron capturando africanos no golfo de Guinea para levalos clandestinamente a América. Importantes fortunas fixéronse en Galicia daquela grazas á trata, pero cada vez o negocio se fixo máis complicado. Ao tempo, as revoltas dos escravos eran comúns.

Feijoo bota contas e conclúe que “un galego vai facer o mesmo traballo que dous negros e ao prezo que custa un escravo”. Noutras anotacións, subliña que o galego “custará non moito máis de oito pesos ao mes e proporcionaranos un proveito polo menos dobre do que ofrece o escravo e incomparablemente maior ao que pode esperarse do negro xornaleiro, aos prezos de hoxe”.

Neste clima, tivo Urbano Feijoo a súa gran idea, que resumiu nun libro que elevou ao Goberno: “Illa de Cuba: Inmigración de traballadores españois”. Nas súas páxinas, aparece como un home benintencionado, relatando que cada ano emigran a Portugal e provincias do sur de España máis de douscentos mil galegos, que serían “materia apropósito para fornecer de brazos baratos esta Illa e ao noso Goberno de xente leal”.

Venda de escravos.

Feijoo quere encher Cuba de galegos para “fecundar este país” e propón “unha viaxe cómoda, un tempo dado de aclimatación con esmerada asistencia, un traballo seguro coas súas horas e días de descanso non escasos”. Ademais, cada galego recrutado recibirá ao embarcar “dúas camisas, un pantalón e blusa apropósito deste clima, un chapeu de palla e un par de zapatos”.

Pero os fermosos propósitos rematarán en desastre. O 6 de marzo de 1854 chegan a Cuba desde Vigo os primeiros galegos. Nos meses seguintes, atracan na Habana outras sete expedicións. E, en contra do prometido, os colonos son obrigados a traballar doce horas diarias por 5 pesos mensuais, a cuarta parte que un xornaleiro.

As súas xornadas son esgotadoras, cun mínimo descanso entre as 8 da tarde e as catro da madrugada. Aplícanselles castigos salvaxes. E, en outubro de 1854, dos 1.744 galegos faleceron 167 e outros 18 desertaron. Os destinados a traballar no ferrocarril de Trindade nin sequera cobran o seu xornal, apenas son alimentados e dormen sobre taboleiros. En maio de 1855, o número de mortos xa ascende a 331, isto é un de cada cinco galegos emigrados, mentres outros 200 están presos por rebelarse.

As cartas chegan ás súas familias en Galicia informando do horror. Cando en 1880 Rosalía de Castro publica Follas Novas, sen dúbida coñece esta historia ao escribir: “Galicia está probe, i á Habana me vou… Adeus, adeus prendas do meu corazón!”.

No prazo duns meses estoura o escándalo. Pecha a Compañía Patriótica Mercantil e a vergoña chega ao Congreso dos Deputados, onde o propio Urbano Feijoo ten que escoitar as críticas dos seus correlixionarios. Iso si, antes de clausurar a súa ‘filantrópica empresa’, cobrou os 140.000 pesos de subvención concedidos pola Xunta de Fomento.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204