Imaxe do derrubamento no Pazo de Oca, no que faleceu unha persoa e medio cento de persoas resultaron feridas. Á dereita, Schrödinger na súa conferencia en Santiago. Imaxes: El Pueblo Gallego.
Imaxe do derrubamento no Pazo de Oca, no que faleceu unha persoa e medio cento de persoas resultaron feridas. Á dereita, Schrödinger na súa conferencia en Santiago. Imaxes: El Pueblo Gallego.

O accidente mortal do que se salvou Erwin Schrödinger no Pazo de Oca

O físico visitou Santiago en 1934, un ano despois de obter o Nobel de Física, nunha estadía marcada por un tráxico suceso no pazo estradense

A imaxe amosa un atril colocado sobre unha caixa de bebida gasosa onde se apoia Erwin Schrödinger, un dos máis célebres físicos da historia. E a caixa, unha caixa como a que contén o célebre gato vivo e morto ao mesmo tempo co que explicou a teoría da mecánica cuántica, leva gravada a palabra Santiago. É a fotografía que dá conta da visita do científico á capital de Galicia en 1934, un ano despois de recibir o Premio Nobel de Física en 1933 xunto a Paul Dirac. Na visita con motivo do XIV Congreso da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias, e convidado por outro relevante científico, Blas Cabrera, Schrödinger ofreceu unha conferencia sobre mecánica ondulatoria, recollida polos xornais no seu momento. Aquela foi, segundo o historiador Ricardo Gurriarán, a primeira visita dun Nobel á Universidade compostelá.

A visita de Schrödinger lembrouse este xoves no ciclo Transfronteirizas, organizado polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), nun acto conducido polo investigador Cibrán Santamarina e o propio Ricardo Gurriarán, experto na historia da institución compostelá. Aquel congreso enmarcábase na grande actividade académica intelectual da USC neses anos, impulsada en boa parte durante a etapa do reitor Cadarso, e que se estendería ata o golpe de Estado de 1936 e a posterior represión, cando se tronzou a carreira de numerosos investigadores. A listaxe de nomes presentes no congreso no que participou Schrödinger é ben salientable: Ortega y Gasset, Otero Pedrayo, Blas Cabrera ou Manuel Lora Tamayo estiveron presentes nestes días, nos que se sucederon numerosos actos. Segundo explicou Gurriarán, o evento, que se ía clausurar na semana que comezaba o 6 de agosto, tiña previstos máis actos  na Coruña e Vigo. Pero non chegou ao seu fin.

Imaxe da conferencia de Schrödinger. Fonte: El Pueblo Gallego.
Imaxe da conferencia de Schrödinger. Fonte: El Pueblo Gallego.

O accidente

O domingo 5 de agosto, despois dunha misa solemne na Catedral de Santiago, unha importante comitiva de asistentes ao congreso participou nunha visita aos pazos de Santa Cruz de Rivadulla e Oca, situados a cadansúa marxe do río Ulla. Calcúlase que numerosos turismos e autobuses levaron a uns 250 congresistas ata o val do Ulla. Segundo Juan Fernández, autor dun libro sobre a historia do pazo, os congresistas dividíronse en dous grupos, e o máis numeroso chegou a Oca. Alí foron convidados a un aperitivo e obsequiados coas cancións da coral Airiños da Ulla. Ante a importante afluencia de persoas, conta Fernández que o anfitrión do pazo advertiu, xusto antes do fatal accidente, de que non se xuntasen tantas persoas no salón polo risco de que o chan de madeira non resistise. E así foi: o piso derrubouse xerando unha enorme confusión, con persoas gravemente feridas, amoreadas e mesturadas coa propia estrutura do pazo.

O parte do sinistro deixou unha muller falecida, a profesora Luisa Gómez Fernández, da escola Normal de Vitoria, e preto de medio cento de feridos. Un dos máis graves foi Manuel Lora Tamayo, posteriormente presidente do CSIC e ministro de Educación e Ciencia na ditadura franquista, que sufriu unha amputación na perna dereita. Non se sabe con certeza se o Nobel Schrödinger presenciou o accidente, pero polo menos non consta na lista de feridos.

Estado no que quedou parte do Pazo de Oca despois do accidente. Foto: El Pueblo Gallego.
Estado no que quedou parte do Pazo de Oca despois do accidente. Foto: El Pueblo Gallego.

Ante a magnitude da traxedia, que desencadeou unha frenética actividade médica para atender aos feridos, tanto no propio lugar como na cidade de Santiago, o congreso non continuou. Outra das anécdotas que se derivou do accidente foi a doble suspensión das conferencias que ía impartir José Ortega y Gasset. Un retraso na súa viaxe desde Madrid impediu a charla que ía dar na Coruña, e o accidente cancelou tamén a que ía impartir en Compostela.

Segundo lembra Iolanda Casal no portal Cultura Galega, Erwin Schrödinger abandonou Galicia rumbo a Santander, e daría outras seis conferencias no territorio español. Regresaría en 1935 a España nunha viaxe de 8.000 quilómetros nun BMW xunto á súa esposa, coa que percorreu a Península Ibérica de norte a sur, pero sen parar en Galicia.

Retrato de Schrödinger no arquivo dos Premios Nobel.
Retrato de Schrödinger no arquivo dos Premios Nobel.

Como tantos outros científicos, Schrödinger viuse na obriga de deixar Alemaña pola chegada ao poder de Hitler. Traballaba en Berlín, onde sucedera a Max Planck na Universidade Humboldt, pero a escalada de odio nacionalsocialista levouno a abandonar o país no mesmo ano no que foi galardoado co premio Nobel. Traballou un tempo na Universidade de Graz, no seu país natal, pero a anexión do país por parte do Terceiro Reich provocou de novo a súa marcha en 1938. Estableceuse, tras un breve paso por Bélxica e Oxford, en Dublín, onde permanecería ata a súa xubilación en 1955.

O seu relevante traballo arredor da teoría atómica, equiparado en importancia ás leis de Newton para a mecánica clásica, marcou sen dúbida as investigacións sobre a física de partículas que se desenvolveron durante os séculos XX e XXI. Pode que o propio Schrödinger quedase tamén marcado ata o seu falecemento, en 1961, polo suceso do Pazo de Oca, se é que chegou a presencialo. Ou non, quen sabe. Con estas cousas nunca se sabe, como lle pasa ao seu célebre gato.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.