Cada 23 de setembro, Bolivia celebra o Día Nacional do Pobo e a Cultura Afroboliviana. En vilas como Tocaña, na rexión de Los Yungas, ao leste da capital do país, La Paz, os veciños saen á rúa en procesión para celebrar a mestizaxe entre as culturas andina e africana que se percibe na cor de pel dalgúns deles. Son os afrobolivianos. Visten puchos e prendas de la, cheas de cor, como se fosen aimaras, pero parecen de Senegal ou Nixeria, e tocan e bailan a saya, un estilo musical que mestura influencias africanas, andinas e españolas.
Fican tamén pequenas pegadas na lingua, con palabras probablemente derivadas da lingua kikongo, falada no Congo. E algunhas familias levan apelidos de orixe africana, como Angola e Maconde.

Teñen incluso a súa propia casa real, encabezada polo rei Julio Pinedo, descendente dun mandatario senegalés que non se librou de ser secuestrado como escravo, pero que conservou a súa nobreza en Bolivia. A familia real afroboliviana goza mesmo de recoñecemento oficial, xa que Pinedo foi coronado polas autoridades de La Paz en 2007. É o último rei de América.
A Los Yungas non se chega por casualidade. A única estrada que ata hai pouco unía esta zona con La Paz era un traxecto no que a morte se vía moi de cerca. Hai rexistros de varias traxedias con autocares cheos de xente que se precipitaron centos de metros cara ao abismo. Este illamento foi unha das principais razóns polas que este pobo foi ignorado durante séculos polos gobernos, e tamén pola ciencia.

Pero desde onde viñeron os afrobolivianos? E canto tempo hai diso? A resposta atopouna un equipo de investigadores galegos, que publicaron na revista BMC Genomics un estudo xenómico sobre os individuos que acabaron en Los Yungas despois de que os seus devanceiros viaxaran miles de quilómetros hai varios séculos.
“Los Yungas é un lugar alucinante. O illamento xeográfico contribuíu a manter ás persoas de orixe africano á marxe dun entorno que é fundamentalmente nativo; formaron unha poboación, falan as linguas indíxenas, pero vense diferentes, sen saber moi ben por que”, explica a GCiencia o xenetista Antonio Salas, autor do artigo xunto aos seus compañeiros Jacobo Pardo Seco, Tanja Heinz, Patricia Taboada Echalar e Federico Martinón, do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela (IDIS), organismo ao que pertencen a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Hospital Clínico de Santiago.
No traballo, que leva por nome Mapping the genomic mosaic of two ‘Afro-Bolivians’ from the isolated Yungas valleys, e que pode consultarse en aberto, os investigadores galegos estudaron o xenoma desta comunidade para trazar a súa historia, e comparáronos cos datos de case 60 grupos de orixe africana para descifrar os procesos de mestizaxe que tiveron lugar.
“Estes xenomas deron unha cantidade enorme de información, e puidemos ‘pintar’ as partes do xenoma que procedían de Europa ou África, e cales eran americanas”. Alén disto, co illamento secular de Los Yungas, os afrobolivianos convértense nun gran “laboratorio xenético para afondar no estudo do tráfico de escravos”, sinala Salas.

Resultados
Deste xeito, os científicos galegos chegaron á conclusión de que un 80% do xenoma era de orixe africana, o que indica a pouca mestura que houbo desde a súa chegada a Bolivia. O 20% restante repartíase entre a herdanza europea (sobre todo española) e indíxena americana.
Os afrobolivianos chegaron hai uns 400 anos de Senegal, Ghana e Nixeria
O estudo tamén achegou datos sobre o lugar de orixe dos afrobolivianos e o momento no que apareceron en Bolivia. “A compoñente africana do xenoma procede da costa oeste de África, de zonas como Senegal, Ghana ou Nixeria“, indica o estudo. E apúntase que a data na que se empezou a producir a mistura remóntase hai 400 anos. “O momento coincide coa maior importación de man de obra escrava a Bolivia”, debido á diminución da poboación indíxena a causa das feroces condicións que padecían en lugares como Potosí.
Para obter esta radiografía xenómica, segundo explica Antonio Salas, abonda con ter o xenoma dun só individuo para revelar información dunha poboación enteira. “É un dos aspectos máis emocionantes destes estudos; lonxe de ser un truco de maxia, o xenoma dunha persoa é o resultado dunha completa mestura dos xenomas dos seus antepasados. É dicir, unha mostra da poboación ancestral. O truco está en saber interpretar o crebacabezas de información xenética destes ADNs”, engade.
A orixe dos afrobolivianos
Foron 12 millóns e medio os africanos que, segundo as estimacións realizadas, embarcaron obrigados rumbo á escravitude. A historia de Latinoamérica non se pode entender sen eles. A maioría concentráronse en Estados Unidos, o Caribe e a costa leste de Brasil ou Colombia. Coas zonas máis afastadas destes núcleos de chegada, como son os Andes, apenas tiveron contacto. No caso de Bolivia, a poboación negra representa menos do 1% do total. Pero algúns chegaron.
Nas primeiras fases do período colonial, os españois explotaron aos nativos en minas como o Cerro Rico de Potosí. Porén, hai rexistros da chegada de escravos africanos a estas zonas a partir do século XVI. As rexións que hoxe se corresponden con Perú e Bolivia recibiron sobre todo a xente procedente de Senegambia, o Congo, Angola e Mozambique, segundo diversas fontes.
Adentrábanse no continente pola enorme bacía que conflúe no Río de La Plata, entre Uruguai e Arxentina. Segundo os datos recabados polos investigadores galegos, hai textos que falan da chegada de milleiros de africanos a Potosí e outras explotacións mineiras e agrícolas desenvolvidas polos españois. Porén, poucos sobreviviron. Se os indíxenas, adaptados ao clima e á altitude, caían coma moscas, a perspectiva para os negros era aínda peor.
Marxinación
Os afrobolivianos padeceron ata hai pouco unha notable marxinación en Bolivia, que persiste nalgúns aspectos. Ata 2009 non foron recoñecidos como minoría na Constitución boliviana, e nin sequera estaban incluídos no censo, polo que non tiñan dereito a voto. Os últimos rexistros, con datos de 2012, falan de 16.329 afrobolivianos, aos que hai que engadir os menores e os mestizos. Moitos deles seguen vivindo en condicións moi mellorables, sen acceso a vivenda digna nin servizos básicos. Con todo, este domingo sairán ás rúas para reivindicar a súa identidade e defender a diversidade.