Un tarro con algodón permitía conservar ás pulgas suplentes para o espectáculo.

Circos de pulgas: benvidos ao menor espectáculo do mundo

No século XIX estas diminutas atraccións percorrían tamén vilas e cidades de Galicia, coa habilidade das pulgas e a marabilla da miniaturización

Foron o irmán pequeno do circo. Onde uns presumían do maior espectáculo do mundo, nos circos de pulgas todo era minúsculo: os artistas, as pistas, os malabares… menos a imaxinación do público, reunido en número de non máis de seis persoas nunha pequena carpa para asomarse con curiosidade a unhas lupas.

Os circos de pulgas foron populares en todo o mundo sobre todo no século XIX e non faltaron tampouco nas feiras de vilas e cidades de Galicia, onde conviviron con espectáculos circenses con ratos, cans ou macacos. Pero o século XX e a modernidade os levaron por diante.

Nova sobre o circo de pulgas do Señor Quevedini en Ferrol en 1902.

En El Correo Gallego de 1902 atopamos a crónica do circo do señor Quevedini, que percorría Galicia coas súas pulgas amestradas, “que non podían verse sen rascarse, cando menos o peto”. Estes sifonápteros profesionais do chimpo chamaban a atención do cronista, pois vivían nun “círculo vicioso”, xa que “elas daban para comer ao mestre” e, cando saltaban a unha das súas pernas, “era o mestre o que lles daba para comer a elas”.

En Vigo, en 1878, cando o escritor Jules Verne visitou a cidade, había no Casco Vello un circo de pulgas, que engadía ao seu espectáculo uns ratos que mesmo disparaban pequenos canóns para sorpresa do distinguido público.

E mesmo as máis recónditas aldeas foron visitadas por estes postos de pulgas acróbatas e trapecistas.

Debuxo que representa un circo de pulgas. Colección de Tim Cockerill.

Hai noticias destes espectáculos desde 1578, cando un ferreiro de Londres, chamado Mark Scaliot, atou unha pulga a unha diminuta cadea de ouro, conseguindo que con este arnés arrastrase algúns obxectos. En Alemaña, os reloxeiros competían para deseñar pezas en miniatura para estes circos, presumindo da súa habilidade. E, en 1833, o italiano Louis Bertolotto publica o primeiro gran tratado sobre este circo: o seu libro “Historia dunha pulga”. En 1834 fai o debut en Broadway o espectáculo “The extraordinary Exhibition of the Industrious Fleas”. E en Regents Stret, en Londres, houbo un circo durante décadas que facía dez horas de espectáculo diarias.

O principio teórico era simple. A pulga, grazas ás cutículas elásticas das súas patas, ten unha potencia de salto enorme, descomunal para o seu tamaño. O chimpo da pulga pode chegar ata 18 cm en dirección vertical e 33 cm en dirección horizontal.2 Isto representa unha distancia de ata 200 veces a súa propia lonxitude,

Atadas a un arnés case microscópico, e animadas por golpes ou por un intenso calor baixo da mesa, saltaban e podían arrastrar un pequeno carriño ou mover algunha peza minúscula. O domador facíase chamar ‘mestre’ e explicaba a súa arte domando estes insectos, o cal era falso: a pulga non ten ningunha capacidade de aprendizaxe en absoluto.

Pero, entre a realidade e a fantasía, os circos de pulgas eran un éxito, reunindo en breves sesións de poucos minutos a entre catro e seis persoas, que se asomaban ás lupas para ver ás artistas.

En realidade, o espectáculo estaba na miniaturización dos obxectos, que marabillaba aos galegos do século XIX como hoxe o fai que Apple meta unha lanterna, un teléfono, un GPS e unha cámara de fotos nun dispositivo que cabe na palma da man. Para os nosos avós, aquelas carrozas, carriños, canóns e coches en miniatura producían idéntico pasmo.

Na Oktoberfest de Munich aínda hai na actualidade circos de pulgas. Pero normalmente hoxe usan trucos eléctricos, en lugar de animais. De feito, xa en 1920 mencionouse ás pulgas na lei aprobada pola Cámara dos Comúns de Londres para aforrar aos bechos a participación nestes suplicios. O zoólogo británico Tim Cockerill ten estudado estes circos de pulgas, usando a técnica do arnés metálico como se pode observar no vídeo que acompaña este artigo.

Se, durante séculos, os circos de pulgas triunfaron foi porque había unha canteira de artistas inesgotable. A falta de hixiene facía comúns a estes parasitos en calquera colchón en todas as vivendas das cidades. Recrutalas era doado  e o propio ‘profesor’ podía alimentalas en calquera extremidade do seu corpo.

Sobre isto fala o cronista ferrolán de 1902, en El Correo Gallego: “O máis curioso destes bechos era a súa alimentación. Máis afortunados que calquera de nós, ían todos os días a Coruña nun wagón. É dicir, nunha caixa de mistos, para ser despois colocadas no brazo da señora do domador”. O xornalista engade: “As que quedaban en Ferrol mantíñanse como a xente rica; comían da perna… do Señor Quevedini”.

As pulgas eran atadas a carriños grazas a un arnés metálico.

En Vigo, en xuño de 1878, o cronista de Faro de Vigo louba o circo de pulgas instalado na rúa Sombrereiros, que asombra aos vigueses. Conta tamén cun persoal “de ratas, monos e cans sabios”.

Afirma o xornal: “A habilidade destes animais é tan estremada que engaiola a atención, e aínda sen querelo pásase un bo intre presenciando como as ratas obedecen a voz humana para practicar certas cousas, e como se prestan a disparar un canonciño cunha estoicidade espartana na familia dos roedores”.

Hoxe, o circo de pulgas semella algo antediluviano. A hixiene pública e privada fixo moito dano ao sector. E, aínda que a meirande parte dos artistas deixaron de usar pulgas, xogando coa imaxinación do público ante as súas miniaturas, o certo é que aquel mundo desapareceu. Pero houbo un tempo en que asombrou aos nosos avós, rendidos ante o reclamo inevitable: “Pasen e vexan! Benvidos ao menor espectáculo do mundo!”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.