Caracterizan as pinturas prehistóricas de Penedo Gordo, en Vilardevós

Un equipo das universidades de Vigo e Coímbra publica na revista "Minerals" un artigo no que se describen as análises realizadas no xacemento

Detalle dunha das pinturas rupestres no xacemento de Penedo Gordo. Foto: Duvi.
Detalle dunha das pinturas rupestres no xacemento de Penedo Gordo. Foto: Duvi.

Tras a descuberta en 2017 de pinturas rupestres de estilo esquemático no xacemento arqueolóxico do Penedo Gordo (Vilardevós-Ourense), un equipo de investigación multidisciplinar das universidades de Vigo e Coimbra (Portugal) traballou no estudo destes vestixios “excepcionais”. Unha das súas liñas de traballo principais foi deseñar e pór en práctica un protocolo multianalítico para caracterizar estas pinturas prehistóricas, combinando técnicas analíticas in situ e de laboratorio. Na realización desta caracterización, na que participaron investigadores de Historia, Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial da UVigo, descubriron unha pinga de pigmento vermello preservada nunha capa arqueolóxica asociada a restos materiais do Neolítico final/Idade do Cobre.

O estudo que recolle esta caracterización foi publicado recentemente na revista Minerals. Nel participaron por parte da Universidade de Vigo José Santiago Pozo (Grupo Xestión Segura e Sostible dos Recursos Minerais-GESSMin e Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía); Beatriz Comendador (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio-GEAAT e Facultade de Historia) e Pablo Barreiro (Grupo Novos Materiais e Escola de Enxeñaría Industrial). Completou o equipo Lara Bacelar Alves, do Centro de Estudos em Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra.

O proxecto de investigación arredor das pinturas de Penedo Gordo, financiado pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, permitiu que este grupo multidisciplinar puidera traballar conxuntamente para caracterizar a composición das pinturas rupestres de tradición esquemática do Penedo Gordo (Vilardevós), vinculadas a restos arqueolóxicos inseribles nun período entre o Neolítico medio e o Neolítico final e poder identificar posibles materiais colorantes. “Estas pinturas atópanse sobre un afloramento cuarcítico moi heteroxéneo en composición e cromaticidade. Foron identificados dous paneis con pinturas rupestres no sector oeste e tres no sector norte. En conxunto atopáronse puntos dixitados de contorna ovalada, antropomorfos e motivos xeométricos”, explican as e os investigadores.

Traballos realizados no xacemento. Foto: Duvi.
Traballos realizados no xacemento. Foto: Duvi.

A investigación levada a cabo por este equipo multidisciplinar estruturouse en tres fases. “A primeira delas tratou de establecer un protocolo de avaliación in situ de pinturas rupestres baseado na aplicación de técnicas fotogramétricas e dixitais, medidas da cor dos motivos identificados empregando técnicas espectrofotométricas e aplicación de espectroscopía Raman na súa modalidade portátil para a identificación dos compoñentes colorantes (pigmentos inorgánicos) destes motivos”, indica o equipo. Esta metodoloxía, detallan, permitiu obter una profunda caracterización dos motivos sen realizar a aplicación de técnicas analíticas destrutivas que requiren da toma de mostras, lembrando como o código deontolóxico da ciencia en conservación do patrimonio cultural tanxible representada pola carta de Venecia resalta a necesidade de reducir calquera actuación directa en obxectos patrimoniais que poidan provocar impacto neles.

A segunda fase do estudo realizado estivo centrada na investigación de posibles restos de pinturas durante a fase de escavación que se levou a cabo nos dous sectores abordados e de posibles materiais colorantes na contorna do afloramento. “Esta segunda fase non sempre é posible, pero nesta ocasión deuse o excepcional achado dunha pinga de pintura sobre terra en boas condicións de conservación e en relación estratigráfica cos vestixios materiais, así como outras dúas mostras que presentaban unha certa coloración vermelliza”, subliñan as e os autores do traballo. Con respecto aos posibles materiais colorantes, engaden, recolléronse tres mostras preto do sector norte.

Por último, a terceira fase do proxecto levouse a cabo en laboratorio e nel analizáronse todas as mostras recollidas no xacemento empregando difracción de raios X, espectroscopía de infravermellos por transformadas de Fourier e microscopía electrónica de varrido.

Os resultados in situ, recolle o estudo publicado, permitiron identificar diferentes coloracións nos motivos que foron relacionadas coas diferentes composicións identificadas no propio lugar con espectroscopía Raman; tonalidades máis vermellizas para os motivos nos cales se identificou hematite como pigmento e tonalidades máis alaranxadas cando se identificou goetita. “Isto corroborou os resultados do estudo arqueolóxico das técnicas e morfoloxía das pinturas que suxerían a existencia de polo menos dúas fases ou períodos de execución”, indican as e os responsables do traballo. A analítica, apuntan, “demostrou que efectivamente as pinturas foron realizadas con diferentes materias primas aínda que algunhas delas están no mesmo panel”.

Con respecto aos resultados obtidos en laboratorio, o equipo das universidades de Vigo e Coimbra destaca que “é salientable o feito de que na gota perfectamente preservada foi identificada hematita como material colorante e ademais presentou materia orgánica que estará relacionada coa existencia dun aglutinante que se empregaría para darlle ao pigmento a consistencia de pintura necesaria para esvarar sobre a parede”. A presencia de hematite nas mostras recollidas como materiais colorantes, comentan, “permite indicar que calquera deles podería ser empregado como colorante da superficie tras un proceso mecánico de esmagamento”.


Referencia: Methodological Approach (In Situ and Laboratory) for the Characterisation of Late Prehistoric Rock Paintings—Penedo Gordo (NW Spain) (Publicado en Minerals).


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.