Gravados rupestres en forma de mans localizados en Esgos. Imaxes cedidas por Natalia Figueiras.
Gravados rupestres en forma de mans localizados en Esgos. Imaxes cedidas por Natalia Figueiras.

Atopan en Esgos gravados rupestres prehistóricos con forma de mans

Os investigadores Natalia Figueiras e Jorge López Quiroga localizaron as obras no complexo de San Pedro de Rocas, que foi posteriormente cristianizado

Os investigadores Natalia Figueiras Pimentel (Universidade Complutense de Madrid/ ÁGORA. Art & Heritage) e Jorge López Quiroga (Universidade Autónoma de Madrid/Universidade de Caen) localizaron no complexo rupestre de San Pedro de Rocas, no municipio de Esgos, dúas obras que salientan a relevancia histórica do enclave, un dos asentamentos de eremitas máis antigos de Galicia. O achado de “maior calado, en canto á súa antigüidade e relevancia histórica”, é o dos “gravados rupestres figurativos prehistóricos da Idade do Bronce en forma de mans, relacionados co santuario rupestre prerromano”. Estes gravados foron localizados en decembro de 2019, e agora atópanse en proceso de análise e estudo, aínda que os autores do descubrimento contrastaron xa a súa antigüidade.

Detalle dos gravados.
Detalle dos gravados.

“Trátase dun total de nove mans, con predominio da man dereita, que se conservan de maneira excepcional e dispóñense sobre o pano de roca de forma ascendente, orientadas á posta de sol durante o equinoccio de primavera. Este santuario prerromano, que xa presentaba unha orientación específica en base ao solsticio de inverno, evidencia agora tamén unha relación con ese momento do ano”. O enclave de Esgos foi posteriormente cristianizado no século VI. Este achado, segundo os autores, é clave para reconstruír a historia do lugar. “No caso do ‘panel das mans’ de San Pedro de Rocas, tendo en conta a súa proximidade e relación co santuario rupestre prerromano, podemos confirmar que estariamos diante dun singular e monumental conxunto cultural rupestre, cuxo carácter sacro se mantivo desde a Prehistoria recente ata a actualidade. Foi por iso que os eremitas asentáronse e crearon San Pedro de Rocas, pola súa sacralidade previa”, engaden os autores.

Natalia Figueiras e Jorge López Quiroga engaden que as obras atopadas son “gravados rupestres excepcionais, probablemente únicos no que respecta a a súa representación e técnica de execución”. Neste sentido, lembran que existen “conxuntos de mans pintadas en diversos lugares fóra de Europa, destacando entre todos eles os sinais de mans en negativo, tanto de nenos como adultos, da coñecida como ‘Cueva de las Manos’ (Patagonia, Arxentina), entre 7.000 e 3.300 a.C., en Boyacá (Colombia), onde se identificaron nove pares de sinais de mans correspondentes a dous adultos nunha parede rochosa, ou os gravados escultóricos de Tabuk (Península Arábiga), datados en torno ao 10.000-8.000 a. C.

Tumba monumental

Tumba monumental antropomorfa escavada na rocha.
Tumba monumental antropomorfa escavada na rocha.

Ademais dos gravados, os investigadores atoparon e identificaron unha “tumba monumental antropomorfa escavada na roca, ata o de agora inédita, que co tempo transformaríase na famosa e coñecida fonte de San Bieito“. Destacan que é “un espazo natural sacralizado que albergou nas súas orixes un espazo de habitación (tipo cela) e que posteriormente foi un lugar de enterramento arredor do século VIII”.

O complexo rupestre de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense) é unha gran laura rupestre tardo-antiga e altomedieval, conformada por unha sucesión de celas eremíticas e moitos outros elementos rupestres, que acaban conformando un conxunto monástico de influencia oriental, e punto neurálxico deste proxecto de investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.